O 11 de febreiro de 2009 o daquela aspirante á Presidencia da Xunta polo PP, Alberto Núñez Feijóo, convocou a prensa na terraza do compostelán Hostal dos Reis Católicos para, coa residencia oficial de Monte Pío de fondo, rubricar o seu Contrato con Galicia, unha caste de catorce mandamentos que o conservador asumía como compromiso "político, persoal e moral" para aplicar no caso de, como aconteceu, lograr o poder. Exactamente seis anos despois, cando xa ultrapasou o ecuador do seu segundo mandato, Feijóo resucitou por enésima vez o cada vez máis afastado bipartito de PSdeG e BNG para atribuírlle, desta volta, os atrasos e incumprimentos na aplicación da Lei de Dependencia.
O cuestionamento ao xefe do Executivo chegou dende o PSdeG cuxo voceiro, José Luis Méndez Romeu, ilustrou a súa petición de explicacións ao presidente con dúas cartas, as remitidas ao Grupo Socialista por Jesús e Trinidad, un home en situación de dependencia e a coidadora dunha anciá, respectivamente, que agardan dende hai anos por unha prestación que teñen concedida, pero que non dá chegado. O únco que recibiron estes dous cidadáns ata o momento, censura Romeu, é "unha carta" da conselleira de Benestar, Beatriz Mato, que é "un alarde de cinismo sofisticado" cara a as "16.000 persoas" que, coma estas, seguen a agardar. "Teñen que morrer sen recibir ningunha atención?", pregúntase.
Feijóo admite "falta de capacidade orzamentaria" para atender a todas as persoas dependentes que o precisan
Un lustro e un ano despois de comprometerse, no punto 6 daquel Contrato, a unha "dependencia efectiva" que supuxese "dotar aos dependentes e asistentes de garantías para que reciban o servizo que por Lei lles corresponde nun prazo seguro", Feijóo botou man do retrovisor para asegurar que "cando vostedes estaban atendíase ao 30%" das persoas dependentes "e agora, ao 68,5%". "Non sei se se refire ás 46.000 persoas que deixaron sen cobrar a lei de dependencia ou ás que aínda hoxe, por unha falta de capacidade orzamentaria -admite- seguen esperando", reprocha o titular da Xunta.
Romeu: "Dicirlles que a culpa é dun goberno de hai seis anos é faltarlles ao respecto e á intelixencia"
"Dicirlles que a culpa é dun goberno de hai seis anos é faltarlles ao respecto e á intelixencia, responda do seu", retrucou Méndez Romeu, quen se pregunta "que lles ten que dicir" o presidente a estas persoas dependentes e máis ás familias que as atenden. "Sabe suficientemente que é posible facer economías orzamentarias para atender estes casos máis escandalosos" pero "non hai un resto de sensibilidade, de compaixón", censura. "Abonda con ver a súa traxectoria -conclúe o socialista-, en seis anos xamais tivo un minuto para reunirse coa xente que sofre".
Os datos
En pleno tirapuxa coa oposición o presidente da Xunta referiuse aos datos concretos de persoas que reciben prestacións derivadas desta lei e que, como xa acontecera en anteriores declaracións públicas, non se corresponden cos rexistros oficiais do IMSERSO. "Sen dúbida vostede e a Cámara saben que cando chegamos ao goberno había 14.000 persoas que cobraban a lei" e agora, subliña, "levamos atendidas 77.000 persoas nos últimos anos".
O presidente mantén que "cando chegamos ao goberno había 14.000 persoas" atendidas, pero o IMSERSO indica que eran 25.000
Segundo os devanditos rexistros, elaborados a partir da información remitida polas comunidades autónomas, no mes de abril de 2009, cando Feijóo tomou posesión como presidente, recibían prestacións por dependencia en Galicia un total de 25.540 persoas, isto é, 11.000 máis das sinaladas por Feijóo. O dato máis recente, de novembro do pasado ano -o Ministerio de Sanidade aínda non ofreceu información de decembro de 2014 nin de xaneiro de 2015, o que xa suscitou protestas-, indica que as persoas con prestacións eran daquela 38.348.
Aínda que, como é evidente, na actualidade as persoas perceptoras de prestacións son máis que en 2009, segundo ano de aplicación da lei, non o é menos que na actual lexislatura se produciu un fenómeno practicamente inédito: a caída sostida de persoas beneficiarias da lei. Sempre segundo o IMSERSO, en marzo de 2013 o volume de dependentes con prestación tocou teito en Galicia, chegando aos 39.785. Nos meses seguintes, como amosa a gráfica, iniciouse unha tendencia descendente.
Malia ás subas puntuais, o 2013 foi o primeiro ano dende a existencia da lei no que, ao remate do exercicio, había menos persoas recibindo prestacións que no seu inicio. No caso concreto de Galicia a perda de persoas dependentes atendidas foi dunha media de sete ao día, cun descenso especialmente acusado entre xaneiro e agosto de 2014, cando a cifra quedou nunhas 36.500 persoas atendidas. Nos meses seguintes houbo un lixeiro aumento, ata chegar en novembro ás devanditas 38.348.