A nova aparición de terras contaminadas con lindano no Porriño devolveu hai uns días este conflito ao primeiro plano da actualidade. O pasado 23 de marzo foi descuberto un novo vertido na zona de Torneiros, un monte comunal próximo a O Contrasto e Pereira (onde o pasado ano se atoparan importantes cantidades de grava tóxica). De feito, segundo a propia comunidade de montes e a Plataforma Antilindano, a terra contaminada foi depositada pola empresa que o pasado ano realizara as obras de saneamento naqueles dous lugares.
Non se pode mirar para outro lado a ver se se esquece o tema e rezar para que non apareza máis", sinala a Plataforma Antilindano
De inmediato, a Plataforma esixiu unha "aclaración inmediata" por parte do Concello do Porriño "como promotor das obras e contratante das mesmas" á empresa que moveu as terras. "Primeiro soubemos dos vertidos na canteira de Xinzo e agora deste. Non se pode mirar para outro lado a ver se se esquece o tema e rezar para que non apareza máis", sinala a entidade.
Agora Eva García, alcaldesa do Porriño, vén de requirirlle ao Xefe da Policía Local que descubra "quen foi responsable do movemento de terras no barrio do Contrasto onde hai uns días presuntamente apareceu lindano". Igualmente, o Concello quere investigar quen levou a cabo outro acopio de terras anterior no mesmo lugar. O Goberno local explica que se procedeu á retirada das terras contaminadas "coas correspondentes medidas de seguridade para estes casos" e engade que "eses achados de suposto lindano están gardados nun bidón precintado a expensas do resultado das probas de laboratorio".
Acusacións cruzadas
O Concello "segue agardando polo plan de descontaminación que a administración autonómica se comprometeu a realizar en 2017"
O Concello do Porriño dirixiuse, así mesmo, á Xunta para denunciar que segue "agardando polo plan de descontaminación que a administración autonómica se comprometeu a realizar en 2017". O plan prometía unha actuación integral nunha zona na que se comprobou presenza de lindano no subsolo. "Tristemente o compromiso da Xunta de Galicia no ten recibido consignación orzamentaria e segue sen executarse", sinala o Goberno municipal.
Mentres, a Plataforma Antilindano amósase crítica coa Xunta e mais co Goberno local e vén de convocar unha concentración para o vindeiro luns na Praza do Concello, ás 17 horas. "Temos que tomar a Praza. Quen ten que
protexernos estase a rir de nós, tanto da xente que vive na Pereira-Contrasto, como do resto da veciñanza", di. "O Concello contrata obras en zonas contaminadas e as terras con lindano espállanse sen control de ningún tipo. Nin se molestaron en implantar un protocolo de movemento de terras, tan doado era facelo como guiarse polos doutras cidades", denuncia a entidade.
A Plataforma critica a Xunta e Concello
Ademais, critica que "a Xunta só dá explicacións cando lle peta a través dos medios de comunicación sobre un suposto plan de descontaminación que nunca chega". "Agora aseguran que non hai cartos e menten. Hai cartos da Unión Europea, pero hai que presentar un plan de actuación. Hai que poñerse a traballar seriamente e xa. Merecemos un respecto, nós e as futuras xeracións", din