A comezos da década dos 90 as obras de construción da A-55 obrigaron a retirar importantes cantidades de terra no lugar coñecido como Rotonda do Costilleta, na entrada ao centro do Porriño. A terra foi transportada en camións ata uns terreos situados entre o CEIP Mestre Valverde Mayo e o río Louro, en Mos. Pouco despois moitos nenos e nenas comezaron a presentar síntomas como dor de cabeza, vómitos e insuficiencia respiratoria, os provocados por unha exposición ao lindano. A ANPA do centro mobilizouse e obrigou a que cesase o transporte de terra ata o lugar e tamén forzou a retirada dunha parte (non de toda) da que xa fora depositada. A restante foi cuberta cunha capa de terra limpa.
"Precisamos dun traballo de diagnose co máximo rigor. Hai sobrados testemuños de grandes verteduras nas zonas sinaladas e hai que localizar e encontrar o veleno para acadar unha descontaminación total"
Historias coma esta son habituais en varios lugares do Porriño e Mos e están sendo recollidas nas últimas semanas pola Plataforma Antilindano da Louriña, que esixe que se faga un estudo en profundidade en toda a comarca, cun amplo mostrario de catas, para localizar aquelas áreas que están contaminadas, para proceder á súa desintoxicación. "Precisamos dun traballo de diagnose co máximo rigor. Hai sobrados testemuños de grandes verteduras nas zonas sinaladas e hai que localizar e encontrar o veleno para acadar unha descontaminación total", sinala a entidade.
Entre os lugares nos que a Plataforma sospeita -en base aos testemuños da veciñanza- que pode haber terras contaminadas están a parcela na que atopa a discoteca Queen, "toda a subida dende a rotonda do Cristo de Belén pola estrada de Gondomar, lindando co recinto de Biofabri e Syngenta", os predios ocupados por estas dúas empresas ou a estrada de acceso á urbanización San Rafael en Pereiras.
"Facemos un chamado aos gobernantes para dediquen os seus esforzos a erradicar a contaminación, en vez de a minusvalorar o problema e atacar a quen tentamos rematar con esta herdanza envelenada"
A plataforma reclama "a actuación inmediata das institucións no Porriño e en Mos, tanto Concellos como Consellerías de Medio Ambiente e Sanidade, para un urxente e axeitado diagnóstico dunha situación que non podemos aturar por máis tempo". Demanda "un plan de actuación integral no que, ademáis das medidas de descontaminación, se inclúa un estudo e seguimento da incidencia do lindano e outros pesticidas producidos nestas factorías sobre a saúde das persoas expostas". E pide "un protocolo de actuación para as obras públicas nas que se detecten verteduras de lindano nos desterros", chamando a atención sobre todo sobre as obras de remodelación que están previstas na devandita Rotonda do Costilleta.
A entidade respondeu tamén ás declaracións realizadas este xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que negou que houbera "ocultación de información" e depositou a responsabilidade no Concello do Porriño. "Facemos un chamado aos gobernantes para dediquen os seus esforzos a erradicar a contaminación, en vez de a minusvalorar o problema e atacar a quen tentamos rematar con esta herdanza envelenada", conclúe a plataforma.