Entre 1947 e 1964 a empresa Zeltia fabricou lindano (HCH) e outros pesticidas nunha planta do polígono de Torneiros, no Porriño. Máis de 1.000 toneladas de residuos xerados nesta fábrica foron vertidos na zona e noutros puntos do país. Unha parte deles volvéronse a empregar como firme para o amaño de estradas, o que orixinou diversos focos de contaminación por HCH. Ademais, nos terreos onde se situaba a fábrica construíronse vivendas de protección oficial en 1975 sen que se levara a cabo unha axeitada descontaminación da zona.
A superficie total de solos contaminados chega a 1 km2 e máis de 150.000 m3 de solos contaminados xa foron encapsulados
En 1999 a Xunta puxo en marcha un plan para a o estudo do estado dos seus solos e as análises feitas revelaron concentracións moi elevadas de isómeros de HCH en terras e augas subterráneas e de abastecemento, o que significa que a poboación da zona estivo exposta a un alto nivel de contaminación por lindano durante anos, con grave risco a súa saúde. En 2010 os e as habitantes das vivendas sociais sobre os terreos da antiga fábrica foron trasladados, pero aínda hai veciños e veciñas en zonas próximas que tamén reclaman seren relocalizados. A superficie total de solos contaminados chega a 1 quilómetro cadrado e máis de 150.000 m3 de solos contaminados xa foron encapsulados.
Segundo as medicións e controis realizados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil son dous treitos do río, un á altura da ponte da N-550 en Tui e outro no lugar da Rocha-Atios no Porriño, os que amosan os niveis máis preocupantes
Varios colectivos ecoloxistas, entre eles Ecoloxistas en Acción ou ADEGA, iniciaron o pasado ano unha campaña para instar as administracións a endurecer os controis sobre este contaminante con vistas a erradicalo do medio ambiente. Así mesmo, publicaron recentemente o informe Fabricación e uso do lindano: crónica dun envelenamento persistente e silencioso, que analiza esta problemática e os seus efectos en distintos puntos do Estado (Biscaia, Huesca, Soria, Palencia, Navarra...) e tamén no Porriño. O informe destaca que "a existencia da fábrica de lindano en O Porriño foi e é unha ameaza para a saúde das persoas que viven nese concello que levan décadas expostas a este perigoso contaminante. Ademais, estalle supoñendo á Xunta de Galicia un elevado gasto económico que, previsibelmente se seguirá incrementando, pois segue a ser necesaria de maneira urxente a axeitada descontaminación das terras".
ADEGA lembra que nalgúns puntos do río Louro, nos concellos do Porriño e Tui, atópanse concentracións de lindano en auga que chegan a multiplicar por 10 a concentración máxima admisible de xeito continuado dende 2010. E que segundo as medicións e controis realizados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil son dous treitos do río, un á altura da ponte da N-550 en Tui e outro no lugar da Rocha-Atios no Porriño, os que amosan os niveis máis preocupantes.
A entidade ecoloxista lembra que nos últimos anos lle solicitou á Xunta información sobre a situación do lindano en Galicia, puntos de contaminación, analíticas e medidas de control, así como as accións para adaptar a lexislación galega aos requirimentos europeos, que esixen que todos os planos hidrolóxicos incorporen como moi tarde en 2020 plans de acción para eliminar as substancias prioritarias e prioritarias perigosas (como o lindano). Ante a falta de resposta do Goberno galego, ADEGA recorreu á Valedora do Pobo, que admitiu a queixa.
Este venres a Xunta ordeou por fin o peche de sete pozos particulares na parroquia de Torneiros, no Porriño, e realizou unha recomendación xeral de “non consumir alimentos cultivados na zona afectada". Medio Ambiente anunciou ademais un proxecto "para a recuperación e limpeza dos solos despois do Nadal". A declaración como "non aptos para a captación de auga para consumo" dos ríos e zonas afectadas por substancias contaminantes persistentes é unha das demandas que ADEGA e outras organizacións veñen realizando nos últimos anos.
Os grupos ecoloxistas piden que "se amplíen e completen os labores de descontaminación até erradicar a totalidade dos materiais e sedimentos contaminados"
Os grupos ecoloxistas tamén piden que "se amplíen e completen os labores de descontaminación até erradicar a totalidade dos materiais e sedimentos contaminados" e que Xunta e Estado central establezan os límites de presenza de HCH nas aguas para consumo humano, que ata agora non existen. Tamén instan a UE a obrigar as administracións española e galega "a incorporar nos Planos Hidrolóxicos medidas para eliminar las sustancias prioritarias e prioritarias perigosas, mesmo baixo ameaza de sanción".