Sucedeu en Gondomar no ano 2015. Un home chamou ao posto da Garda Civil na localidade para consultar se resultaba ou non pertinente interpoñer unha denuncia por mor dun conflito veciñal. O axente que atendeu o chamada dixo non entender o cidadán por expresarse en galego. O veciño acudiu ao cuartel e a negativa non só foi a mesma, senón que acabou sendo instado a expresarse en castelán, sen que a xestión puidese ser completada. Agora a Defensora del Pueblo constata que a cidadanía ten dereito a se dirixir na lingua propia de Galicia a estes axentes e que, polo tanto, o funcionariado do Instituto Armado debe comprender tanto o castelán como o galego.
A titular da defensoría estatal, Soledad Becerril, vén de entregar nas Cortes o seu informe de 2016, no que se inclúen 622 queixas procedentes de Galicia, moitas delas vinculadas a áreas de competencia do Goberno galego -ao que o informe se refire recorrentemente como Junta de Galicia-. Nese resumo de actuacións a Defensora constata que o veciño protagonista daquel episodio en Gondomar formulou unha queixa formal por non poder empregar o seu idioma habitual ante a Garda Civil e que tiña razón para facelo.
"Dado o descoñecemento da lingua galega dos funcionarios non se puido atender a un cidadán que o requiriu"
"Dado o descoñecemento da lingua galega dos funcionarios destinados" en Gondomar "non se puido atender en dita lingua a un cidadán que o requiriu, primeiro telefonicamente e despois de forma presencial", referenda. "Para facer efectivo o dereito dos cidadáns a utilizaren nas súas relacións coas Administracións públicas a lingua cooficial da comunidade autónoma", subliña, a defensoría dirixiuse á Dirección Xeral da Garda Civil, daquela aínda ocupada polo ferrolán Arsenio Fernández de Mesa, para recordarlle o seu "deber legal" de "procurar que os postos de atención ao público e de recepción de denuncias" do Instituto Armado en Galicia sexan "desempeñados por funcionarios que coñezan a lingua galega".
As probas de acceso á Garda Civil inclúen un exame de ortografía en castelán e unha proba de inglés ou francés
A reclamación tramitada pola Defensora únese ás formuladas polo mesmo cidadán ante a Valedora do Pobo e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ante esas reclamacións a Comandancia da Garda Civil de Pontevedra sinalara, a finais de 2015, que o axente que non atendera esta xestión non era "orixinario de Galicia", se ben admitía que debera "realizar as xestións necesarias" para poder atender a xestión no idioma do cidadán", e por iso pedira "desculpas". Ante esta resposta A Mesa pola Normalización Lingüística considerara "positiva" a rectificación, se ben lamentara que non houbese "consecuencias" alén destas.
Este conflito produciuse nun contexto no que a Garda Civil non esixe coñecemento ningún das linguas oficiais diferentes do castelán para acceder ao corpo. Segundo as normas que rexen os procesos selectivos do persoal neste corpo de seguridade, ditadas nunha orde de 1996, na fase de oposición das probas inclúese un exame eliminatorio de "ortografía" en castelán e outro de "lingua estranxeira", inglés ou francés, pero ningún contido relativo a galego, euskera ou catalán.