Nos últimos anos as accións de En negro contra as violencias machistas tinxiron con esta cor as rúas, os escaparates ou os autobuses urbanos de cidades e vilas galegas. A acción de visibilización e denuncia que naceu en Santiago de Compostela no ano 2015 foi estendéndose por toda Galicia chegando o pasado ano a 138 concellos e a tres das catro deputacións provinciais.
As restricións obrigadas pola pandemia levaron á campaña a centrarse en Internet e as redes sociais
Neste ano moitas cousas mudaron e as restricións introducidas para frear a expansión da Covid-19 obrigaron á campaña a centrarse en Internet e as redes sociais. Un activismo virtual que quere lembrar que a visibilización e a denuncia das violencias machistas son neste momento "máis necesarias ca nunca", reclaman, pois a propia pandemia e o confinamento (sobre todo a pasada primavera) recluíron este problema no ámbito privado.
As etiquetas que se empregarán na campaña deste ano nas redes sociais son #EnNegro2020 #EnNegro #ContraAsViolencias #GaliciaEnNegro #NonEstásSoa e #QuerémonosVivas.
"Neste ano, no que a emerxencia sanitaria pola pandemia obrigou ao confinamento domiciliar, lonxe de mellorar a vida de moitas mulleres fíxose, se cabe, máis difícil", denuncia a campaña
Nesta ocasión son 145 concellos os participantes na campaña, xunto con 2 deputacións, 210 empresas, 155 colectivos sociais e 72 centros de ensino. "Neste ano, no que a emerxencia sanitaria pola pandemia obrigou ao confinamento domiciliar, lonxe de mellorar a vida de moitas mulleres fíxose, se cabe, máis difícil", denuncia a campaña, que fai un chamamento a "tomar medidas urxentes de prevención para facilitar a asistencia ás mulleres que se puideran atopar en situación de vulnerabilidade ou perigo".
"Conscientes das dificultades actuais para organizar accións presenciais, preténdese do mesmo xeito unir forzas e tinguir de negro, non só os establecementos, senón tamén as casas, as rúas e as redes sociais", sinalan. Levarase a cabo unha distribución de máscaras de protección (cun deseño que se pode descargar na web) e que será facilitado en Compostela pola rede de farmacias da cidade, onde se repartirán estes elementos. Haberá ademais, pezas audiovisuais e unha pancarta virtual que se colgará da web de En negro contra as violencias machistas.
Concentracións da CIG
"Pese a que pandemia puxo de manifesto a importancia dos coidados, estes non foron nin están a ser obxecto dunha protección especial durante a crise sanitaria", di a CIG
Este 25 de novembro a CIG levará a cabo concentracións en varias cidades e vilas galegas co obxectivo de denunciar que "pese a que pandemia puxo de manifesto a importancia dos coidados, estes non foron nin están a ser obxecto dunha protección especial durante a crise sanitaria". "Dende a CIG levamos anos reclamando que se lle dean ás tarefas de coidados o valor real que teñen como traballos esenciais para a sociedade", di a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Margarida Corral, quen engade que por esta razón o lema escollido este ano é "Descoidar a quen coida é violencia machista".
- A Coruña: ás 12h na Delegación do Goberno
- As Pontes: ás 12h na Praza do Hospital.
- Compostela: ás 12h no Complexo Administrativo de San Caetano.
- Ferrol: ás 12h no Edificio da Xunta.
- Lugo: ás 11h na Subdelegación do Goberno.
- Ourense: ás 12h na Subdelegación do Goberno.
- Pontevedra: ás 12h na Subdelegación do Goberno.
- Ribeira: ás 11:30h na Praza do Concello.
- Vigo: ás 12h no Edificio da Xunta
- Vilagarcía: ás 12h no Servizo Galego de Colocación