A campaña En negro contra as violencias machistas foi lanzada polo Concello de Santiago en 2015 como unha vía para "facer visible o rexeitamento da cidadanía" ás agresións de xénero en todas as súas formas, situando estas mensaxes en lugares nas que non era tan habitual atopalas. Institucións públicas da capital galega, pero tamén establecementos comerciais, colectivos cidadáns ou locais de hostalería tinguíranse de negro contra a violencia de xénero naquel primeiro ano.
Nos anos seguintes o goberno compostelán ofreceu a iniciativa a outros concellos e o proxecto comezou a medrar. Foron unha quincena en 2016, máis de 70 en 2017, superaron o centenar en 2018 e neste 2019 chegan aos 138, ademais de a tres deputacións, todas agás a de Ourense. O proxecto transcendeu lanzado polo anterior goberno compostelán (Compostela Aberta) foi asumido polo actual (PSdeG) e gran parte dos municipios que secundan a campaña fixérono visible este venres, ás portas do 25N, cun acto simbólico en Lugo.
A campaña foi lanzada polo Concello de Santiago en 2015 e dende o ano seguinte foi ofrecida aos demais municipios galegos
O vello cárcere lucense acolleu un acto encabezado por representantes de varios das institucións asinantes: a alcaldesa lucense, Lara Méndez, a rexedora de Vilalba, Elba Veleiro, a edil de Igualdade de Sada, Isabel Reimúndez, a responsable desta área en Teo, Iria Otero, o alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e mais o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo. Todos eles puxeron o foco nun dos eixos da quinta edición da campaña, a educación, máis aínda nun momento, enfatizou a rexedora lucense, no que existen forzas políticas que "negan" a existencia mesma da violencia machista.
O protocolo asinado por todo os concellos participantes na iniciativa parte da base de que "a violencia de xénero é unha realidade estrutural e multidimensional" e "un fenómeno global dende o punto de vista territorial, social, económico e cultural". É tamén, subliña, a "máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres polo mesmo feito de séreno". E con este pano de fondo, lembran, as leis contra a violencia de xénero estatal e galega alentan á realización de campañas para procurar erradicala.
A quinta edición da campaña pon o foco na educación, por factores como "o aumento da vulnerabilidade fronte á violencia de xénero das mulleres en idades cada vez máis temperás"
Os asasinatos, pero tamén "o aumento da vulnerabilidade fronte á violencia de xénero das mulleres en idades cada vez máis temperás", explica o documento, fan aínda máis necesario "actuar a través do desenvolvemento de programas e accións de prevención e sensibilización". Por iso se comprometen a desenvolver esta campaña "promovendo a implicación dos axentes sociais e económicos" de cada concello e a financiaren as acións en cadanseus ámbitos. Ademais, as deputacións implicadas comprométense a distribuír o material entre os municipios de menor dimensión.
Un ano máis, esta iniciativa desenvólvese sen implicación ningunha por parte da Xunta. A Vicepresidencia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, está a despregar a súa propia campaña baixo o lema NON, sen divulgar ningunha outra. Alén dos anuncios nalgúns medios de comunicación, neste 2019 a acción do departamento autonómico céntrase especialmente nun eido no que fora especialmente visible a acción En negro contra as violencias machistas en anos anteriores, a dos clubs deportivos, mediante a sinatura de convenios cos principais equipos do país.