No outono de 2015 o Concello de Santiago impulsou a campaña En negro contra as violencias machistas, encamiñada a "facer visible o rexeitamento da cidadanía" á violencia de xénero en recintos institucionais, pero tamén en locais comerciais e diversas entidades sociais da capital galega. Tras a boa acollida da primeira edición, o concello compostelán ofreceu a campaña ao resto de municipios galegos: en 2016 sumáronse unha quincena, en 2017 foron máis de 70 e o ano pasado superaron o centenar.
A campaña comezou en 2015 no Concello de Santiago e no pasado 2018 superou xa o centenar de municipios: "Educación e prevención son esenciais para frear as violencias contra as mulleres", subliñan nesta quinta edición
Con esta bagaxe chegou a quinta edición da campaña, que o novo goberno local de Santiago (PSdeG) asumiu do anterior (Compostela Aberta) porque, en verbas da concelleira de Igualdade, Noa Díaz, "as cousas que están ben feitas van continuar". Deste xeito, en vésperas do 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero, bota a andar a parte máis intensa dunha nova xeira da campaña que neste 2019 pon o foco con especial intensidade na necesidade da educación para erradicar as condutas machistas.
A sede Asociación Área Empresarial do Polígono do Tambre, que nesta ocasión tamén secunda a iniciativa, acolleu este luns a presentación das novidades dunha campaña que, explica a edil, parte do "convencemento de que a educación e a prevención son esenciais para frear as violencias exercidas contra as mulleres". Todo isto, subliña, nun ano no que xa foron rexistrados "oficialmente" 51 asasinatos machistas en todo o Estado, se ben "a estes feminicidios hai que sumar as miles de mulleres que sofren diariamente episodios de acoso e violencia sexual".
"Vacinas" contra o machismo
A asociación empresarial do Tambre acolleu a presentación das "vacinas contra as violencias machistas", un dos novos materiais da iniciativa, que tamén desenvolve actividades en centros educativos
O polígono do Tambre -unha das contornas máis transitadas de Santiago, lembrou o seu presidente- foi escenario tamén da presentación dun dos novos materiais da iniciativa, dúas mil "vacinas contra as violencias machistas". Trátase dun estoxo que contén a camisola negra da campaña, unha pulseira e un adhesivo para os coches ademais dun "prospecto": "A violencia machista é contaxiosa. Vacínate. Composición: Respecto 800 mg, Coidado 600 mg, Empatía 450 mg. Consentir e animar bromas e comentarios sexistas tamén é machismo", di o formulario.
Os centros escolares da cidade serán tamén "esenciais" nesta nova edición, adiantou a concelleira. Así, os colexios e institutos composteláns son convidados a penduraren as lonas negras da campaña e a expoñeren, o propio día 25 nun acto na Praza do Obradoiro, os resultados dos seus proxectos de sensibilización contra a violencia machista, tamén realizados no marco da campaña. O Concello de Santiago tamén fornece de materiais da iniciativa á cidadanía en xeral, se ben anima a reciclar o de anos anteriores. Repártense no Centro de Información á Muller, na rúa Galeras, ata o día 22 de 9h a 14H e de 15:30h a 19h.
Acto de adhesión dos concellos en Lugo e ausencia da Xunta
Como en anos anteriores, nas vésperas do 25 de novembro os concellos participantes na campaña En negro contra as violencias machistas farán visible a súa adhesión á iniciativa cun acto conxunto que nesta ocasións se celebrará en Lugo o día 22. Tamén acudirán as deputacións galegas que participan, todas agás a de Ourense.
O Concello de Lugo acolle o día 22 o acto oficial de adhesión de municipios e deputacións á campaña, da que un ano máis se desmarca a Xunta
Dende o consistorio lucense a súa alcaldesa, Lara Méndez, cre que "cómpre aproveitar" este acto na cidade da Muralla para "manzar unha mensaxe unánime" de "condena profunda" á violencia machista no marco dunha campaña que, no caso do municipio lucense, xa agrupa a "preto de 250" empresas, institucións e entidades. “Por iso, dende o 18 ao 28 de novembro, Lugo tinguirase de negro, por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte por asasinato. Tomemos as rúas da cidade, fagamos que sexan un gran escaparate para reivindicar que queremos un concello e un país libre de violencia", conclúe Méndez.
Un ano maís, a iniciativa Galicia en negro ten unha ausencia destacada, a da Xunta, que en anos anteriores evitou secundar esta campaña tanto no eido simbólico como no político e institucional mentres persoal da propia Administración galega denunciaba vetos á participación na campaña dos concellos, atranco que o Goberno galego negou. Así, por exemplo, os balcóns do Goberno galego son os únicos das institucións situadas na compostelá Praza do Obradoiro que non locen a campaña.
A Secretaría Xeral de Igualdade está a desenvolver outra volta a súa propia campaña, que volve centrarse en anuncios nalgúns medios de comunicación. Desta volta expándese tamén a un dos eidos nos que máis impacto tivo a acción En negro nos últimos anos, a dos clubs deportivos de diferente disciplinas.