O Concello de Santiago ratifica a continuidade da campaña En negro contra as violencias machistas, impulsada polo consistorio da capital galega dende o 2015 e que xa foi secundada por máis dun cento de concellos. "As cousas que están ben feitas van continuar, non hai ningunha intención de que remate", sinala a edil compostelá de Igualdade, a socialista Noa Díaz, a preguntas da prensa sobre unha moción na que Compostela Aberta apostaba por mantela. A edición de 2019 incluirá mudanzas para espallala a novos sectores cidadáns, avanzou. Na imaxe, concentración contra a violencia machista ante o Pazo de Raxoi, este mércores.
