Pontón anima a poboación "enfadada" co "bipartidismo harmónico" a apoiar o BNG como "única organización libre"

Ana Pontón intervén no acto de apertura do 'curso político' do BNG, este 14 de setembro en Carballo CC-BY-NC-SA BNG

O BNG citou este sábado os seus principais dirixentes en Carballo. A vila gobernada dende hai 16 anos polo nacionalista Evencio Ferrero é para a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, un "exemplo" de que "cando perseguimos os nosos soños", tornan en "realidade". O carballés, di, e boa mostra do "proxecto transformador" que, no inicio do curso político a líder nacionalista ofreceu ao conxunto do electorado, especialmente á poboación "enfadada" con "ese bipartidismo harmónico PP-PSOE ao que agora se suma Podemos".

O Bloque comezou o 'curso político' en Carballo, vila cuxo goberno é "exemplo" de que "cando perseguimos os nosos soños", tornan en "realidade", di Pontón

Baixo o lema 'Facer valer Galiza' o BNG desenvolveu o seu primeiro gran acto político desta nova xeira nun clima duplamente preelectoral. O das eventuais novas eleccións xerais do 10 de novembro, que se convocarán automaticamente se Pedro Sánchez non é investido antes do 23 deste mes, e o dos comicios galegos previstos para 2020. Ante ambas citas, aseverou, o Bloque é quen de se presentar como "única organización libre" de Galicia fronte a outras opcións "atadas de pes e mans" en Madrid, dixo.

Asistentes ao acto do BNG no parque do Anllóns de Carballo, este 14 de setembro CC-BY-NC-SA BNG

Despois das intervencións do alcalde de Carballo e de representantes de diferentes colectivos sociais, Pontón instou a base da organización soberanista a ver a posible repetición das xerais como unha "oportunidade". Se "a guerra de tronos de Sánchez e Iglesias acaba en eleccións, darémolo todo porque nos xogamos que Galiza sexa decisiva" e existirá "a gran oportunidade de que Galiza teña voz".

"Nós non lles imos fallar" ás persoas "enfadadas co seu voto" ao PSOE ou Podemos por mor da "guerra de tronos de Sánchez e Iglesias", di Ana Pontón, quen ve a Feijóo "cada día máis desesperado por facerse notar" no contexto estatal

É nese punto no que a líder do Bloque se dirixe ás persoas "enfadadas co seu voto" ao PSOE ou a Unidas Podemos. "Nós non lles imos fallar", promete, nin a causarlles a "vergoña allea dos deputados e deputadas electos por Galiza" o pasado 28A -de PP, PSdeG, Galicia en Común e Ciudadanos-. "Nin un só ergueu a voz" para lle dicir a Sánchez "que se quere ser presidente, as cousas teñen que cambiar en Galiza", reprochou.

Neste contexto, tamén ante un "Feijóo cada día máis desesperado por facerse notar" no contexto estatal, Pontón chama a "soñar" con "outra Galiza posíbel". Afastada da "frivolidade, loita de egos e persoalismo" da "corte madrileña". "Galiza -proclama- necesita máis que nunca ao BNG e estamos en disposición de ofrecer unha alternativa sólida" tamén cara a 2020. 

Nesa cita electoral, na que o Bloque di aspirar a retornar ao goberno unha década despois, pero tamén nas posibles novas xerais, Ana Pontón di ter clara a receita, "menos Madrid e máis Galiza", ilustrou para abordar asuntos como os fondos pendentes de ingreso á Xunta por parte do Estado, a "tarifa eléctrica galega, a solución para as empresas electrointensivas ou a transferencia da AP-9", subliña. Todo iso só pode logralo unha organización "quilómetro cero, co centro de decisión aquí" e non "PP, PSOE e Podemos, que son quilómetro 600", ironizou.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.