Alberto Núñez Feijóo tivo practicamente unha vintena de interlocutores entre líderes orgánicos e parlamentarios nos dez anos e cinco meses que acumula na presidencia da Xunta. Esa intensa rotación nas diversas forzas da esquerda galega na última década é unha das dúas ideas forza coa que o PP recibiu o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na súa estrea parlamentaria como líder da formación maioritaria da oposición. A outra, o bloqueo na formación dun novo Goberno den España e o seu impacto no atraso dos fondos do financiamento autonómico, que Feijóo esgrimiu contra un Caballero que o insta a "gobernar no ano que lle queda" na Presidencia da Xunta.
Gonzalo Caballero: "Leva xestionados máis de 100.000 millóns de euros cun balance fondamente negativo"
"Leva dez anos á fronte da Xunta, leva xestionados máis de 100.000 millóns de euros" cun balance "fondamente negativo" nunha Galicia "máis cativa, con menos poboación ocupada, con menos traballo, co medio rural máis abandonado e baleiro" e unha lexislatura convertida "nunha especulación sobre os seus intereses persoais", comezou o líder socialista. Estes, xulgou, son só algúns dos elementos que propiciaron a "nova maioría social do país" reflectida nas eleccións da primavera pasada: "en abril o 55% das galegas e galegos apoiaron as forzas de progreso", resumiu en referencia ás xerais do 28A.
O líder do PSdeG advirte a Feijóo da "maioría social de progreso" reflectida nas eleccións da primavera e o presidente retruca mofándose del: "Nos divertimos moito, estivo simpático"
No que semellou unha aposta por procurar unha combinación do ton de oposición co institucional Caballero retou a Feijóo a "decidir" se "quere gobernar no ano que lle queda". Ou se, pola contra, prefire "seguir na confrontación, na política de teatriño que lle mandan dende Madrid".
A resposta do titular da Xunta foi polo vieiro que xa anticipara nos debates previos con Antón Sánchez (Común da Esquerda) e Ana Pontón (BNG): reprochar que o Goberno de España aínda non transferise os 700 millóns pendentes do financiamento autonómico previsto para Galicia neste 2019. "Cando fala de teatrillo refírese aos 700 millóns?", preguntouse antes de afirmar que tan certo é que está a gobernar que xa deseña "a Galicia do ano 2030".
"Vostede xa se pon na oposición", ironizou Caballero antes de lanzar a Feijóo un reproche que todos os líderes da esquerda, sen excepción, lanzaron ao presidente popular nesta década. "Esta non é a sesión de control a Gonzalo Caballero nin ao PSOE, é a sesión de control a un presidente que ten gobernar", evidenciou.
Na quenda final, sen marxe de retruque para a oposición, Feijóo anunciou o envío dunha carta a Pedro Sánchez cunha "proposta de Real Decreto" que, di, permitiría transferir os fondos pendentes ás autonomías co Goberno de España en funcións
"Deixe a confrontación e póñase a gobernar", insistiu o socialista. "Queremos que no ano que lle queda goberne para os galegos e non sexa manexado pola confrontación dunha dereita botada á ultradereita", di. Pero tamén que sexa consciente de que a "maioría social" xa non apoia o PPdeG, dixo mentres na bancada da dereita o secretario xeral dos populares e outros cargos rían abertamente da súa intervención.
"Nos divertimos moito, estivo realmente simpático", descualificou Feijóo na súa quenda de peche antes de mofarse de Caballero porque, ao seu xuízo, "fala como presidente da Xunta" aínda que "nunca gañou as eleccións" e non é máis ca un "franciscano socialista" a dar "un mitin" no Parlamento. "Non sé dá conta vostede de que non é o señor Sánchez?", cuestionou antes de lanzar un anuncio cando xa non existía quenda de retruque para ningún voceiro da oposición: escribirá a Pedro Sánchez unha carta reclamando o financiamento pendente e anexará á misiva "unha proposta de Real Decreto" que, asegura, permitiría transferir os fondos ás autonomías mesmo co Goberno central en funcións.