A Xunta responde ao informe da Avogacía do Estado, que argumentaba que o Goberno central en funcións non podia pagar ás comunidades autónomas o que se lles debe mentres estea en funcións, con outro encargado á súa asesoría xurídica que conclúe que “o sistema de financiamento autonómico debe ser cumprido polo Goberno estatal con independencia de que se atope ou non se atope en funcións”.
Seguindo a ofensiva do PP para o desbloqueo destes fondos e, máis aló, contra Pedro Sánchez para mudar o financiamento autonómico tras anos de parálise con Rajoy, a Xunta sacou toda a artillería. Nunha rolda de prensa este luns, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, debullaron as conclusións deste “meticuloso” informe que advirte de que non hai impedimentos legais que impidan que o Executivo central destine ás autonomías o que lles debe, un total de 7.200 millóns, 700 no caso de Galicia.
O informe da Xunta conclúe que “o sistema de financiamento autonómico debe ser cumprido polo Goberno con independencia de que se atope ou non en funcións”
O informe, tal e como aclara a Xunta, achega solucións para que se abonen “xa” eses fondos ante as dificultades que o Goberno galego di ter xa para o pagamento dos servizos públicos. Unha delas sería a través dun decreto lei ou unha iniciativa lexislativa.
Ao tempo, e logo de anos de desleixo con Rajoy na Moncloa, a Xunta teima tamén en instar a convocar xa o Consello de Política Fiscal e Financieira para artellar unha solución “común” para todas as comunidades.
Segundo Rueda, o informe da Xunta e o da Avogacía do Estado “non son contraditorios” porque, segundo di o vicepresidente galego, o estatal “responde a unha pregunta moi concreta” e “sen intención de resolver o problema”, mentres que o galego procura “alternativas” para cumprir co financiamento autonómico.
Alfonso Rueda asegura que o informe da Xunta e o da Avogacía do Estado "non son contraditorios"
O informe da Xunta aclara que en xaneiro pasado o Estado xa aprobou o anteproxecto de lei de orzamentos, empregado como base polas autonomías para elaborar as súas contas. Segundo Valeriano Martínez, o documento insta á “actualización do que son os ingresos que nacen do sistema de financiamento”. “Xa hai cifras, non é algo que saia da ocorrencia de ningún goberno, é algo debido, procédase", di o conselleiro de Facenda, que advirte de "varias solucións" porque "as Cortes están vixentes".
E sería posible, segundo a Xunta, porque se basea no marco constitucional e na xurisprudencia existente ante a situación “urxente” pola que pasan as autonomías, con créditos “perfectamente identificados” en cada autonomía.
"Ollo ao dato!"
"Non podemos caer na estupidez de que os recursos que veñen do sistema de financiamento son as entregas a conta ou a súa actualización, esa é unha parte do problema", asegurou Martínez, que alertou dos "medos" existentes de que o Goberno se refira só ás entregas a conta cando fala de cumprir co financiamento autonómico.
Valeriano Martínez advirte dque dos 700 millóns que se deben a Galicia, hai 330 que corresponden coas entregas a conta pero 200 máis polo IVE
O conselleiro de Facenda advirte de que dos 700 millóns que se deben a Galicia hai 330 millóns que se corresponden coas entregas a conta, pero a estes hai que sumar 200 millóns do IVE e outros 170 polo desempeño fiscal. "Ollo ao dato!", exclamou sobre este punto o conselleiro.
O chamamento da Xunta insistiu en que os servizos públicos “non están en funcións” e lembrou que a volta ás escolas implica tamén pagar profesores, comedores e transporte. Ademais, Martínez preguntouse “por que non se aplica mañá mesmo” unha solución se, como se di, “realmente a teñen”, logo de que “o último” que se soubese é que non chegaría antes de mediados de decembro.
Martínez tamén reclama unha reunión coas comunidades e reprocha á ministra de Facenda, María Jesús Montero, que non respondese a unha carta emitida en xullo. Ademais, cre “irresponsable” que ella mesma fale de diferir pagos. Con todo, a Xunta insistiu en que non vai optar, polo momento, pola vía xudicial como si fixo Catalunya. “Non é o momento”, di Martínez, que non descarta facelo nun futuro.
A Xunta di que non optará agora pola vía xudicial pero non descarta facelo nun futuro
Finalmente, a preguntas da prensa sobre se a Xunta vai seguir a vía xudicial contra o Goberno, tal e como fixo Cataluña, Valeriano Martínez reiterou que "non é o momento" de optar por esa posibilidade.
Desde a oposición, o BNG insiste en que Feijóo use a vía xudicial para esixir eses 700 millóns e critica a “falta de acción política” do presidente galego. Luís Villares, pola súa banda, propón modificar a lei estatal do Goberno para “desbloquear” o finaciamento das comunidades autónomas e reta o PP a un debate monográfico no Parlamento, ademais de cualificar os populares e os socialistas de “oportunistas” por cruzarse reproches e “non buscar solucións”.