Os inquéritos levan semanas sinalando que, no caso de que o 10 de novembro se celebren novas eleccións xerais por non existir acordo para formar goberno antes do 23 de setembro, as variacións a respecto do 28 de abril serían esencialmente dúas. Por unha banda, o maior beneficiado relativo sería o PP, como grupo que máis medra tras o esfarelamento do 28A. Por outra, o PSOE gañaría un chisco de representación, pero non a suficiente como para dar gobernado sen pactos. Todo salferido por un incremento da abstención.
PSOE e UP volvéronse xuntar nun clima de desconfianza e cos inquéritos a sinalar que, no caso de haber eleccións o 10N, o PP sería o maior beneficiado relativo e os socialistas seguirían a precisar apoios para gobernar
Este é o pano de fondo co que este martes se celebrou no Congreso a segunda xuntanza dos equipos negociadores de PSOE e Unidas Podemos tras a investidura fracasada de Pedro Sánchez en xuño. Cando menos aparentemente o que ambas forzas tiñan sobre a mesa era buscar un pacto que permita investir a Pedro Sánchez antes do día 23 e así evitar a repetición electoral. Pero acabaron sen acordo.
Así o explicou o secretario de Acción de Goberno de Podemos, Pablo Echenique, tras a cita, que durou catro horas. Tras el, confirmouno a vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra. "A conclusión é que o PSOE non se move da súa formulación de formar un goberno de partido único", dixo Echenique. O dirixente de Podemos sinalou que as dirixentes socialistas advertiron de que, no caso de non aceptar este marco previo, "non debe volver haber reunións entre os equipos negociadores".

Echenique lamenta que o PSOE "non se mova" do plan de "goberno de partido único" e Lastra censura que UP se "negue a alcanzar un acordo programático progresista"
"Unidas Podemos negouse a alcanzar un acordo programático. Neste momento, non vemos unha saída a esa situación", sostivo Lastra. A dirixente socialista recoñeceu que na última parte da reunión pedíronlle aos enviados de Unidas Podemos "que reflexionen sobre que van facer nos próximos días e se van permitir ou impedir que haxa un goberno progresista".
Lastra di non dar por rotas as conversas, porque o PSOE sentará "as veces que sexan necesarias para alcanzar un acordo". Pero engadiu que UP debe "decidir" se "queren un acordo progresista cun acordo programático".
O PSOE deixa a pelota sobre o tellado de Pablo Iglesias. Só seguirá habendo negociación se UP renuncia ao Goberno de coalición ao que UP di que non vai renunciar. "Confiamos en que Unidas Podemos e as súas confluencias fagan unha reflexión", resume a socialista, que desbota tamén unha nova reunión entre Iglesias e Sánchez, a mesma que a voceira do Goberno de España en funcións, Isabel Celáa, deu por feita o pasado venres. Só "se verían" para "constatar un acordo", non para negociar.

Mentres as conversas volvían fracasar, no propio Congreso comezaba o trámite da proposición de lei de eutanasia que PSOE e Unidas Podemos apoiarán e que decaerá se, por falta de acordo para a investidura, as Cortes se disolven automaticamente o día 23
Tras o novo fracaso dunha xuntanza iniciada nun clima de desconfianza practicamente total e cruzamento de acusacións a través dos medios, a hipótese do 10N semella máis próxima ca nunca. Segundo o PSOE, "só falta" Podemos para que poida haber Goberno, xa que Sánchez conta co apoio do PNV se hai un acordo con Unidas Podemos e tamén coa abstención de ERC.
"Por nós non será", reiterou Gabriel Rufián este mesmo martes. "A boa noticia é que todo o tempo que pasan reunidos non o pasan nas redes e nos estudios botándose as culpas. Pedímoslles que fagan o seu traballo, que fagan política e que cheguen a un acordo. Se se chega a un acordo por nós non será. Sánchez ten que elixir se quere ser un presidente de esquerdas ou non selo", expresou no Congreso, alí onde este martes comezou o período de sesións ordinarias co debate da proposición de lei de eutanasia, cuxo primeiro trámite o PSOE sacará adiante cos votos de, entre outros, Unidas Podemos. A mesma proposición que decaerá se, por falta de acordo, o día 23 as Cortes se disolven automaticamente para dar paso á nova convocatoria electoral.