PSOE e Unidas Podemos seguen apurando o prazo do 23 de setembro no que quedarían convocadas novas eleccións se non se produce unha investidura
O próximo martes, 3 de setembro, a apenas 20 días da data límite na que de non haber un presidente do Goberno xa investido quedarán convocadas novas eleccións xerais de xeito automático para o 10 de novembro, o PSOE presentará nun acto público o que denomina “programa común progresista”, 300 medidas coas que quere presionar a Podemos para que vote a favor de Pedro Sánchez pero desbotando unha coalición. Pero a tres semanas dese punto sen retorno do 23 de setembro Podemos insiste no Goberno compartido e, ao tempo que lamenta a perda de tempo dos socialistas en abrir unha negociación, ofrece acordalo “en horas”.
Desde o PSOE destacaron este xoves que as súas 300 medidas vertébranse en seis epígrafes: emprego digno e pensións xustas; feminismo, loita contra a desigualdade social e calidade democrática; emerxencia climática e transición ecolóxica da economía; avance científico, tecnolóxico e transición dixital; España aberta a Europa e ao mundo e cohesión territorial: Estado autonómico e loita contra o despoboamento.
O PSOE di que nas súas 300 medidas "fai propias a maior parte das propostas realizadas por Unidas Podemos e polas organizacións e expertos da sociedade civil" nun documento que “admite debate”
Segundo os socialistas, as medidas incorporan propostas, entre outros, do documento "España avanza" do PSOE do 18 de xullo, da proposta enviada o pasado 20 de agosto por Unidas Podemos para "retomar o diálogo" e das "iniciativas expostas polas organizacións e expertos" coas que se reuniu Pedro Sánchez nas últimas semanas. Con elas, din, o PSOE "fai propias a maior parte das propostas realizadas por Unidas Podemos e polas organizacións e expertos da sociedade civil" nun documento que “admite debate”, e que "poderá ser ampliado e mellorado nas conversas que se produzan nas próximas datas", apuntan.
"Se o PSOE nos ofrece as mesmas condicións que en xullo, sentamos e nunhas horas temos acordo", di Pablo Iglesias, que insiste no goberno de coalición
Porén, Unidas Podemos insístese no goberno de coalición co PSOE para apoiar a presidencia de Pedro Sánchez e cre que o acordo é posible se a última oferta que fixeron os socialistas durante a sesión de investidura de xullo volvese estar sobre a mesa. Así o defendeu este xoves o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, nunha entrevista na Cadena Ser: "Se o PSOE nos ofrece as mesmas condicións que en xullo, sentamos e nunhas horas temos acordo", dixo.
A pesar de que Unidas Podemos presentou hai unha semana un documento con tres propostas de goberno que incluían ministerios que se descartaron na negociación de xullo (como Traballo ou Transición Ecolóxica), Iglesias recoñeceu este xoves que a súa formación negociaría un acordo partindo da última proposta do PSOE. O secretario xeral de Podemos engadiu que se esa proposta incluíse as políticas activas de emprego, unha proposta que el mesmo lanzou desde a tribuna do Congreso, o acordo sería inmediato.
Aquela última oferta do PSOE contiña unha vicepresidencia social e tres ministerios: os de Vivenda e Economía Social; Igualdade e Sanidade e Consumo, pero sen as competencias que pedían os de Iglesias, segundo Unidas Podemos.
"Desde a investidura de xullo Pedro Sánchez só falou comigo para felicitarme polo nacemento da miña filla", asegurou este xoves Iglesias.
Iglesias insiste no goberno de coalición que o PSOE rexeita e defendeu que un acordo que non implicase a entrada de Unidas Podemos no Goberno deixaría ao Executivo nunha situación de debilidade que abocaría a un adianto electoral o próximo ano. Porén, o ministro de Fomento en funcións e secretario de organización do PSOE, José Luis Ábalos, asegurou tamén na Cadena Ser que a oferta que se lle fixo a Podemos en xullo xa non está sobre a mesa. "O que antes era unha farsa agora vai ser suficiente? Non é serio", sentenciou.
Mentres se producen constantes declaracións aos medios e comunicación e actos públicos, o tempo segue a correr para que remate o prazo de investidura sen que no último mes se producisen contactos directos entre as dúas formacións ou os seus líderes. "Desde a investidura de xullo Pedro Sánchez só falou comigo para felicitarme polo nacemento da miña filla", asegurou este xoves Iglesias.