Pactos políticos sen ruído en Galicia fronte ao arriscado estrépito estatal

Pedro Sánchez, no seu escano do Congreso nun intre do debate de investidura © Congreso dos Deputados

A pasada semana o socialista José Tomé, alcalde de Monforte, foi investido presidente da Deputación de Lugo cos votos a prol do PSdeG e BNG. Coa constitución da entidade provincial lucense, adiada polos contenciosos electorais en Burela e Monterroso, quedaban despexadas as eleccións das persoas que terán na man durante os vindeiros catro anos os once principais bastóns de mando do poder local galego: os sete concellos máis poboados e as catro deputacións. A maioría destas eleccións estiveron sustentadas en acordos políticos pola esquerda, solventados nos máis dos casos en negociacións rápidas e sen excesivas tensións, lonxe do estrépito que está a marcar o proceso de investidura de Pedro Sánchez, que nestes días se debate no Congreso.

En todas as principais institucións locais galegas agás o Concello de Vigo a ausencia de maiorías absolutas fixo necesaria a negociación política, solventada na maior parte dos casos con rapidez e sen excesivas tensións, lonxe do estrépito que está a marcar a negociación da investidura de Sánchez

Só nunha destas once institucións o goberno saíu adiante sen intervención, por activa ou pasiva, dunha forza política diferente á do candidato que logrou a investidura. Abel Caballero repetiu como alcalde de Vigo apoiado na amplísima maioría absoluta que logrou o 26M, con 21 dos 27 edís da corporación para o PSdeG. No resto de gobernos urbanos e mais nas catro deputacións cumpriu negociar con máis ou menos intensidade.

No caso das cidades dúas delas, Lugo e Pontevedra, teñen dende mediados de xuño gobernos de coalición de PSdeG e BNG con alcaldía socialista, no caso lucense, e nacionalista no pontevedrés. Sobre a base dos contactos entre as direccións nacionais de ambas formacións, os equipos locais das dúas forzas pecharon en apenas dúas semanas os seus acordos e tanto Lara Méndez como Miguel Anxo Fernández Lores chegaron ás investiduras coas coalicións pechadas sen maiores desencontros que discordancias puntuais.

Méndez e Arroxo e mais Lores e Fernández, asinando cadanseus pactos de goberno en Lugo e Pontevedra CC-BY-NC-SA PSdeG / BNG

En dúas das outras tres cidades con gobernos sustentados en maioría da esquerda tamén foron necesarios acordos previos á investidura aínda que non frutificasen en gobernos de coalición. Inés Rey e Ángel Mato chegaron ás alcaldías da Coruña e Ferrol cos votos da súa formación, o PSdeG, do BNG e tamén cos indispensables votos a prol das formacións que gobernaran estas cidades no anterior mandato, Marea Atlántica e Ferrol en Común. 

No caso coruñés os socialistas acordaron xa medidas para todo o cuatrienio co Bloque e outro pacto de inicio de mandato coa Marea. Alén destes pactos a propia rexedora subliñaba recentemente nunha entrevista en Praza.gal a explorar a posibilidade do goberno de coalición durante o mandato. En Ferrol Mato e o ex-alcalde Suárez acordaron tamén un paquete de medidas básicas. En Santiago, dada a súa condición de forza máis votada, Xosé Sánchez Bugallo foi investido só cos votos socialistas, mentres que tanto Compostela Aberta como o BNG optaron pola abstención.

Mesmo no efervescente panorama ourensán houbo acordo bipartito con inéditos socios e por partida dupla. Tras o aberto escenario que deixaron os comicios o baltarismo non dubidou en sacrificar o que Alberto Núñez Feijóo situara como candidato en 2015, o ex-alcalde Jesús Vázquez, e entregarlle a alcaldía da cidade a Gonzalo Pérez Jácome, líder de Democracia Ourensana. A cambio, a que foi terceira forza na capital da provincia o 26M comprometeuse -e cumpriu- a soster a José Manuel Baltar na presidencia da Deputación, onde o PP sufriu a histórica perda da maioría absoluta. Non sen pirotecnia dialéctica previa os pactos asinados cumpríronse en tempo e forma.

Unha das xuntanzas dos equipos negociadores do PSdeG e a Marea Atlántica na Coruña CC-BY-SA MA

Un eventual fracaso da investidura de Pedro Sánchez que conducise a novas eleccións xerais marcaría inevitablemente o derradeiro curso político da lexislatura en Galicia e debilitaría as opcións dun cambio pola esquerda na Xunta

Tamén se cumpriu o asinado, pero pola banda esquerda e sen as viraxes vividas en Ourense, nas outras tres deputacións. Os socialistas Valentín González Formoso e Carmela Silva recuncaron nas presidencias da Coruña e Pontevedra mediante gobernos de coalición co BNG, agora con base socialista máis ampla, e en Lugo estreouse Tomé tras os reequilibrios no seo do propio PSdeG lucense, que así e todo pactou co Bloque sen excesivas tensións.

Deste xeito, ao contrario que noutras ocasións nos anos 90 do século pasado e durante a primeira década do século actual, as relacións locais entre as diferentes forzas da esquerda non semellan un atranco para o escenario político galego cando, agás no caso de adianto, resta pouco máis dun ano para as eleccións ao Parlamento de Galicia. Cuestión diferente é o que sucede co estrépito estatal: un eventual fracaso da investidura de Pedro Sánchez que conducise a unhas novas eleccións xerais marcaría inevitablemente o derradeiro curso político da lexislatura en Galicia, rearmando o argumentario do PPdeG e do propio Alberto Núñez Feijóo, a presentarse como garante da "estabilidade", e debilitaría as opcións dun cambio na Xunta pola esquerda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.