Vinte anos despois da súa primeira toma de posesión como alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores ergueu este sábado o bastón de mando por sexta vez. Fíxoo co soporte dos edís do BNG, forza máis votada, e desta volta tamén dos do PSdeG. Ambas forzas formarán un goberno de coalición cuxas bases están xa asinadas e que, advertiu Lores, non deixará "lugar para a relaxación ou o conformismo".
Mentres, no exterior do Teatro Principal -escenario dos plenos municipais nestas dúas décadas- persoal de ENCE increpaba tanto ao rexedor como ao voceiro do PSdeG e novo tenente da Alcaldía, Tino Fernández -a Policía identificou un dos manifestantes, que o perseguiu pola rúa puño en alto-, Lores subliñou que o groso do "modelo urbano" pontevedrés está xa implantado ou a piques de facelo. Por iso a cidade está "nos primeiros compases" dun "novo ciclo".
Lores coida que o groso do modelo urbano de Pontevedra está xa implantado: "Remataron os tempos do máis e chegan os tempos do mellor"
Ese novo ciclo, enunciou, ten moito que ver coas mudanzas que se están a producir a nivel global. "Remataron os tempos do máis e chegan os tempos do mellor, pasaron os tempos de medrar a toda costa e estamos nos tempos da mellor calidade, das mellores solucións" pasando, por exemplo, "da obsesión por máis vivendas á preocupación por mellores vivendas" ou "de máis coches, a coches menos contaminantes".
Neste contexto global, resaltou, Pontevedra ten practicamente "rematado" o "proceso de tránsito a unha cidade post- industrial" malia "comezar máis tarde" ca outras e aínda que "teña aínda pendente o traslado da celulosa", de ENCE. Por iso, considera, "cada vez teremos que ser máis pioneiros en máis campos da vida municipal" como a xestión do lixo, un dos puntos que especificamente reflicte o pacto de coalición co PSdeG. Tamén "o coidado do medio ambiente, a corrección de desequilibrios territoriais e sociais, a innovación e a creatividade" ou o "transporte acorde ás necesidades actuais", resaltou.
O goberno de coalición mantén entre as súas liñas políticas a "oposición frontal á permanencia de ENCE na marisma de Lourizán"
Coa anécdota do esquecemento de anotar correctamente o nome do alcalde na súa papeleta por parte da presidenta da mesa de idade, a edil nacionalista Pilar Comesaña, concluíu o reconto. 10 votos do BNG -Comesaña explicou entre risos que votara en branco por erro- e 4 do BNG apoiaron o novo goberno de Pontevedra, aínda que realmente son 15.
O pacto asinado por ambas formacións para gobernaren en coalición subliña entre os seus obxectivos potenciar medidas de benestar social, unha nova ordenanza de mobilidade, implantación de carrís bici ou o devandito novo contrato de recollida do lixo que potencie a compostaxe son outras das medidas que explicita o acordo, que tamén prevé continuar os plans de "promoción exterior da cidade". Tamén a liña política de manter a "oposición frontal á permanencia de ENCE na marisma de Lourizán"