A maioría que as urnas municipais deixaron na Coruña continúa á procura de tecer lazos que a convertan en estable. O novo goberno municipal do PSdeG, sustentado en 9 edís, procura estender os seus marcos ata os 17 votos que o pasado sábado apoiaron a investidura da alcaldesa, Inés Rey, cunha marxe de tres escanos por riba da maioría absoluta. O primeiro paso anunciárono a propia rexedora e o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, que este mércores confirmaron o peche dun pacto de mandato que non implica, así e todo, a entrada do Bloque no goberno.
O pacto, que non implica a entrada do Bloque no goberno, contempla medidas en materias como transporte e vivenda e aposta polo consorcio para a fachada portuaria mantendo "sempre a titularidade pública" dos terreos
Nunha comparecencia conxunta ante a prensa Rey e Jorquera presentaron un acordo no que a alcaldesa ve o "froito do diálogo e a lealdade política e institucional" durante unhas negociacións cuxo ton "agradeceu" expresamente. Para o voceiro nacionalista trátase dun "exemplo de como se deben facer as cousas" porque "estivemos traballando intensamente e con discreción, sen sobreactuacións".
No que atinxe aos contidos, este "marco de colaboración" para o mandato municipal 2019-2023 implican cuestións formais, como o "mantemento da presenza dos grupos municipais na Xunta de Goberno", xa implantada no pasado mandato, e medidas concretas como a creación de novas áreas peonís, o "estudo da xestión directa do transporte urbano", a creación dunha bolsa de vivenda en aluguer ou a aprobación dunha ordenanza de normalización lingüística.
O cumprimento do acordo PSdeG-BNG será avaliado en reunións periódicas dunha comisión de seguimento
O acordo detense tamén no que todos os grupos admiten como un dos grandes asuntos políticos na cidade neste mandato, o futuro da fachada marítima. Neste sentido o acordo de PSdeG e BNG aposta pola constitución "dun consorcio" entre todas as Administracións implicadas para definir a "transformación dos terreos do porto interior", mantendo "sempre a titularidade pública" e "condonando a débeda existente pola construción do porto exterior" ou "buscando outras solucións financeiras que en ningún caso representen unha hipoteca para o futuro da cidade". O cumprimento do pacto será avaliado en "reunións periódicas" dunha comisión de seguimento.
Con once escanos a prol nos eidos que contempla o acordo pechado polos equipos de Rey e Jorquera, continúan os contactos entre PSdeG e Marea Atlántica. A formación gobernante ata a pasada semana admite a existencia de "vontade real de negociación e cordialidade", se ben reclama "ser máis exactos", en verbas do concelleiro Iago Martínez. "O desexable cando queremos conformar maiorías de progreso é acompañar de números, prazos e responsabilidades" a parte "programática" dos posibles acordos, sinalou en Onda Cero.
Os socialistas continúan as conversas coa Marea, que pide maior "concreción" nas propostas para pechar un acordo
Neste sentido, Martínez considera "necesaria" a xuntanza prevista entre as comisións negociadoras de ambas formacións para este mesmo mércores, na que estará sobre a mesa o primeiro documento remitido polo PSdeG. Nel a Marea Atlántica di botar en falta referencias a asuntos como a "investigación de responsabilidades por desfeitas urbanísticas do pasado", a "titularidade pública dos terreos do bordo litoral" ou "a constitución da área metropolitana".
O propio PSdeG coruñés asumía a pasada semana que, tras a investidura da alcaldesa, lle correspondía asumir o peso das negociacións. A intención, segundo fontes socialistas, pasa por "ver que tipo de goberno se pode facer" a partir dese documento inicial das negociacións cun abano de posibilidades que pasan dende tentar a coalición ata buscar un acordo de mandato coa Marea Atlántica semellante ao acadado co Bloque que permitise, por exemplo, facilitar a constitución de maiorías para sacar adiante asuntos clave como os orzamentos.