Ata agora só unha muller exercera a alcaldía da Coruña. Fora Berta Tapia, que exercera o cargo durante uns poucos meses na etapa da Transición, antes da constitución dos primeiros concellos democráticos tras a ditadura. Pero a cidade nunca tivera unha alcaldesa elixida democraticamente. A primeira é dende este sábado a socialista Inés Rey, que accedeu ao cargo cos votos dos 9 edís que obtivo o PSdeG nas eleccións municipais xunto aos 6 da Marea Atlántica e os 2 do BNG.
Rey resalta a ruptura dun "teito de cristal" que supón a súa chegada á alcaldía e afirma que haberá "continuidade naquilo que se fixo ben"
Cunha marxe ampla sobre a maioría absoluta -14 edís- para a investidura pero, cando menos de momento, sen acordos estables para gobernar, Rey aproveitou o seu primeiro discurso para apelar ao "entendemento" e ao "diálogo" entre os grupos da corporación no inicio do que define como unha "nova etapa" para a cidade. Di aspirar a que ese sexa un dos "legados" deste mandato no que, afirma, tamén existirá "continuidade naquilo que se fixo ben".
Nun discurso bilingüe a nova rexedora coruñesa puxo o foco no feito de ser a primeira muller ao chegar ao cargo e na ruptura dun "teito de cristal" que esa circunstancia supón. Dende a Alcaldía, afirmou, seguirá o "exemplo" de referentes femininas da cidade como María Pita, Teresa Herrera, Concepción Arenal ou Elisa e Marcela, citou. Tamén, en clave de política contemporánea, citou como referente á falecida dirixente socialista Carme Chacón.
O apoio ao persoal de empresas en dificultades como Alcoa ou Isowat figurou tamén nun discurso que, no que atinxe ao eido estritamente local, fixou como prioridades algunhas das que xa durante a campaña se presentaban como principais tarefas do goberno local que saíse das urnas, tales como "o desenvolvemento da fachada marítima" ou o "desbloqueo de infraestruturas" como a estación intermodal.
Ambos proxectos, considera, contribuirán a "volver arrincar" unha cidade que tamén debe actuar como "motor económico" en Galicia, afirmou. "Quero que fagamos xuntos a cidade orgullosa de ser, de volver ser guía e faro de Galicia", enfatizou.
A nova rexedora asegurou estar disposta a ser "a alcaldesa de todas e todos" sen "negar a evidencia da que me sinto orgullosa: son socialista"
Comeza así un mandato no que Rey asegura estar disposta a "debater sen crispación" e a procurar "facer da diferenza, virtude" tanto no seo do Concello como con relación a outras institucións públicas. "Ser a alcaldesa de todas e todos" non implicará, non obstante, "negar unha evidencia da que me sinto orgullosa; son socialista, pertenzo a un partido con 140 anos de traxectoria que sempre estivo na primeira liña das conquistas sociais", resaltou.
A investidura de Inés Rey foi saudada con aplausos polos membros do seu grupo e tamén polos da Marea Atlántica. Tamén por ex-rexedores como o actual delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, Francisco Vázquez, Carlos Negreira e quen foi alcalde neste último mandato, Xulio Ferreiro, todos eles presentes no salón de plenos do Pazo de María Pita. A sesión finalizou coa interpretación do himno galego por parte do Coro Cantabile.