Hai agora dez anos, en xuño de 2009, aínda non transcorreran os cen días de graza de Alberto Núñez Feijóo na Xunta. O líder do PPdeG era xa observado como o barón territorial que recuperara a Xunta para o seu partido e que ademais brindara a Mariano Rajoy unha vitoria electoral clave para a súa supervivencia política tras perder por segunda vez contra o PSOE de Zapatero.
Foi naquel 2009 cando o equipo de Feijóo impulsou a operación coa que, unha vez reconquistada a Xunta, pretendeu acabar co baltarismo desartellando a manobra de José Luis Baltar para situar ao seu fillo á fronte da presidencia provincial do PP de Ourense para despois facer o mesmo na Deputación provincial. O aparello do PPdeG e mesmo do PP central promocionaron un candidato alternativo ao proceso congresual provincial, Juan Manuel Jiménez Morán, na altura alcalde de Verín, que acabaría caendo por 723 a 423 votos. Aquela fora, sobre todo, a primeira e máis sonora derrota política de Feijóo e os seus afíns, que xa non puideran facer nada por evitar, dous anos despois, que Baltar pai legase a Baltar fillo tamén o poder na Deputación.
En 2009 Feijóo pretendeu desartellar a sucesión baltarista e acabou sufrindo unha sonora derrota
O bastón de mando da Deputación que Baltar volveu erguer este venres foi, precisamente, o que o baltarismo viu en risco tras as eleccións municipais do pasado 26M. Tras un axitado mandato na contorna do PP de Ourense temíase a perda de ata dous deputados provinciais que os fixesen baixar do limiar dos 13 que marcan a maioría absoluta na institución que a familia controla dende 1989. E así sucedeu. Baltar quedou con 12 e a aritmética da nova corporación dáballe dúas alternativas para reter o poder: pactar con Ciudadanos (1 escano), que se alimentou de escindidos do propio PP para as municipais, ou facelo con Democracia Ourensana (2 escanos), o partido local que fixo do antibaltarismo unha das claves do seu crecemento.
O barón ourensán puido actuar dende o convencemento de que a cúpula de Feijóo non o ía frear pola independencia do PP de Ourense e pola necesidade do PPdeG de conservar a Deputación para afrontar as eleccións galegas
O PSdeG, primeira forza no concello da capital provincial -9 de 27 edís- e segunda da Deputación -9 de 25 deputados- ofreceu o que chamou un "pacto pola rexeneración política para poñer fin ao caciquismo dos Baltar", que na Deputación pasaba por unha complexa maioría na que confluísen PSdeG, DO e, tamén -e ao mesmo tempo- BNG e Ciudadanos. Para explorar esa posibilidade o líder dos socialistas na provincia e candidato á alcaldía de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, mesmo puxo sobre a mesa a posibilidade de alternárense no poder cos de Jácome, cuestión que non era pacífica sequera dentro do propio PSdeG.
Pero, alén dos movementos do PSdeG, a maquinaria do PP estaba a pleno rendemento. O discurso oficial da dirección do PP galego limitouse a reiterar a doutrina da "lista máis votada", asegurando que "deixaría gobernar" aos socialistas no Concello se eles facían o propio con Baltar na Deputación. Unha posibilidade tan remota como a de que Baltar non xogase todas as súas cartas para reter o poder.
O barón ourensán podía actuar dende o convencemento de que a cúpula de Feijóo non o ía frear por dous motivos. Un, a absoluta autonomía -ou mesmo independencia- da franquía ourensá do PP a respecto da dirección galega. O outro, a case igual de absoluta necesidade de conservar a Deputación de Ourense para que a estrutura do baltarismo non esfarelase e con ela, o celeiro de votos ourensán, clave para poder chegar a 2020 con aspiracións reais de manter a Xunta.
A política ourensá ferveu durante as dúas semanas que transcorreron entre a confirmación da perda da maioría absoluta na Deputación e o anuncio do acordo con Democracia Ourensana. Dese fervedoiro emerxeu un pacto rubricado por Baltar e Jácome, noutrora inimigos, que implicaba outorgar a alcaldía de Ourense ao líder de Democracia Ourensana -terceira forza da corporación, cos mesmos 7 edís que o PP, pero menos votos- a cambio de salvar o baltarismo na Deputación. Os insultos que ambos se dedicaran pasaran a ser cousas do pasado. "Agora" a relación é "excelente". Falan "todos os días" e mesmo "pode" que intercambien memes cos seus teléfonos móbiles, declarou Baltar a Onda Cero. Os dous bipartitos estaban feitos.
Baltar logrou impoñer a súa lei cuns beneficios colaterais para o PPdeG que fan que agora, mesmo máis que no derrubamento frustrado de hai unha década, fique claro que o baltarismo pode sobrevivir politicamente a Feijóo
Nese intercambio Baltar sacrificou sen gran dor ao ex-conselleiro Jesús Vázquez tras catro anos de exercer a precaria alcaldía que Feijóo lle encomendara conseguir e Jácome fixo o propio co seu antibaltarismo. A cambio, Jácome logrou a alcaldía que desexaba e Baltar, a presidencia da Deputación, pero tamén algo máis: o compromiso de que Democracia Ourensana non volva presentarse ás eleccións autonómicas, a comezar polas de 2020.
Baltar logra deste xeito evitar que uns cantos milleiros de votos a DO poidan, nun escenario axustado, restarlle escanos autonómicos ao PP de Ourense, os cales á súa vez adoitan ser claves para que o PPdeG reteña a maioría absoluta no Parlamento de Galicia. Baltar salvou o seu momento máis crítico e logrou impoñer a súa lei cuns beneficios colaterais para o PPdeG que fan que agora, mesmo máis que no derrubamento frustrado de hai unha década, fique claro que o baltarismo é quen de durar politicamente máis que o propio Feijóo.