O novo goberno bipartito de Democracia Ourensana e PP en Ourense xa ten asignadas as súas concellerías. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, asinou o pasado mércores o decreto de delegación de competencias que, na práctica, supón o primeiro paso efectivo da alianza na cidade, en cuxa negociación o PSdeG implica directamente a José Luis Baltar, pai do actual líder dos populares ourensáns, en vésperas da constitución da nova corporación na Deputación.
Como xa avanzaran ambas formacións, a única Tenencia de alcaldía do goberno bipartito en Ourense é para un dirixente da máxima confianza de José Manuel Baltar, Jorge Pumar, quen ademais exerce as áreas de Medio Ambiente, Perímetro Rural e mais Cooperación Institucional, o que o converte na ligazón coa Deputación. Aínda que ambas formacións teñen sete edís, DO exerce sete áreas de goberno -incluíndo a Alcaldía- e os populares, só seis. A razón é que o ex-alcalde e polo momento tamén concelleiro, Jesús Vázquez, queda fóra do goberno ao tempo que a dirección do PPdeG decidiu nomealo senador.
O PP sitúa como tenente de alcalde único a un dos dirixentes máis próximos a Baltar e logra tamén áreas relevantes do goberno local como Urbanismo
Pola banda de Jácome, que admitiu cambios de "última hora" no organigrama do seu goberno", quedan áreas como Infraestruturas, Mobilidade e Transporte (Miguel Caride) e unha das que o agora alcalde máis criticou pola súa xestión mentres estivo na oposición, Recursos Humanos (Armando Ojea). Tamén serán de DO os edís de Cultura (Mario González), Educación (María Teresa Rodríguez), Servizos Xerais (temporalmente ligada á alcaldía mentres non se produce a anunciada dimisión da concelleira Ana Isabel Bertolez) e outro dos servizos nos que o propio Jácome puxo o foco nestes anos, Seguridade Cidadá, xunguida nunha soa concellaría con Comercio (Ana Isabel Rebanales).
Para o PP, alén da área que xestionará Pumar, quedan outras como Urbanismo (Sonia Ogando), o cal resultou especialmente significativo para as forzas da oposición, entre as que tamén se destaca a inexistencia dunha Concellería de Igualdade. O partido que no anterior mandato foi o único no goberno xestionará tamén Política Social (Eugenia Díaz), Facenda (Ana Fernández Morenza), Deportes (Mario Guede) e Participación Cidadá, ligada na mesma área a Turismo, Termalismo, Xuventude e Voluntariado (Flora Moure). Jesús Vázquez, que nunha entrevista na Cadena SER lembraba este mesmo mércores os "insultos" e "ameazas" que, di, recibiu de Jácome durante o pasado mandato, non ten ningunha área de goberno.
O PSdeG ve a Baltar pai clave nas negociacións
Mentres Jácome e Pumar anunciaban a estrutura do bipartito o líder do PSdeG ourensán, Rafael Rodríguez Villarino, volvía cuestionar o que considera como "pacto da vergoña". A través dun vídeo divulgado en YouTube, quen o 26M encabezou a lista máis votada na capital ourensá afirmou que "Jácome e Baltar xa asinaran o pacto para manter o cacique na Deputación" mentres, ao tempo, Democracia Ourensana seguía a negociar con el mesmo. Concretamente, di, propoñendo "que o PSOE comezase a gobernar no consistorio ata as eleccións autonómicas" apenas "uns minutos antes" do anuncio do acordo co PP.
Villarino: "O propietario de DO mantivo encontros con Miguel Tellado e José Manuel Baltar no hotel Araguaney de Santiago" e reunións "con nocturnidade na casa de Baltar pai"
O PSdeG, admite Villarino, chegou a formular a proposta de goberno por quendas de dous anos tanto no Concello como na Deputación e propuxo negociar de xeito "formal" no Liceo de Ourense. Pero "Jácome non asistiu a ningunha reunión formal e preferiu restaurantes, hostais e salas de hotel". Así, di o socialista, "o propietario de DO mantivo encontros con Miguel Tellado [secretario xeral do PPdeG] e José Manuel Baltar no hotel Araguaney de Santiago" para despois "retornar a Ourense no mesmo coche do presidente provincial en funcións". Tamén, afirma, existiron reunións "con nocturnidade e por espazo de máis de dúas horas na propia casa de Baltar pai".
Democracia Ourensana, a través das redes sociais, asegura que a versión do acontecido ofrecida por Villarino non se corresponde coa realidade. O PSdeG, así e todo, advirte de que a posibilidade de cambio na Deputación aínda non está pechada. Se DO quere poñer fin á "rede clientelar" dos Baltar, reta, aínda pode "votar a favor do PSdeG para presidir a Deputación" e así promover "mudar favores por dereitos e cumprir as promesas por dignidade e por riba dos intereses persoais".