PSdeG e Ferrol en Común chegan a un acordo programático pero Ángel Mato gobernará en solitario

Ángel Mato ergue o bastón de mando como novo alcalde de Ferrol © PSdeG-PSOE Ferrol

Ángel Mato e Jorge Suárez compareceron de forma conxunta para explicar o resultado das negocacións 

Non haberá goberno de coalición en Ferrol. PSdeG-PSOE, Ferrol en Común e BNG non foron quen de chegar a un acordo para conformar un executivo bipartito ou tripartito e os socialistas gobernarán en solitario, con 8 dos 25 concelleiros da corporación. Si hai, no entanto, importantes coincidencias programáticas entre as tres forzas, que suman a maioría absoluta, 13 edís, os mesmos que hai dúas converteron a Ángel Mato en alcalde.

Este martes Ángel Mato e Jorge Suárez (Ferrol en Común) compareceron de forma conxunta para explicar o resultado das negocacións que nas últimas semanas mantiveron as dúas formacións e detallaron as razóns que finalmente levaron non conformar un executivo conxunto. Con todo, PSdeG-PSOE e Ferrol en Común si chegaron a un "acordo programático" de dez puntos, que debe guiar a acción do goberno e que contribuirá, segundo afirmaron, a "darlle estabilidade" durante os vindeiros catro anos.

PSdeG-PSOE e Ferrol en Común chegaron a un "acordo programático" de dez puntos, que debe guiar a acción do goberno e que contribuirá a "dar estabilidade"

Entre estes dez puntos, destaca a aposta "pola mellora das infraestruturas", destacando a necesidade de mellorar as comunicacións da cidade co resto do país, especialmente no que se refire á conexión ferroviaria coa Coruña e ao tren do norte que conecta a comarca coa Mariña lucense e con Asturias. Tamén se incide na reclamación da supresión da peaxe na AP9 entre Ferrol e A Coruña. O acordo tamén se refire ao urbanismo, coa aprobación dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal e de "novos proxectos que fagan de Ferrol unha cidade compacta e sostible".

Igualmente, fálase do fomento do emprego e de frear o devalo demográfico, de manter e potenciar as políticas de igualdade, de traballar para erradicar a pobreza na cidade, de defender o medio ambiente e de protexer o benestar animal. Finalmente, faise unha aposta por potenciar a candidatura da cidade a Patrimonio da Humanidade e o Camiño Inglés a Compostela.

Ángel Mato e Jorge Suárez, este martes en rolda de prensa © Ferrol en Común

"Esperamos que un goberno de esquerdas se consolide nesta cidade, dando un exemplo de unidade, para poder continuar cun proxecto común de cidade", dixo Suárez

Mato e Suárez incidiron en que as coincidencias entre as dúas formacións posibilitarán que "a esquerda goberne Ferrol e saian moitas cousas adiante”. E afirman que nestes momentos as discrepancias que existen nalgúns puntos non facían recomendable establecer un goberno de coalición, unhas discrepancias que “se poden manifestar mellor dende a oposición que dende o goberno", sinalou Suárez que dixo que a súa formación "non quería entrar no Goberno a calquera prezo". 

A sinatura do Convenio co Ministerio de Defensa, a remunicipalización de servizos, a devolución da depuradora á Xunta, ou o reparto de competencias nun hipotético goberno conxunto, foron algúns dos puntos de desacordo.

Con todo, o líder de Ferrol en Común salientou a necesidade de que Ferrol conte cun goberno "de esquerdas" e "estable". "Sabemos o que significa a inestabilidade política dentro do Concello e o que supón en termos de prexuízo para a vida cotiá das persoas", engadiu. "Esperamos que un goberno de esquerdas se consolide nesta cidade, dando un exemplo de unidade, para poder continuar cun proxecto común de cidade", rematou.

"Non é o mellor inicio, pero é un bo inicio", concluíu Ángel Mato

"Non é o mellor inicio, pero é un bo inicio", concluíu Ángel Mato, que confirmou que nos vindeiros días dará a coñecer o reparto de áreas de goberno. A vindeira semana convocarase ademais un pleno extraordinario para completar a organización municipal de comisións e de representación institucional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.