Quedan horas, poucas horas, cada vez menos. Este xoves a media tarde Pedro Sánchez ten en xogo seguir na Moncloa durante a segunda votación de investidura. E, nestes momentos, coa negociación con Unidas Podemos atrancada, non lle saen as contas: PP e Ciudadanos desdeñaron o rogo do candidato socialista para facilitar a súa investidura coa abstención; e con Pablo Iglesias protagonizou un duro enfrontamento cargado de reproches.
Malia ao duro enfrontamento tanto PSOE como Unidas Podemos din que manteñen abertas as negociacións cara á decisiva votación do xoves
Nun debate programado para tratar de sumar apoios e chegar ao xoves con máis "si" que "non", Sánchez chegou a convidar o seu "socio preferente" a buscar un entendemento con PP, Ciudadanos e a ultradereita de Vox. "Suman maioría absoluta", espetoulle. "Señor Sanchez, se finalmente decide ir a novas eleccións, témome que nunca será presidente", retrucou Iglesias, quen lembrou que Unidas Podemos "non se vai deixar pisar por ninguén".
Malia todo, tanto o PSOE como Unidas Podemos din que manteñen abertas as negociacións co fin de chegar a un acordo antes da decisiva votación do xoves: fontes do grupo confederal contan con proseguir as reunións este martes pola mañá.
Sánchez dedicou boa parte das dúas horas e media da súa intervención inicial a pedir a abstención a Pablo Casado e Albert Rivera, fundamentalmente para buscar as súas contradicións: "se de verdade son un partido de Estado, non bloqueen o único goberno posible"; "se non queren un goberno coa aquiescencia dos independentistas, dean vostedes o seu apoio". Fontes socialistas xustificaron despois que o candidato á presidencia buscaba "desmontar" á dereita.
Tras pedir a abstención de PP e C's, Sánchez asegurou que "toca traballar para sacar adiante todo o que une" a PSOE e Unidas Podemos
As dúas dereitas dixeron que non. Numerosas veces, sinalando as alianzas potenciais de Sánchez: "Independentistas, comunistas, batasunos, populistas". Cos que, segundo reiterou Rivera até a saciedade, "está a pactar nun cuarto do lado", que o líder de Ciudadanos, o máis exaltado no debate, cualificou como "a habitación do pánico". Todo dito nun contexto no que Rivera acusa o presidente do goberno en funcións de "ter un plan" e "unha banda".
Lonxe de evidenciarse ese teórico pacto que denuncian PP e Ciudadanos, o que se exhibiu no Congreso dos Deputados foron as grandes dificultades que atopa Sánchez para negociar o Goberno de coalición con Unidas Podemos. Así o fixo ver na súa primeira intervención: "Falamos moito das diferenzas e estamos a comprobar que non é sinxelo atopar un punto de encontro (...) Procedemos de dúas tradicións da esquerda. Agora toca traballar para sacar adiante todo aquilo no que coincidimos, todo o que nos une".
Negociacións enquistadas
O discurso inicial de Sánchez molestou aos seus potenciais aliados, que lle reprocharon que non fixese ningún xesto ao grupo co que pretende gobernar en coalición tras a renuncia de Pablo Iglesias. Os ánimos fóronse caldeando durante toda a xornada despois de que as conversas fracasasen a medianoite do domingo e unha reunión entre Carmen Calvo e Pablo Echenique antes de que comezase o debate mantivese o desencontro. O PSOE avivou o discurso de que non teme a outras eleccións e descartou que houbese outra oportunidade para chegar a un entendemento en setembro.
"Se non hai acordo, non voten coa ultradereita", retou Sánchez a Iglesias
Na súa resposta a Iglesias, o candidato socialista profundou máis nas dificultades do acordo que nas vantaxes de sacalo adiante. Chegado a un punto, Sánchez espetou: "E se non hai acordo, non voten coa ultradereita, non se opoñan por segunda vez a un candidato socialista. Exploremos outras solucións, como un acordo de lexislatura ou un acordo de investidura. Temos diferentes culturas políticas, diferentes visións sobre Catalunya e xuntos non sumamos maioría absoluta".
"Respecten aos nosos 3,7 millóns de votantes e non nos propoñan ser un mero decorado no seu Goberno", reprocháralle antes Iglesias. Unidas Podemos quéixase de que só lles ofreceron "responsabilidades simbólicas" dentro do Executivo. Fontes do grupo confederal aseguran que se trata de postos de nova creación, é dicir, ningunha das carteiras completas que conformaron o Goberno desde a moción de censura. "Dixéronme que non ao modelo valenciano de equipos mixtos, e que nin falar de competencia de Facenda; nin de competencia de Traballo; nin falar de competencia de Igualdade; nin de Transición Ecolóxica; Ciencia, e dixeron, nin falar: que nos ofreceron? Explíquello á Cámara", retou Iglesias a Sánchez. O candidato socialista optou por non usar a súa quenda de réplica e deixou a pregunta sen responder.
Unidas Podemos sostén que o ofrecemento do PSOE foi unha "vicepresidencia simbólica, sen competencias nin contidos"
A cúpula socialista asegura con todo que os postos que propuxeron a Unidas Podemos "si son relevantes" e consideran que Unidas Podemos está en esixencias de máximos. Fontes gobernamentais din que lles propuxeron unha "vicepresidencia social". No grupo confederal sosteñen que o ofrecemento é unha "vicepresidencia simbólica sen competencias nin contidos" para sacar adiante as medidas que defenderon desde a campaña electoral. Na repartición dos postos está o principal escollo do entendemento cando faltan só dous días para a votación definitiva.
Unidas Podemos cre que Sánchez non quere un acordo
Sánchez, que asegurou que non ten un "ánimo monopolístico do poder" e que o quere "compartir" con Unidas Podemos, foi duro con Iglesias ao advertir de que non pode permitirse votar outra vez en contra dun candidato socialista "nesta ocasión xunto coa ultradereita", repetiu varias veces, e ofreceulle alternativas ao goberno de coalición que hai uns días deu por feito se Iglesias daba un paso atrás. "Hai moitas opcións que se poden abrir nestes días. Estou aberto a ese Goberno de coalición", asegurou Sánchez no hemiciclo tras propoñer tamén un acordo de investidura ou de lexislatura se a coalición se fai imposible. "Mediten o seu voto", reiterou.
En Unidas Podemos interpretáronse as súas palabras de maneira unánime. "O problema non era Iglesias, é que non queren un Goberno de coalición", resumía unha destacada deputada do grupo confederal.
Na bancada socialista tamén se estendeu o desconcerto tras o duro enfrontamento entre Iglesias e Sánchez. Deputados, cargos intermedios do Goberno e asesores saíron atónitos do Congreso. "Pinta mal", comentaba un deles. "Hoxe véxoo menos que onte", dicía outro sobre as posibilidades de que un o primeiro acordo para un Goberno de coalición chegue a bo porto.
"Queremos Goberno. Ímolo tentar"
Tras a liorta entre Sánchez e Iglesias comezou a repartición de culpas. A dirección socialista responsabilizou ao líder de Podemos polo "ton" e reprochoulle que falase de "cadeiras de brazos" no Pleno. Sánchez dixo que está disposto a correr o risco dun Goberno de coalición, pero na outra beira ten que haber "responsabilidade", sinalan fontes socialistas. Mentres, no grupo confederal cren que o PSOE só busca "escusas" para non chegar a un entendemento. "Moita predisposición non hai", lamentaba un deputado de Podemos ante os xornalistas.
Malia ao inédito enfrontamento en plena investidura ambas partes aseguran seguir confiadas nas posibilidades dun acordo
Malia ao enfrontamento, inédito durante unha sesión de investidura por parte de dous partidos que buscan ser socios de goberno, ambas as partes mostráronse con todo confiadas en que aínda poidan chegar a un entendemento para un goberno de coalición antes da votación definitiva deste xoves, a partir da cal se non hai maioría empezaría a correr o calendario de dous meses para unhas novas eleccións. "Paciencia, paciencia", dicía un dos colaboradores de Sánchez. "Queremos Goberno. Ímolo tentar até o xoves", asegura outro alto cargo de Moncloa.