Pablo Iglesias afástase: renuncia a formar parte do Consello de Ministros e ofrece a Pedro Sánchez negociar o programa e os equipos dun Goberno de coalición. Despois de que diversos cargos do PSOE e do Goberno de España en funcións sinalasen a eventual presenza de Iglesias como "principal" atranco para a acordar unha coalición, o líder de Unidas Podemos comunicou a súa renuncia a Pedro Sánchez e, a continuación, fíxoa pública a través dun vídeo divulgado en Twitter.
"O PSOE di que o único atranco que evita ese goberno son eu. Estiven reflexionando nestes días e non vou ser a escusa para que o PSOE evite ese goberno de coalición", afirma Iglesias nese vídeo sobre a nova posición de Sánchez, que se abriu a incorporar a dirixentes da cúpula de Unidas Podemos agás a el mesmo.
Iglesias afástase e advirte: pode haber pacto se hai coalición e se o PSOE acepta os nomes propostos por Unidas Podemos para o Consello de Ministros
Pablo Iglesias traslada deste xeito a pelota ao tellado do PSOE, a quen empraza agora a negociar un acordo "integral" que inclúa programa e equipos. O secretario xeral de Podemos acepta o "veto" que lle impuxo Sánchez. Pero advirte: pode haber pacto se o presidente do Goberno en funcións acepta nomes de ministros e ministras que Unidas Podemos sinale.
"A miña presenza no Consello de Ministros non vai ser o problema", reitera Iglesias, pero "a condición de que o PSOE asuma que non pode haber máis vetos e que a presenza de Unidas Podemos no próximo Goberno ten que ser proporcional aos votos, así como que a proposta, loxicamente, a vai facer Unidas Podemos", di no vídeo a respecto dunha negociación que pilotaría Pablo Echenique.
Os socialistas argumentaran causas "políticas e funcionais" para excluír a Iglesias do Consello de Ministros e mostráronse dispostos a estudar a incorporación doutros nomes da cúpula do grupo confederal de Unidas Podemos. "O principal obstáculo é Iglesias. Falemos da participación doutros membros de Unidas Podemos recoñecidos", expresou Adriana Lastra, vicesecretaria e voceira parlamentaria do PSOE nunha entrevista en RNE.
"Sen vetos nin imposicións podemos chegar a un acordo. O presidente escoitará as propostas e decidirá o equipo. Empecemos polos contidos", responde o PSOE
No entanto, Sánchez sempre sostivo que os ministros que se incorporen ao gabinete deberán ser "consensuados". No PSOE salientan que a potestade do presidente é elixir o Consello de Ministros en función da "confianza" que lle inspiren as persoas.
Neste sentido, minutos despois da difusión do vídeo de Iglesias fontes gobernamentais citadas pola Cadena SER amosaban "alivio" pola decisión do líder de Podemos que, aseguran, non deixaba de ser un "paso atrás" agardado. Así e todo, as mesmas fontes consultadas pola devandita emisora agregan que manteñen a preocupación polos eventuais nomes de ministros ou ministras que poidan propoñer dende Unidas Podemos.
Minutos despois transcendeu outra resposta do PSOE ao movemento de Iglesias: "Sen vetos nin imposicións podemos chegar a un acordo. O presidente escoitará as propostas e decidirá o equipo. Empecemos polos contidos. Primeiro programa e despois, o Goberno", din os socialistas para resumir a súa postura. A sesión de investidura comeza o martes.