A hora da verdade. Cando están a piques de cumprirse tres meses dende as eleccións xerais do 28 de abril, dende este luns está en marcha no Congreso dos Deputados o debate de investidura de Pedro Sánchez, o segundo ao que se somete na súa vida política o líder do PSOE, quen tras fracasar no intento de 2016 logrou acadar a presidencia en 2018 tras sacar adiante a moción de censura ao Executivo de Mariano Rajoy.
A sesión de investidura bota a andar co seu triunfo ou fracaso pendente das negociacións dos socialistas con Unidas Podemos. O escenario destas conversas virou de vez o pasado venres, cando o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, fixo oficial a súa renuncia a esixir ser ministro como condición para o pacto. Iglesias tombaba así o que o propio Sánchez presentara como principal obstáculo para formar un goberno de coalición e activaba a efectos prácticos as negociacións definitivas.
Como informan Irene Castro e Andrés Gil para eldiario.es, o debate de investidura comeza sen que haxa un acordo pechado. Este domingo á medianoite pechouse o que foi o primeiro día de negociación entre o PSOE e Unidas Podemos e, aínda que opten pola discreción, ambas forzas admitían a primeiras horas do luns que, previsiblemente, o debate comezará cun escenario aberto.
A negociación real comezou o sábado pola tarde. Dun lado, a vicepresidenta en funcións, Carmen Calvo; na outra beira, o negociador por parte de Unidas Podemos, Pablo Echenique. Dende a banda de UP, que subliña que o relevante é o "programa" do novo Goberno, sinalan como potenciais obstáculos que "por parte do PSOE ofrecen unha vicepresidencia simbólica sen competencias e carteiras que non permiten desenvolver as políticas que estamos a pedir", explican fontes da formación.
"Ata o xoves hai tempo", din fontes da negociación en referencia á segunda votación, á que previsiblemente se chegará por mor da ausencia de maioría absoluta na primeira
A estrutura do gabinete e os nomes de quen ocupan as carteiras corresponde en última instancia ao presidente, segundo lembran desde o PSOE. Os socialistas recoñeceron ao pór en marcha os contactos "que a designación dos ministros de Unidas Podemos sería o primeiro atranco". Aínda que os de Sánchez recoñecían que o "ideal" era chegar ao pleno de investidura cun acordo pechado, aseguran que hai marxe ata o xoves, cando se celebraría a segunda votación se, como previsiblemente sucederá, non existe maioría absoluta na primeira. "Trabállase para chegar a un acordo pero sen o reloxo posto para o luns para non engadir máis presión. Ata o xoves hai tempo", resaltan.