O intensísimo ciclo electoral precipitado polas eleccións xerais do 28A, que continuou un mes despois coas municipais e europeas do 26M, deixou o PSdeG nunha posición que os propios socialistas galegos nin sequera imaxinaban non hai moito tempo. A combinación de factores, dende a dinámica ascendente do PSOE en España á división da dereita pasando polos problemas internos no espazo das Mareas tornou nun vento de cola que os elevou ata onde nunca estiveran: primeira forza política en Galicia por primeira vez na súa historia.
Os bos resultados numéricos nestas tres citas coas urnas, engadido ao alargamento do poder territorial en concellos relevantes, insuflaron aos de Gonzalo Caballero optimismo cara ás eleccións galegas previstas para 2020. Ven "semente" para un "cambio" de Goberno en Galicia baseada nunha "maioría social progresista" liderada polo propio PSdeG, afirmou Caballero, quen se dispón a entrar no Parlamento como líder da primeira forza da oposición tras a ruptura do grupo de En Marea. Como primeiro paso, este mércores recolle a súa acta.
O relato da "fin de ciclo" do PP e de Alberto Núñez Feijóo ten agora diante de si un contrarrelato semellante ao que xa tivo antes dos comicios galegos de 2016: a sombra do bloqueo político en España. Os desencontros personificados en Pedro Sánchez e Pablo Iglesias cara ao debate de investidura que se desenvolverá a vindeira semana no Congreso dos Deputados incomodan no PSdeG en clave estatal, pero tamén galega. Cómpre unha investidura canto antes, a ser posible "en xullo", advertiu Caballero este martes.
Gonzalo Caballero apela á "responsabilidade colectiva" para que "en xullo" haxa en España un "goberno socialista, progresista e de esquerdas" con "plenas competencias"
Así o fixo ver o secretario xeral socialista durante unha visita a Camariñas . "Queremos que en xullo haxa un goberno en España con todas as competencias" e para iso, advertiu, cómpre "responsabilidade colectiva". El, afirma, desexa un "goberno socialista, progresista e de esquerdas" a pleno rendemento "canto antes" porque é o que "corresponde" en virtude dos resultados do 28A. A cidadanía "non quere repetir eleccións", senón un goberno liderado por Pedro Sánchez "canto antes", reiterou antes de lembrar que o presidente do Goberno en funcións e candidato á reelección conta con "todo o apoio" da dirección nacional do PSdeG.
Alén da evidente oportunidade para a recuperación do voto da dereita e do risco de desmobilización da posible desafección do electorado da esquerda, moi mobilizado no 28A, unha eventual repetición das eleccións xerais sería, a priori, pouco propicia para o PSdeG. Seríao na medida en que engraxaría o argumentario co que, dende finais de xuño, Feijóo tenta retomar a iniciativa política: a "estabilidade". Practicamente todos os anuncios e eventos protagonizados polo presidente da Xunta nas últimas semanas estiveron apoiados nesa idea.
Unha eventual repetición das eleccións xerais sería pouco propicia para o PSdeG na medida en que engraxaría o argumentario co que, dende finais de xuño, Feijóo tenta retomar a iniciativa política: a "estabilidade"
Mesmo o nomeamento de Corina Porro como delegada do Goberno galego en Vigo inmediatamente despois de encomendarlle a xestora do PP local é, segundo Feijóo, exemplo de "estabilidade". Porque en Galicia, defende o presidente, a maioría absoluta do PP permite que todo sexa "estable" e non haxa sobresalto ningún a respecto de quen goberna.
Se, finalmente, a investidura de Sánchez é desbloqueada, o novo Goberno de España afrontaría o outono a pleno rendemento e, previsiblemente, anunciando ou aplicando medidas en clave social que son especialmente ben acollidas no PSdeG. "A Galicia vaille ben" cun Goberno socialista no Estado, reitera Caballero.
Se, pola contra, a investidura estatal segue bloqueada en setembro e a ausencia de maioría de goberno deriva en novas eleccións, a repetición dos comicios tornaría en principal ariete do PPdeG contra o líder socialista, que no outono porá voz ao seu grupo no derradeiro debate de política xeral da lexislatura. A combinación de bloqueo e repetición electoral tornaría, daquela en vento de cola para os conservadores, que alentarían cara ao obxectivo de tentar a cuarta maioría absoluta consecutiva ou, cando menos, cara á posibilidade de reter o Goberno galego unha década despois de desbancar a coalición de PSdeG e BNG.