En marcha as remudas no Grupo Parlamentario do PSdeG no Parlamento que terán como mudanza máis visible a entrada na Cámara do secretario xeral do partido, Gonzalo Caballero. Abel Losada, ata agora deputado por Pontevedra, iniciou xa os trámites da súa xa prevista renuncia ao escano tras ser elixido concelleiro en Vigo, onde é responsable de Cultura, Emprego e Participación Cidadá.
Os socialistas prevén que este mércores, ao remate do pleno ordinario, a Mesa do Parlamento faga efectiva esta renuncia e con ela, dea paso á incorporación ao lexislativo do quinto candidato do PSdeG por Pontevedra en 2016, o propio Caballero. A renuncia de Losada vén acompañada de, como mínimo, outra máis. A do coruñés Juan Díaz Villoslada, que deixa o Parlamento para dedicarse só ao labor municipal, no seu caso como concelleiro de Urbanismo do novo goberno da Coruña. No seu caso a substituta será María Teresa Porritt, número seis nas eleccións.
A substitución de Losada e Villoslada será visible no outono, cando o secretario xeral do PSdeG asumirá as preguntas a Feijóo e representará o seu grupo no derradeiro debate de política xeral da lexislatura
O feito de que estas mudanzas cheguen no remate do período de sesións -a actividade ordinaria da Cámara finaliza o 15 de xullo e retómase a mediados de setembro- provoca que a nova composición do Grupo Socialista, primeira forza da oposición tras a ruptura do Grupo de En Marea, non sexa visible no Pazo do Hórreo a efectos prácticos ata as portas do outono. Daquela Caballero comezará a exercer como presidente do grupo e dende esa posición, previsiblemente, comezará a intervir nas sesións de control ao presidente da Xunta e será principal representante do PSdeG no derradeiro debate de política xeral da lexislatura -tras a última reforma legal, esta sesión extraordinaria non se celebra en anos electorais-.
O PP mófase do secretario xeral do PSdeG afirmando que "non se atreve a ir á Cámara por medo" a Feijóo e Caballero reta a que o presidente da Xunta "elixa lugar e hora para un debate"
Dende a dirección socialista mantense que, na liña do expresado polo propio Caballero, a súa entrada no Parlamento para o tramo final da lexislatura responde ao plan xa trazado dende a súa chegada á secretaría xeral, un "roteiro ben perfilado" que está a levar o partido a "unha posición máis forte ca nunca", afirmou o líder do PSdeG nunha recente entrevista con Praza.gal. Nesa mesma liña, o propio Caballero advirte de que malia incorporarse á Cámara, os seus "esforzos" seguirán centrados en que o PSdeG logre a "mobilización do electorado progresista" para "construír unha maioría progresista en 2020".
O PP, pola contra, interpretou nos últimos días por boca do seu secretario xeral, Miguel Tellado, que Caballero "non se atreve a ir á Cámara por medo a medirse co presidente da Xunta" e por iso adía a recollida da acta parlamentaria. Neste sentido, Caballero retrucaba instando a Feijóo a "elixir lugar e hora" para "un debate" e "alí estarei". Aínda que a Feijóo realmente "nunca lle gustou o debate político" porque "prefire ampararse no marketing electoral antes que responder polos seus fracasos", di.