A popular despídese do Consello Económico e Social cun ‘catering’ de 616 euros
O nomeamento como delegada da Xunta en Vigo de Corina Porro, a persoa que máis cargos públicos distintos ocupou nos últimos anos nesa cidade, foi presentado este luns polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na súa toma de posesión como un exemplo de “estabilidade”. Porro chega a este novo posto público, que compaxinará co control do PP de Vigo, entre críticas dos partidos da oposición e dos sindicatos, dos primeiros polo que consideran un uso partidista das institucións por parte dos populares e dos segundos polo descabezamento do Consello Económico e Social (CES), que presidía desde 2011. A súa saída dese órgano, anunciada hai máis dun mes pero concretada agora, prodúcese cun “catering de despedida” de 616 euros.
Hai mes e medio Feijóo encargou a Porro a presidencia da xestora do PP de Vigo despois da dimisión da anterior presidenta e candidata, Elena Muñoz, tras a súa derrota nas municipais, nas que só conseguiu o 13% dos votos fronte ao 67% de Abel Caballero. Porro era desde 2011 presidenta do CES, o principal órgano de diálogo e deliberación dos axentes sociais coa Xunta, posto público que deixa ao asumir, como lle trasladaron varios membros do mesmo, que non podía ser compaxinado coa dirección dun partido político. Porén, a saída de Porro do CES non se concretou ata a pasada semana, cando o xoves Feijóo nomeou a Porro delegada da Xunta en Vigo. Ese mesmo día o CES incorporaba á web de contratación un contrato menor co concepto “servicio de catering despedida presidenta do CES”, por importe de 616 euros.
Feijóo, que hai un mes lamentou que o investimento da Xunta en Vigo “non tivo rendibilidade electoral”, pide transmitir o que fai o seu Goberno na cidade “máis clara e máis intensamente”
Este luns, na toma de posesión do cargo, nun acto na rúa ás portas da delegación da Xunta en Vigo, Feijóo intentou contrapoñer a súa decisión de trasladar a Porro do CES ao PP e a delegación da Xunta en Vigo fronte á inestabilidade doutras administracións, en velada referencia ao Goberno central: “Os nosos debates non versan sobre como se forma o goberno ou cando, senón sobre iniciativas, proxectos”, dixo. E tras lamentar hai un mes que o investimento da Xunta en Vigo “non tivo rendibilidade electoral” para o PP, volveu insistir este luns en que a galega é a administración que máis inviste na cidade, algo que pediu “transmitir máis clara e máis intensamente”.
A comunicación deses investimentos correu nos últimos anos por conta do anterior delegado ao que agora substitúe Porro, Ignacio López-Chaves, que se destacou polas súas case diarias roldas de prensa para criticar actuacións do Concello e de Abel Caballero ou comunicar informes negativos da Xunta sobre actuacións municipais. Este luns Feijóo, pola contra, presentouno como “un vigués educado, paciente, traballador e honesto, esencial para que ese modelo cooperativo que deseñamos funcione na práctica cotiá”.
Os partidos da oposición critican que Feijóo emprega recursos públicos da Xunta para reconstruír o PP en Vigo
Desde os partidos da oposición, pola contra, o traslado de Porro do CES á delegación e o PP de Vigo supón unha utilización partidista das institucións por parte de Feijóo. O PSdeG mesmo solicitou que o presidente compareza nun Pleno extraordinario do Parlamento de Galicia para dar explicacións dun movemento que o portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, cualifica de “confusión interesada entre a política partidaria e institucional”. “A Corina Porro se lle encarga reconstruír o partido en Vigo e a continuación ponse nas súas mans a delegación da Xunta nesa cidade, alimentando unha confusión que nos parece perigosa para a calidade democrática entre o plano político partidario e o institucional”, di o socialista.
Desde o grupo parlamentario de En Marea o seu portavoz, Manuel Lago, lanzaba días atrás unha crítica similar. “Porro será a delegada de Feijóo para reconstruír o seu partido en Vigo”, dicía, e criticaba que “se o PP quere ter unha persoa para reconstruír o seu partido, non pode empregar os recursos públicos, non só os económicos, senón tamén os institucionais, para que esa persoa faga ese traballo”.
No BNG, o seu portavoz en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, criticaba tamén días atrás que o nomeamento de Porro supón unha “volta ao pasado” que evidencia que o PP “non entendeu nada” tras o seu novo afundimento electoral nas pasadas municipais.
CCOO e CIG lamentan que non se saiba aínda quen vai substituír a Porro á fronte do CES mes e medio despois de anunciarse a súa saída
Desde os sindicatos, CCOO reprocha a Feijóo que sitúe “os intereses do partido por riba dos de Galicia” ao non renovar aínda a presidencia do CES mes e medio despois do anuncio da marcha de Porro, o que deixou ese órgano “nunha situación de provisionalidade”. Para CCOO “non é de recibo” que o PP recompoña a súa estrutura en Vigo “á custa das necesidades do país” , e lembra que o proceso de diálogo social entre a Xunta, patronal e sindicatos non pode verse interrompido polos cambios na presidencia do CES.
Tamén desde a CIG lamentan “que non se saiba nada de quen vai substituír” a Porro á fronte do CES, de cuxo descabezamento fan responsable aos intereses partidistas do PP. “Queren arranxar os seus problemas internos a conta das institucións”, critican fontes do sindicato nacionalista presentes nese órgano.