Fracaso. Tras horas de barafunda, filtracións e acusacións cruzadas o pleno celebrado este 25 de xullo no Congreso constatou a implosión das negociacións entre o PSOE e Unidas Podemos e o novo fracaso da investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España. As acusacións mutuas que marcaron a relación entre ambas forzas nos días previos despregáronse na Cámara Baixa sen marxe para arranxos de última hora e convertendo en aínda máis real a posibilidade dunhas novas eleccións xerais no vindeiro 10 de novembro.
O reparto de culpas polo fracaso centrou boa parte do debate previo ao fracaso da investidura, que activa o 'reloxo' de dous meses antes dunhas eventuais novas eleccións xerais
O reparto de culpas do fracaso centrou boa parte do debate na sesión, onde grupos como Esquerra Republicana ou o PNV apelaron infrutuosamente ao entendemento e a evitar unha nova convocatoria electoral que, advertiron, combina tanto risco de abstención masiva entre o electorado progresista como de suma das formacións da dereita. "Cantos anos nos imos arrepentir a esquerda do de hoxe?", preguntou retoricamente o republicano Gabriel Rufián.
Dende a tribuna Sánchez e Pablo Iglesias discreparon sobre as ofertas e contraofertas intercambiadas nos últimos días nas negociacións entre PSOE e Unidas Podemos. "Lamento constatar que persiste o bloqueo parlamentario", dixo Sánchez, quen advertiu a Iglesias de que "se me obriga a elixir entre a presidencia de España ou as miñas conviccións, elixo as miñas conviccións", dixo tras relatar a súa versión das negociacións. "Os resultados do 28 de abril e do 26 de maio deixaban clara a vontade de que o Goberno estivese encabezado polo PSOE. Calquera persoa sensata sabe que iso non significa un cheque en branco", agregou
Iglesias aproveitou a súa quenda para ofrecer o que presentou como unha proposta 'in extremis'
Iglesias aproveitou a súa quenda para ofrecer o que presentou como unha proposta 'in extremis'. "Renunciamos ao Ministerio de Traballo se vostedes nos ceden as políticas activas de emprego", dixo o líder de Unidas Podemos desde a tribuna. No seu escano, Sánchez respondeu cun xesto, negando coa cabeza. Esa idea, segundo Pablo Iglesias, partiu inicialmente dun "destacado" membro do PSOE.
"Non leve aos españois a eleccións. Negocie connosco desde o respecto", concluíu Iglesias. Unidas Podemos optou, finalmente, pola abstención. Deste xeito, os votos a prol de Sánchez quedaron en 124.
En marcha o 'reloxo' da repetición
Como informan Irene Castro e Andrés Gil para eldiario.es, o fracaso da investidura activa a conta atrás para unhas eventuais novas eleccións. Se non se celebra un novo debate no mes de setembro -e sempre que desa votación salga investido Sánchez- serían as cuartas eleccións xerais en catro anos.
De haber eleccións xerais o 10 de novembro serían as cuartas xerais en catro anos
Nas 48 horas que transcorreron entre estas dúas votacións PSOE e Unidas Podemos foron incapaces de pechar un acordo para formar un Goberno de Coalición. Os socialistas deron por finalizadas as negociacións na tarde do mércores, cando afirmaron que era imposible acceder ás peticións do partido de Pablo Iglesias e puxeron sobre a mesa a súa última oferta: unha vicepresidencia de Asuntos Sociais e os ministerios de Vivenda, Sanidade e Igualdade.
Desde Unidas Podemos rexeitaron esa oferta argumentando que baixo esas carteiras apenas había competencias. O equipo negociador que encabezaba Pablo Echenique rebaixou a súa proposta inicial a unha, presentada este xoves, que reclamaba para o seu partido unha vicepresidencia social, Sanidade, Traballo e Ciencia. Os socialistas rexeitárona ao momento.
Pouco despois a dirección do partido de Pablo Iglesias reuniuse para fixar a súa posición de voto: abstivéronse "ante a falta de acordo para un Goberno de coalición". O mesmo fixeron EU, PNV, ERC e Bildu. En total, 67 votos que deixaron a Sánchez moi lonxe de obter de novo a confianza da Cámara para repetir como presidente do Goberno de España