Casado teima na confluencia electoral do PP con Ciudadanos e Feijóo elóxiaa para "fóra de Galicia"

Casado e Feijóo, con outros dirixentes no mitin do PP en Cotobade o 7 de setembro © PP

Antes de emprender viaxe cara a Polonia para participar nun congreso sobre "diplomacia rexional e económica" o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compartiu mitin de "inicio do curso político" con Pablo Casado en Cotobade e ofreceu entrevistas á Radio Galega e ao xornal La Voz de Galicia. En ambas o tamén líder do PPdeG deu en especular coa posibilidade de volver ser candidato á presidencia da Xunta, como xa fixera hai catro anos, e mantivo unha relativa distancia de seguridade a respecto do plan estrela do seu xefe de filas, Pablo Casado, para unhas eventuais novas eleccións xerais, a coalición con Ciudadanos baixo a marca España Suma e as súas correspondentes derivadas territoriais.

Casado: "Como non nos imos poñer de acordo quen defendemos a España?"

Despois de que o pasado xullo, no mesmo día en que fracasou a investidura de Pedro Sánchez, a dirección central do PP rexistrase oficialmente estas marcas -entre elas, Galicia Suma-, o PPdeG apresurouse en marcar distancias a respecto dunha eventual coalición con Ciudadanos que, aínda por riba, supuxese renunciar ás súas siglas. No entanto, Pablo Casado regresou das vacacións defendendo un modelo que os de Albert Rivera rexeitan: "Como non nos imos poñer de acordo quen defendemos a España?", preguntábase retoricamente o líder conservador este luns.

Rexistro da marca Galicia Suma por parte do secretario xeral do PP o pasado 25 de xullo CC-BY-SA Praza Pública

Feijóo: "Galicia Suma é o PPdeG (...) Fóra de Galicia que decida a cúpula nacional e en cada comunidade"

Estas verbas de Casado, que o pasado sábado pedía a Feijóo que volva ser candidato en Galicia, producíanse cando na madrileña rúa de Génova xa leran as declaracións do presidente da Xunta ao devandito diario coruñés. "Galicia Suma é o PPdeG. Aquí o centro dereita está unido", respondeu ao ser preguntado ao respecto. "Fóra de Galicia que decida a cúpula nacional e en cada comunidade" pero "en Galicia hai que manter o que está unido, non contribuamos a dividilo" xa que "Galicia ten un modelo ao que aspira o PP de España", resolveu.

Xa dende Polonia chegaba un lixeiro matiz. Segundo o presidente galego, a cúpula estatal do seu partido foi "xeneroso facendo esa proposta", dixo en declaracións á axencia EFE que recolle eldiario.es. Estou seguro de que os militantes de Vox e Ciudadanos están a favor desa proposta, aínda que probablemente os seus dirixentes, non", engadiu.

Alén da controversia en torno ás confluencias da dereita, Feijóo aproveitou tamén estas intervencións públicas para situar no primeiro trimestre de 2020 a súa decisión sobre se ser ou non cartel electoral do PPdeG nas eleccións galegas por cuarta vez. Nas filas da oposición dáse por sentado que esa decisión dependerá en boa medida das posibilidades de recuncar na presidencia que os populares consideren que teñen, así como da evolución do escenario estatal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.