O pasado 25 de xullo, ao tempo que fracasaba en Madrid a segunda votación de investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno central, o secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, rexistraba ao seu nome, con enderezo na sede do partido na rúa Génova de Madrid, a marca Galicia Suma, semellante á de Navarra Suma coa que nas pasadas eleccións autonómicas os populares concorreron alí coligados con UPN e Ciudadanos.
O PP estatal rexistrou a marca Galicia Suma, a semellanza da Navarra Suma coa que se coaligou con Ciudadanos, e pula por unha unión electoral que non se desexa no PPdeG
A solicitude produciuse nun verán no que diferentes dirixentes populares apelan e animan á unión das dereitas para evitar que a fragmentación lles faga perder votos e representatividade, mentres en Galicia o PPdeG confía en reeditar o próximo ano a maioría absoluta coa que Feijóo goberna desde hai anos en solitario.
Ao tempo que desde Génova se pula pola unión das dereitas ou mesmo se chama a incluír a Vox e partidos rexionalistas, tal e como non descarta a portavoz parlamentaria Cayetana Álvarez de Toledo, desde Galicia márcanse distancias ante unha estratexia que non chista nada.
"Ata agora conseguimos maioría para poder gobernar presentándonos como PP e esa segue a ser a nosa idea; así o imos intentar outra vez", di Alfonso Rueda preguntado pola posible alianza con Ciudadanos
"O noso obxectivo é seguir tendo esa maioría, que é a que dá estabilidade para poder gobernar, e ata agora conseguímola presentándonos como PP", dixo o vicepresidente da Xunta e presidente do partido na provincia de Pontevedra ao ser preguntado pola posibilidade dunha coalición con Ciudadanos. "En principio, a nosa aspiración segue a ser esa [a de concorrer en solitario]", engadiu.
Para Rueda, "todo o que sexa sumar está ben", pero aclara que "ata agora, o PP sempre conseguiu a confianza maioritaria dos galegos co candidato Feijóo e cun equipo de goberno que leva tempo dando estabilidade". "E así o imos intentar outra vez", engadiu, deixando claras as dúbidas e reticencias ante unha estratexia que si é apoiada en Génova.
As intencións do PP a nivel estatal son tan claras que as solicitudes de rexistro de marca agora realizadas por García Egea inclúen tanto as 17 comunidades autónomas como a marca España Suma, en todos os casos cun deseño similar, coa cor azul do PP nas letras e no que o símbolo da suma varía as súas cores en función das de cada bandeira autonómica. En todos os casos o tipo de servizos que se relacionan coa marca son de xeito expreso actuacións de tipo político.
En Navarra, onde Unión del Pueblo Navarro (UPN) é o partido dominante do centro-dereita, PP e Ciudadanos acudiron ás autonómicas en coalición con esa formación baixo a denominación Navarra Suma.Similares propostas de unidade da dereita para evitar a perda de representación pola fragmentación do voto formularon diversos dirixentes populares en Cataluña ou Euskadi, polo momento sen éxito. Tampouco en Galicia.
En Galicia, os populares, empezando polo propio Feijóo, veñen gabándose de ser a única formación que segue sendo capaz de gobernar unha comunidade autónoma con maioría absoluta. O presidente galego considera que o PP é a “mellor oferta” electoral en Galicia, pero ao tempo Feijóo tamén secundou iniciativas conxuntas de PP, Ciudadanos e Vox como a manifestación do pasado febreiro na praza de España de Madrid en defensa da “unidade nacional” e defendeu o pacto das tres formacións para gobernar Andalucía. Agora, a iniciativa do secretario xeral do PP de reservarse o uso da marca Galicia Suma chega despois de que o PP galego perdese a condición de formación máis votada tanto nas eleccións xerais como nas europeas, retrocedendo a rexistros da época de Alianza Popular.