O presidente di que seguirá a apoiar propostas do BNG “se están dentro do noso ideario” pero salienta que os votantes populares non son nacionalistas
O seu xa clásico argumento de que o PP é o partido que máis se parece aos galegos volveu ser empregado este xoves polo presidente Feijóo para defenderse dos intentos de Ciudadanos e Vox de roubarlle espazo electoral. Fronte a eles, di o presidente, a “mellor oferta” que teñen dispoñible os galegos é o PP, que non renuncia a seguir apoiando propostas políticas do BNG “se están dentro do noso ideario” sen que por iso se poida considerar que o seu partido é nacionalista.
A Freijóo preguntóuselle na rolda de prensa tras a reunión semanal do seu Goberno pola decisión do portavoz municipal do PP en Ourense de deixar o partido e estudar unha oferta para pasar a Ciudadanos, así como pola acusación do líder de Vox, Santiago Abascal, de que o PP galego ten un “discurso nacionalista” por reclamar máis competencias autonómicas.
Feijóo considera “paradoxal que os partidos que critican o PP teñan como obxectivo captar dirixentes do PP”
Sobre a marcha do concelleiro de Ourense, Feijóo considera “paradoxal que os partidos que critican o PP teñan como obxectivo captar dirixentes do PP”. O líder popular lembrou que o seu partido ten “1.700 concelleiros” en toda Galicia e non descartou que outras formacións “se os chaman, consigan algúns”, pero engadiu que non cre “que iso sexa nin mellorar a oferta electoral nin diversificala”.
Sobre a acusación de manter un discurso nacionalista, Feijóo dixo que esa estratexia de Vox “ao mellor pode darlle algún voto fóra de Galicia, pero en Galicia non coa”. O presidente tamén fixo ver que acusar ao PP de nacionalista significa faltar ao respecto aos votantes populares, maioría en Galicia, que ao seu ver son conscientes de non ser nacionalistas. Nesa liña, a continuación preguntóuselle se o PP vai seguir apoiando propostas políticas do BNG, ao que respondeu que si, “se están dentro do noso ideario e nos parecen útiles, as pactaremos, e se non, non”.