O secretario xeral, García Egea, solicitou á Oficina de Patentes nomes similares para as 17 comunidades autónomas ao tempo que dirixentes populares apelan á unión das dereitas mentres en Galicia aspiran a seguir gobernando en solitario
O pasado 25 de xullo, o Día de Galicia, e ao tempo que fracasaba en Madrid a segunda votación de investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno central,o secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, rexistraba ao seu nome, con enderezo na sede do partido na rúa Génova de Madrid, a marca Galicia Suma, a semellanza da Navarra Suma coa que nas pasadas autonómicas os populares concorreron alí ás eleccións coligados con UPN e Ciudadanos.
A solicitude produciuse ao tempo que dirixentes populares veñen apelando á unión das dereitas para evitar que a fragmentación lles faga perder votos e representatividade, pero mentres en Galicia o PPdeG confía en poder seguir reeditando o próximo ano a maioría absoluta coa que Feijóo vén gobernando en solitario.
As solicitudes agora realizadas por García Egea inclúen tanto as 17 comunidades autónomas como a marca España Suma, en todos os casos cun deseño similar, coa cor azul do PP nas letras e no que o símbolo da suma varía as súas cores en función das de cada bandeira autonómica. En todos os casos o tipo de servizos que se relacionan coa marca son de xeito expreso actuacións de tipo político.
En Navarra, onde Unión del Pueblo Navarro (UPN) é o partido dominante do centro-dereita, PP e Ciudadanos acudiron ás autonómicas en coalición con esa formación baixo a denominación Navarra Suma.Similares propostas de unidade da dereita para evitar a perda de representación pola fragmentación do voto formularon diversos dirixentes populares en Cataluña ou Euskadi, ata o momento sen éxito.
Feijóo xa secundou iniciativas conxuntas de PP, Ciudadanos e Vox como a manifestación do pasado febreiro na praza de España de Madrid e defendeu o pacto das tres formacións para gobernar Andalucía
Porén, en Galicia os populares, empezando polo propio Feijóo, veñen gabándose de ser a única formación que segue sendo capaz de gobernar unha comunidade autónoma con maioría absoluta. O presidente galego considera que o PP é a “mellor oferta” electoral en Galicia, pero ao tempo Feijóo tamén secundou iniciativas conxuntas de PP, Ciudadanos e Vox como a manifestación do pasado febreiro na praza de España de Madrid en defensa da “unidade nacional” e defendeu o pacto das tres formacións para gobernar Andalucía. Agora, a iniciativa do secretario xeral do PP de reservarse o uso da marca Galicia Suma chega despois de que o PP galego perdese a condición de formación máis votada tanto nas eleccións xerais como nas europeas, retrocedendo a rexistros da época de Alianza Popular.