Feijóo acusa a Sánchez de "desprezar" e facer "chantaxe" a Galicia

Acto do PP na carballeira de San Xusto, en Cotobade © PP Pontevedra

Aínda que segue sen desvelar se se presentará ou non á reelección nas vindeiras eleccións autonómicas, Alberto Núñez Feijóo foi interpelado este sábado polo presidente do PP a nivel estatal, Pablo Casado, que asegurou que o partido e Galicia “seguen necesitando” ao xefe do Executivo galego. 

Pablo Casado apelou a Feijóo: “Necesitámoste, cando decidas, con quen decidas”

Na apertura do curso político para os conservadores en Cerdedo-Cotobade, Pablo Casado apelou a Feijóo. “Necesitámoste, cando decidas, con quen decidas”, dixo, logo de semanas nas que desde Génova se alentou a necesidade de sumar forzas con Ciudadanos e mesmo Vox nas vindeiras citas electorais. 

Casado asegurou que este curso político será “especial” para o PP e para Feijóo e engadiu que “a bo entendedor, poucas palabras bastan”. Fíxoo nun acto na carballeira de San Xusto, no que cargou contra Sánchez, de quen dixo que “por fin recoñece o que quere, a repetición de eleccións”. 

A dureza con Pedro Sánchez non foi menor por parte de Feijóo que acusou o seu goberno de “chantaxe” e de ameazar a Galicia con “recortarlle os servizos públicos” de non haber investidura neste mes. O presidente da Xunta tirou do discurso da aldraxe tras a presentación esta semana dun informe do Goberno galego que avalaría o pagamento dos cartos pendentes ás comunidades por parte dun executivo en funcións

Feijóo acusa a Sánchez de "desprezo" e "chantaxe" a Galicia e cúlpao da "incerteza" do persoal de Alcoa e das térmicas

“Non aceptarei que nos reteñan 700 millóns de euros dos impostos dos galegos nin que nos mintan”, asegurou o presidente da Xunta, que denunciou o “desprezo” do Executivo central “cos galegos” e a quen acusou da “incerteza” que di que sofren “os traballadores de Alcoa, os das centrais térmicas e milleiros de familias que non saben a quen vender a madeira”. 

Ademais, Feijóo contrapuxo a “estabilidade” e “lealdade” do Goberno galego coa “deslealdade” do Executivo central e animou a Casado a “reconstruír ese gran partido de centro dereito, liberal e reformista”. “Se mantemos unido o que está en Galicia, seremos a alternativa á esquerda, ao populismo e ao independentismo”, rematou. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.