A Xunta aínda non convocou un terzo das 714 prazas da súa oferta de emprego de 2016 a tres meses de que caduque

Entrada principal da sede central da Xunta en San Caetano © Xunta

O Goberno galego vén de anunciar outras 3.000 prazas para este 2018 cando aínda ten sen desenvolver varios centos de anos anteriores

O pasado xoves o Goberno galego anunciou que a oferta de emprego público deste ano 2018 que está a piques de rematar incluirá unhas 3.000 novas prazas na administración xeral e na sanidade. Un anuncio, pendente de negociación cos sindicatos antes da súa aprobación formal polo Consello da Xunta, que se produce a tres meses de que caduque a oferta de emprego público correspondente a 2016, de 714 prazas na administración xeral das que a Xunta aínda non convocou as oposicións correspondentes a un terzo do total, segundo vén de evidenciar o sindicato CSIF. O Goberno galego tamén ten pendentes de convocar dous terzos da da oferta de 789 prazas correspondente a 2017.

Unha vez aprobada polo Consello da Xunta, a oferta pública de emprego correspondente a 2016 foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 7 de marzo dese ano cun total de 714 prazas de persoal funcionario e laboral na administración xeral. A lei estatal de emprego público sinala que os procesos selectivos para cubrir as prazas deben ser desenvolvidos “dentro do prazo improrrogable de tres anos” a partir da súa publicación no diario oficial, que se cumprirá o próximo 7 de marzo. Porén, a pouco máis de tres meses de que se cumpra, a Xunta aínda non convocou os procesos para cubrir 264 desas prazas, un terzo do total, correspondentes entre outros a postos no servizo de defensa e prevención contra os incendios forestais, auxiliares de enfermaría nos servizos sociais ou de seguridade e saúde laboral.

En 2017 a oferta pública de emprego dese ano, cun total de 789 prazas, foi publicada no DOG, tras a súa aprobación polo Consello da Xunta, o 12 de decembro. Un ano máis tarde a Xunta só foi quen de convocar os procesos selectivos para cubrir 229 desas prazas, un terzo do total.

CSIF denuncia “a utilización propagandística do emprego público por parte de Feijóo” ao anunciar prazas aínda non negociadas cos sindicatos ao tempo que ten sen completar ofertas de emprego de anos anteriores

A oferta pública de emprego deste ano 2018 anunciada o pasado xoves polo Goberno galego aínda deberá ser negociada cos sindicatos, segundo admitiu a propia Xunta, antes da súa aprobación polo Consello da Xunta e a súa publicación no DOG. Segundo o Goberno galego, esta oferta incluirá 1.448 prazas de libre acceso na administración xeral, ademais doutras 150 de promoción interna e 577 prazas para a funcionarización de persoal laboral fixo. O sindicato CSIF critica que esa última cifra é unha moi pequena parte dos 6.000 traballadores laborais cuxa funcionarización foi anunciada polo propio Feijóo, “prazas que nin tan sequera foron determinadas coas organizacións sindicais”.

Ante esa situación e a próxima caducidade sen desenvolver por completo da oferta de emprego de 2016 o sindicato critica “a utilización propagandística do emprego público por parte de Feijóo”. Propaganda que se evidenciaría tamén no xeito en que o propio Goberno galego divulgou a oferta de emprego público para este 2018, ofrecendo o pasado xoves como cifra a de 5.686 prazas, incluíndo así as 2.050 prazas de educación cuxas oposicións xa se celebraron o pasado verán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.