O servizo de loita contra o lume acabará este mes con mil traballadores menos

Bombeiros forestais, loitando contra o lume en Lobios Dominio Público @BrifLaza

É o de todos os anos. Desta vez, a finais de outubro, cando unha parte importante dos traballadores e traballadoras do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (Spdcif), con contratos fixos-descontinuos, marcha para casa. A Xunta prescindirá da metade de todo o persoal que conforma o dispositivo público galego de loita contra o lume este 31 de novembro, unha situación que levan anos denunciando todos os sindicatos. 

Vólveno facer desta vez. CIG, CCOO, CSIF e UGT denuncian que a Consellería do Medio Rural comezará nos vindeiros días o "desmantelamento" do Spdcif. Marchan "á rúa" 436 empregados e empregadas públicas, "con contratos precarios fixo-descontinuos", que remataron o seu período de actividade o pasado 31 de outubro. Esta mesma medida afectará en poucos días, o próximo 30 de novembro, a outros 610 traballadores, que serán despedidos durante uns meses. 

"O desmantelamento implica unha redución de máis do 50% dos efectivos dispoñibles na prevención e extinción de incendios forestais"

"O desmantelamento acometido pola Consellaría que dirixe José González Vázquez implica unha redución de máis do 50% dos efectivos dispoñibles na prevención e extinción de incendios forestais", explican os sindicatos, que cifran en "máis de mil bombeiros forestais, vixilantes, emisoristas e operadores" os que irán ao paro entre o pasado 31 de outubro e o vindeiro 30 de novembro.

Para os catro sindicatos, a redución dos efectivos por parte da Xunta é "irresponsable", levándose a cabo, ademais, "só un ano despois da vaga de lumes que sufriu Galicia no ano 2017 e que, en poucos días, queimou miles de hectáreas". "Incendios de outono ou primavera, e mesmo inverno, que non son un fenómeno illado, pois temos como exemplo o acontecido en outubro de 2011 e marzo do 2012; en condicións adversas pódense converter en lumes descontrolados", advirten. 

Os sindicatos cualifican de "irresponsable" a decisión da Xunta e lembran que "os incendios de primavero, outubro e inverno non son un fenómeno illado"

Así, CIG, CCOO, CSIF e UGT piden "rematar coa precariedade laboral que sofre unha gran parte do Spdcif" e esixen "un redimensionamento do número de efectivos para garantir a prestación efectiva de servizos durante todo o ano, para o que cómpre que traballen todos os efectivos".

Por este movito, convocan a todos os traballadores e traballadoras as do Spdcif a unha concentración diante da Consellaría do Medio Rural o vindeiro 30 de novembro ás 11 horas. Reivindicarán, como desde hai tempo, a "urxente necesidade dun cambio de modelo no dispositivo, apostando por un servizo 100% público, prestado directamente pola Administración, sen intermediarios".

CIG, CCOO, CSIF e UGT insisten en reclamar un dispositivo "100% pública, prestado directamente pola Administración"

"É necesario que o 100% das contratacións do operativo se realicen directamente a través das listas de contratación, ao abeiro do decreto que regula o procedemento na Administración autonómica", din os sindicatos, que reclaman tamén "a recuperación dos dereitos laborais roubados coa escusa da crise económica e o remate da precariedade laboral a través dunha oferta de emprego crible e real". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.