Rueda considera que Sánchez convoca o 29 de novembro polo seu interese persoal, populismo e demagoxia, Pontón quere "darlle a Galiza máis forza en Madrid" e Besteiro converter a vivenda en "piar" do estado do benestar
Tras a convocatoria electoral anunciada por Pedro Sánchez para o 29 de novembro as reaccións en Galicia non tardaron en producirse. Desde o atril de presidente da Xunta, Alfonso Rueda defendeu este luns que "o que máis lle interesa a Galicia é se esa decisión supón un cambio de Goberno" e asegurou que o adianto que desde hai meses viña pedindo o PP foi agora decidido por Sánchez polo seu propio interese persoal e por "populismo e demagoxia". Pola súa banda, BNG e PSdeG coincidiron en presentar os comicios como unha elección entre "dereita ou dereitos".
Segundo Rueda, a Galicia interésalle un cambio no Goberno de España pero os motivos que levaron a Sánchez a adiantar as eleccións foron "o seu interese persoal". "Foino desde o principio e vaino ser ata o final, valorou o que máis lle conviña a el persoalmente", considera o presidente galego, para quen Sánchez "levanta muros" e "esta é unha boa ocasión para derrubalos co voto democrático".
Rueda en todo caso está de acordo en que a vivenda sexa un dos asuntos principais da campaña electoral. "É un bo motivo para discutir sempre", di, asegurando que a Xunta defenderá que leva facendo nesa materia "cen veces máis que o Goberno central".
Pontón
Pontón ve unha "oportunidade para darlle a Galiza máis forza en Madrid" e "gañar en benestar e avances sociais da man do BNG"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegura que a súa formación afronta as eleccións do 29 de novembro "con forza, decisión e ilusión". Segundo di, están "convencidas de que podemos gañar dereitos gañándolle a unha dereita ultra que está botada ao monte".
O 29N será tamén para os nacionalistas unha "oportunidade para darlle a Galiza máis forza en Madrid" e "para gañar en benestar e avances sociais da man do BNG", algo que segundo Pontón "só se pode facer en Madrid se tes as mans libres". Nesa liña, desde o BNG tamén se pronunciou o portavoz nacionalista no Congreso, Nestor Rego, quen di que "máis BNG é sinónimo de máis dereitos e menos dereitas".
Besteiro
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, aplaudiu este luns a decisión de Sánchez de adiantar as eleccións. Segundo dixo, no PSdeG "estamos preparados para saír a gañar estas eleccións" porque ao seu ver son "o único partido que ten a forza, a capacidade e a determinación para dar un portazo político á extrema dereita e a dereita extrema".
Para o secretario xeral do PSdeG o 29N hai que apostar pola vivenda como un dos piares do estado do benestar
Para Besteiro o 29 de novembro hai que "elixir entre dereita ou dereitos" e puxo como exemplo que mentres esta pasada fin de semana moita cidadanía estaba a manifestarse en defensa do dereito á vivenda "o PPdeG estaba de festa". Por iso apelou a "decidir entre un modelo no que a extrema dereita chega á Moncloa e os fondos voitre fan o seu negocio" ou outro modelo no que "a vivenda sexa o quinto piar do estado do benestar" ao nivel da sanidade ou a dependencia xa que o PSOE aposta polo "equilibrio social, a igualdade como principio reitor da acción política".
Preguntado sobre as listas electorais nas catro circunscricións galegas Besteiro fixo ver que o PSdeG elaborará as súas propostas pero lembrou que no PSOE as listas para unas xerais "as decide o Comité Federal".