O presidente di non barallar un cambio no Goberno galego pero ábrese a facelo se o pide o líder estatal do PP como xa fixo hai tres anos
Dez días antes das eleccións xerais de 2023 nas que foi o candidato máis votado o popular Alberto Núñez Feijóo alentou dúbidas sobre posibles fraudes no voto por correo. Ante uns novos comicios, a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, pediu este luns á cidadanía que "nin se lle ocorra votar por correo". Por estas declaracións foi preguntado tamén este mesmo luns o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, quen pediu "máximas garantías" ante "algunhas cousas que vimos ultimamente", sospeitas que non concretou.
Rueda pide que "todo o sistema de voto teña as máximas garantías, e esta vez, con algunhas cousas que vimos, especialmente". O popular engadiu, desde o atril de presidente da Xunta, que "nisto temos que ser moi estritos, visto o visto ultimamente". Porén, non detallou que é o que lle fai ter sospeitas.
Rueda asegura que se tivese dúbidas sobre mudar o seu Goberno "non estaría esperando unha ocasión, faríao e xa está"
O presidente galego tamén foi preguntado pola posibilidade de que, como pasou nas eleccións xerais de 2023, haxa conselleiros ou conselleiras que deixen o Goberno galego para concorrer aos comicios nas listas do PP estatal de Feijóo. Hai tres anos e medio Rueda tivo que prescindir do vicepresidente primeiro económico, Francisco Conde, da conselleira do Mar, Rosa Quintana, e do portavoz do PPdeG no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, que concorreron nas listas electorais de Feijóo e obrigaron a unha crise de goberno na Xunta. Desta volta Rueda fai ver que non ten coñecemento de que vaia suceder algo similar, pero ábrese a facilitalo.
O presidente galego di estar "moi satisfeito" co seu Goberno e lembra que en 2023 os seus conselleiros "foron chamados". "Eu entendín, e creo que foi unha decisión axeitada, que se os necesitaba o presidente Feijóo naquel momento nesas candidaturas o procedente, sempre que estiveran de acordo, era que responderan a esa chamada", explicou Rueda, para engadir xusto a continuación que "esa situación de algo máis de tres anos é a que se se segue mantendo agora".
Rueda aclarou que non ten "ningunha intención" de aproveitar as eleccións xerais para facer cambios na Xunta xa que está "moi satisfeito" co seu Goberno. Tamén di que se tivese dúbidas ao respecto "non estaría esperando unha ocasión, faríao e xa está".