Feijóo alimenta as teorías da fraude no voto por correo na fin do prazo para solicitalo

Feijóo, con Aznar nun mitin en Murcia este 12 de xullo de 2023 © David Mudarra / PP

A finais de xuño de 2006 había un ano que o PP de Manuel Fraga perdera a maioría absoluta e con ela, as opcións de formar goberno en Galicia por quinta lexislatura consecutiva. Aqueles comicios estiveron marcados pola espera de máis dunha semana ata o reconto do mal chamado voto emigrante ante o risco de que o sufraxio exterior movese o último escano da provincia de Pontevedra, que lograra o PSdeG, e arrebatase a absoluta que si sumaban socialistas e nacionalistas.

En 2006, o daquela líder da oposición en Galicia aproveitara unha pregunta do BNG sobre as irregularidades no 'voto emigrante' para cuestionar a Touriño sobre "se a súa presidencia e o seu Goberno" estaban "afectados por unha fraude electoral"

Os grupos da esquerda afirmaban durante a noite electoral que o votado no interior tiña marxe dabondo para non ser mudado dende o exterior e así foi. Un ano despois, no primeiro aniversario das eleccións do cambio, o BNG lembraba nunha sesión de control no Parlamento a importancia dunha reforma que fixese desaparecer as sombras de fraude que, ao seu xuízo, beneficiaran ao PP no pasado. Ao chegar a súa quenda para preguntar ao presidente socialista da Xunta, Alberto Núñez Feijóo aproveitara a intervención anterior para cuestionar a Emilio Pérez Touriño sobre "se a súa presidencia e o seu Goberno están afectados" por unha "fraude electoral".

Feijóo pide ao persoal de Correos que "con independencia dos seus xefes, repartan todos os votos", este 12 de xullo nun mitin en Murcia CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal realizado PP

Dezasete anos despois daquel debate -cuxa textualidade pode ser recuperada no Diario de Sesións do Parlamento-, quen a continuación gañaría a presidencia da Xunta en catro ocasións é líder do PP e candidato ás xerais do vindeiro 23X. E este mércores, véspera da fin do prazo para solicitar o voto por correo, volveu botar man dun dos seus clásicos para alimentar con certa sutileza as teorías da fraude no sufraxio postal que veñen popularizando diversos dirixentes, contornas e medios da dereita e da extrema dereita nos últimos anos tanto na nosa contorna máis próxima como en América, caso dos Estados Unidos ou do Brasil.

"Pídolles a eses carteiros, con independencia dos seus xefes, que repartan todos os votos antes de que venza o prazo para que os españois poidamos votar", proclamou Feijóo no seu mitin xunto a Aznar, en cuxo Goberno foi presidente de Correos

Nunha xornada na que diversos medios de comunicación recollían que, dadas as datas dos comicios, as cifras de voto por correo baterán previsiblemente todos os récords, Feijóo aproveitou un mitin xunto a José María Aznar en Murcia para o que semella un intento de empregar a técnica do dog whistle ou chifre para cans. Isto é, un discurso aparentemente inocuo ou mesmo descritivo para o público xeral pero que, nunha parte da audiencia, transmite outra información, acusación ou insinuación. Neste caso, espallar dúbidas sobre a limpeza do proceso electoral.

"Mañá é o último día para pedir o voto por correo", evidenciou Feijóo sobre este 13 de xullo, antes de engadir que "se pedimos o voto por correo, non podemos votar na urna". Nese contexto, dixo, "pido aos carteiros de España, cos que traballei dos mellores anos da miña vida, que traballen ao máximo, que traballen mañá, tarde e noite" e "aínda que non teñan os reforzos suficientes, que saiban que custodian algo que é sagrado para os españois, que é o seu voto".

Oficina central de Correos en Santiago © Correos

Foi neste punto onde o ex-presidente activou o chifre canino. "Pídolles a eses carteiros, con independencia dos seus xefes, que repartan todos os votos antes de que venza o prazo para que os españois poidamos votar e exercer os nosos dereitos constitucionais; a todo o plantel de correos, pídollo porque é fundamental", proclamou entre aplausos. "Se non lles pagan as horas extraordinarias", engadiu, "no primeiro Consello de Ministros pagareilles as horas extraordinarias a todos os carteiros de España por cumprir o seu deber, a todos", agregou formulando a hipótese da súa vitoria.

Feijóo chegou á presidencia de Correos tras pasar pola do Insalud, onde chegara apadriñado por Romay. Exerceuna ata ser enviado de volta a Galicia para remudar o defenestrado Xosé Cuíña como conselleiro

Dáse a circunstancia de que o propio Feijóo foi un dos "xefes" de Correos no pasado, precisamente durante o Goberno de Aznar, ao que chegara en 1996 apadriñado por José Manuel Romay Beccaría como presidente do desaparecido Instituto Nacional de la Salud (Insalud). Concretamente, foi nomeado conselleiro-director xeral da entidade pública Correos y Telégrafos no inicio da segunda lexislatura de Aznar, no ano 2001, e dende 2001 exerceu como presidente da nova Sociedad Estatal Correos y Telégrafos, cargo no que permaneceu ata que, en xaneiro de 2003, a dirección do PP o fixo retornar a Galicia para remudar o defenestrado Xosé Cuíña como conselleiro de Política Territorial.

Malia ao currículo do seu actual líder, na lexislatura estatal que agora remata foron diversas as acusacións do PP cara a Pedro Sánchez polo nomeamento de cargos en diversas empresas públicas, entre elas Correos. Segundo os conservadores, o PSOE "politiza" estas entidades con nomeamentos de "amigos" que presenta como "enchufes".

Reforzos en Correos para atender un récord de peticións de voto postal

Prazos do voto por correo nas eleccións xerais deste 23 de xullo CC-BY-SA Praza.gal

O prazo para remitir o voto postal finaliza o día 20. Tras as palabras de Feijóo, Correos defende a "profesionalidade" do seu persoal e pide quedar á "marxe de debates que pretenden socavar as institucións".

As insinuacións de Feijóo chegaban apenas vinte e catro horas despois de que Correos  informase de que xa leva "formalizadas 19.400 contratacións de reforzo para o correcto desenvolvemento das actividades relacionadas co voto por correo" e "seguirá contratando todos os efectivos que sexan necesarios" para, entre outros aspectos, cubrir "o 100% das vacacións" do persoal.  Estes reforzos, explica a compañía, permiten abrir oficinas con horarios máis amplos e reparticións extraordinarias para facer chegar a documentación electoral. 

Unha vez finalizado o prazo para solicitar o voto por correo -ao peche das oficinas, este 13 de xullo- aínda quedará unha semana por diante para envialo, xa que o prazo pecha o día 20 -inclusive-. Non obstante, para "evitar esperas e acumulacións indesexadas", Correos recomenda acudir "canto antes". Como marca a normativa, o día das eleccións os sufraxios emitidos por correo son entregados por carteiras e carteiros no colexio electoral correspondente, onde as papeletas se mesturan coas emitidas presencialmente e son recontadas no escrutinio ordinario.

Tras as palabras de Feijóo en Murcia, a compañía emitiu un comunicado no que manifestou que a "profesionalidade" do seu persoal está "fóra de toda dúbida" e amosou a súa vontade de manterse "á marxe de debates que pretenden socavar as institucións e os servizos públicos". "O proceso de voto por correo en España é seguro e garantista" e "a Xunta Electoral Central" encárgase, subliña, de "auditar o proceso" e asegurar que se desenvolve "con todas as garantías". Explica, asemade, que todo o seu persoal recibirá na nómina qeu corresponde "todos os conceptos retributivos relacionados coas eleccións", para os que xa dispón das "partidas orzamentarias necesarias".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.