Francisco Conde, a sombra económica de Feijóo de Pemex aos fondos europeos

Feijóo e o vicepresidente Francisco Conde, durante unha sesión no Parlamento galego en 2020 CC-BY-SA Xunta de Galicia

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde (Monforte, 1968), marchará a Madrid con Feijóo, ao que acompañará na súa aspiración a presidir o Goberno de España. Man dereita do aspirante á Moncloa desde hai 15 anos, o economista e profesor encabezará a lista do PP por Lugo ao Congreso e a Xunta perderá a quen, para o presidente Rueda, é "peza fundamental" do Goberno galego, no que foi conselleiro en diferentes lexislaturas desde 2012 e ao que asesorou desde 2009, cando os populares recuperaron o Executivo tras o bipartito. 

Poucos tiñan dúbidas de que Feijóo tiraría do seu amigo Conde, aínda a risco de que os electores non lle dean ao PP a "vitoria inapelable" que xa augura o líder dos populares mesmo antes da contenda electoral. Tampouco hai dúbida de que o aínda vicepresidente da Xunta sería quen marque a política económica dun hipotético goberno da dereita no Estado, xa fose como ministro (destino probable) ou como xefe da oficina económica da Moncloa. 

Feijóo, o conselleiro Francisco Conde e Carrera Panizzo, nunha plataforma petroleira de Pemex en marzo de 2014 CC-BY-SA Xunta

Poucos dubidaban de que Feijóo tiraría de Conde e poucos dubidan de que o fai para que sexa ministro ou figura clave dun hipotético goberno que o líder do PP parecer dar por feito

"Pero primeiro hai que gañar", dixo este luns Alfonso Rueda. Detalle nada desprezable vista unha aposta contundente por quen tamén é un dos favoritos de Mar Sánchez, xefa de Proxección e Imaxe de Feijóo en Madrid e a súa principal asesora desde hai moitos anos, pero que non está destinado a ser deputado da oposición. 

O seu destino é guiar o camiño económico dun posible goberno, unha vía tecnócrata, fría, ortodoxa; discreta pero de clara inspiración neoliberal e afastada do intervencionismo. Non o agocha o legado do seu papel á fronte da Consellería de Economía na Xunta nin o seu ideario. Conde é doutor en Economía pola Universidad Complutense de Madrid cunha tese baixo o título El NAFTA:Un proceso de integración económica norte-sur (1995), que sacou un sobresaliente cum laude e na que defendeu a bondade do libre comercio para México

Ao pouco de chegar á Xunta, Conde viaxou con Feijóo a México para supervisar a "alianza estratéxica" con Pemex que acabou en fracaso, investigacións e a venda de Barreras

Décadas despois, unha viaxe a ese país acompañando a Feijóo marcaría os seus primeiros anos na Xunta: ambos acudiron ás instalacións de Pemex nunha visita para facer seguimento da "alianza estratéxica" do Goberno galego coa petroleira, un acordo que acabaría en fracaso, con moreas de promesas incumpridas, a venda de Barreras -que acabou quebrando- e a polémica construción de dous floteis. Unha colaboración que segue a ser investigada no país azteca. Polo medio, xuntanzas e fotografías con algúns directivos investigados por presunta corrupción, como o ex-director xeral da empresa Emilio Lozoya, Carlos Roa ou Carrera Panizzo, artífices dos negocios da compañía mexicana en Galicia. 

Foi pouco despois de que Conde aterrase na Xunta. A finais de 2012 foi nomeado conselleiro de Economía e Industria en substitución de Javier Guerra, aínda que levaba en Galicia desde 2009, cando se converteu en asesor de Núñez Feijóo. Antes, desde 1995, desenvolvera a súa traxectoria profesional na Universidad CEU San Pablo en Madrid, onde exerceu como profesor e ocupou diferentes cargos de responsabilidade. 

Francisco Conde e Alfonso Rueda, durante unha visita a un parque eólico CC-BY-SA Xunta

Nada máis chegar a San Caetano, Conde atopouse co peor da crise económica que comezara en 2008 e ao pouco confirmábase a venda dos restos das caixas galegas a Banesco e o inicio do esfarelamento do sistema financeiro galego. Foi, tamén, quen liderou as negociacións na busca da solución ao problema das preferentes, polo que tivo que vivir algunhas das escenas de tensión máis duras no Parlamento ante a desesperación das persoas afectadas. 

Discreto pero sempre presente, Francisco Conde defendeu como puido a desfeita -asumida en parte pola Xunta- que supuxo a anulación do concurso eólico do bipartito, con varias reclamacións por parte de empresas, sentenzas en contra, indemnizacións varias e graves acusacións de patronal e traballadores pola parálise e perda de empregos e iniciativa que as decisións do Goberno galego supuxeron no sector. 

Máis dunha década despois, a Xunta recuaba algo, abríase á participación pública na eólica e noutras empresas enerxéticas, pero tardaba pouco en aclarar que o Goberno galego  renunciaba a ser socio maioritario nas empresas. Pura axenda liberal adaptada aos tempos. Unha vez máis. 

Enlace e defensa das empresas

Porque nunca foi o camiño marcado por Conde moi proclive ao intervencionismo ou a iniciativa pública. Máis ben ao contrario, se por algo destacou o aínda conselleiro de Economía foi por defender maioritariamente a postura das empresas en conflitos ou negociacións sobre o seu futuro, como no caso de Endesa nas Pontes ou de Alcoa pola incerteza das instalacións na Mariña. E aí foi tamén o ariete da Xunta contra o Goberno do Estado, sempre que na Moncloa non estivese ningún compañeiro de partido. Nunca foi doado o paradoxo de eloxiar a "aposta renovable" e cargar contra o peche "prexudicial" de factorías como a central térmica

Aí, na transición ecolóxica, e tamén na xestión dos fondos europeos, foi onde medrou o peso institucional e político de Conde nos últimos anos, logo de que en 2020 Feijóo lle outorgase unha vicepresidencia segunda e de que Rueda lle concedese a primeira en 2022. 

Francisco Conde, durante unha visita á central térmica de Endesa nas Pontes CC-BY-SA Xunta

Se xa o facía antes, o seu labor de enlace da Xunta coa empresa privada foi aínda máis claro e importante, sendo unha das figuras clave de Impulsa, a sociedade para a captación de fondos europeos, promovida polo Goberno galego -que pon o 40% do capital- pero onde Abanca encabeza o control privado. 

Do resultado errado dalgunhas apostas, como o caso da fábrica de Altri en Palas de Rei que polo momento non foi quen de captar fondos públicos de reconstrución mediante os PERTE comunitarios, chegaron algúns das últimas duras críticas de Conde ao Goberno central. Acusou o Executivo de Sánchez de priorizar a Catalunya ou Valencia e de "non dar resposta ás prioridades de Galicia", tirando do argumentario do PP e dun enfrontamento político que cultivou cada vez máis nos últimos anos. 

Conde marcha a Madrid e -quen sabe- se desde alí comprobará se a planta de Stellantis en Vigo é quen de atraer as axudas do segundo PERTE do vehículo eléctrico ou pode que teña que ser el quen negocie directamente con Bruxelas a súa inclusión. E deixa en mans do seu sucesor a creación desa empresa mixta da Xunta para participar en proxectos eólicos. Será clave no futuro dun sector que foi un dos seus grandes quebracabezas, sobre todo nestes últimos anos, cunha morea de iniciativas empreariais que provocaron a mobilización en contra en moitas comarcas e numerosas sentenzas xudiciais que paralizaron a construción de varios parques. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.