O proxecto da empresa Altri para impulsar unha fábrica de fibras téxtiles en Galicia segue a xerar polémica e a ser usado como ariete partidista. A compañía -competidora de ENCE- foi a elixida hai case dous anos pola Xunta (a través da sociedade Impulsa Galicia para captar fondos europeos Next Generation) para a fabricación de 200.000 toneladas anuais de lyocell a partir da transformación da madeira dos montes. En febreiro do pasado ano, o Goberno galego e mais o Parlamento reclamaron que a factoría se instalase na Mariña para axudar a paliar a grave crise industrial e as incertezas que pairan sobre o futuro de Alcoa. Tres meses despois, a firma anunciaba que se asentaría en Palas de Rei, provocando a indignación nos concellos mariñaos, que acusaron o Executivo de Feijóo de "desprezar" e "dar as costas" á comarca.
A ministra Calviño aclarou esta semana que o proxecto de Altri non tiña encaixe en ningún PERTE por non cumprir cos criterios da UE para as axudas públicas
Nesta semana, a ministra de Asuntos Económicos e vicepresidenta do Goberno de España, Nadia Calviño, advertía de que a iniciativa de Altri non tiña encaixe en ningún dos PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica) existentes por non cumprir cos criterios da Comisión Europea para recibir axudas públicas do programa Next Generation. E foi contundente ao asegurar que o Executivo estatal tivera "en conta todos os proxectos" das autonomías agás o da empresa portuguesa en Galicia. "Parece que teñen un enorme interese pero teñen que entender que as normas de aplicación dos fondos europeos esixen", engadira.
Xa que logo, Altri quedou excluída da solicitude de fondos comunitarios que o Goberno de España remitiu esta semana a Bruxelas, quedando fóra das liñas de financiamento extraordinario da UE. España non poderá impulsar un PERTE específico para esta empresa porque non sería aceptado por Europa.
"Deben entender que as normas dos fondos europeos esixen uns procedementos de control de calquera conflito de interese e, polo tanto, que non se poden dar a dedo ou tomar decisións arbitrarias en canto ao desenvolvemento destes proxectos", advertiu Calviño á compañía.
"Os fondos europeos esixen uns procedementos de control (...) Non se poden dar a dedo ou tomar decisión arbitrarias", di Calviño
Fontes do Executivo central insisten en que o proxecto presentado pola Xunta e a compañía pasteira non estaba ben plantexado nin suficientemente xustificado, deixando diversas cuestións no aire que impediron o visto e prace comunitario a unha iniciativa na que a firma prevé un investimento duns 800 millóns e uns 2.500 empregos.
Pero a resposta da Xunta non tardou en chegar. O mércores, o vicepresidente económico, Francisco Conde, acusou o Goberno de España de "non dar resposta ás prioridades de Galicia" e de non ser quen "de identificar este proxecto dentro dos PERTE e darlle unha igualdade que se lle está dando a outros proxectos". Ademais, dixo non entender o que considera un bloqueo a Altri cando está "centrado en industria forestal, sostibilidade e economía circular".
Conde tirou tamén da aldraxe e da discriminación ao acusar o Goberno do Estado de favorecer a Catalunya, Asturias e València fronte a Galicia. Este xoves, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou de "inexplicable" a decisión de excluír a Altri e di que "contradí" o que lle dixo Pedro Sánchez. "A vicepresidenta non ten intención de apoiar un proxecto tan importante para Galicia", insistiu.
A Xunta acusa o Goberno central de "non dar resposta ás prioridades de Galicia", de bloquear o proxecto de Altri e de beneficiar outras comunidades
Ademais, o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, asegurou que a Comisión Europea felicitara "recentemente a Altri" polo proxecto de fibras téxtiles e acusou o Executivo central de "falta de apoio".
"Galicia e Altri non poden agardar e precisan certezas", dixo no Parlamento logo de defender un proxecto que "esixe plena colaboración de todas as administracións" e cualificar de "sorprendentes" as palabras de Calviño. Para Guldrís, España "non planificou con acerto a xestión de fondos europeos" e mantivo unha postura "unilateral" coa que "non apoia" proxectos "transformadores" como o da pasteira lusa. "Carecería de todo sentido perder esta oportunidade inigualable", engadiu.
Besteiro pide á Xunta “seriedade e responsabilidade” para recoñecer que a maneira inicial na que presentou este proxecto "non foi a correcta"
No fondo, segundo explican fontes do Goberno central, un problema a maiores para Bruxelas: o condicionante que Altri sempre puxo de ligar o proxecto a unha achega económica moi elevada en forma de axuda que cubrise máis do 30% do investimento.
O delegado do Goberno de España en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, pediulle á Xunta “seriedade e responsabilidade” para recoñecer que a maneira inicial na que presentou este proxecto "non foi a correcta", e que hai que facer que encaixe cos criterios e esixencias da UE para que poida obter financiamento. Ademais, lembrou que o Executivo xa lle buscou encaixe a "máis dun cento" de novos proxectos galegos que poderán optar a financiamento a través da nova addenda aprobada esta mesma semana.
Besteiro advertiu tamén que a Galicia chegaron xa case 2.800 millóns de euros, dos que a metade, case 1.400 millóns, son xestionados directamente pola Xunta, ou que un total de 171 proxectos industriais galegos xa son beneficiarios de case 200 millóns de euros a través dos distintos PERTE.
Respecto ao caso concreto da pasteira, anunciou a vindeira semana haberá unha nova reunión técnica do Ministerio de Industria con Altri para buscar "solucións e vías de financiamento", pero pide á Xunta que aclare canto vai achegar para apoiar este proxecto, na liña na que o están a facer outras comunidades autónomas con proxectos estratéxicos para os seus territorios.
Precisamente, a Xuna fixera hai máis de dous anos unha lista de proxectos públicos para optar aos fondos da UE, pero non revelara os privados por "confidencialidade". Poucos meses despois, Feijóo, aínda presidente galego, recoñecía que o Goberno galego tiña compromisos tamén de confidencialidade con varias empresas con supostos intereses para instalarse en Galicia.