Home de confianza en materia económica de Feijóo desde hai máis dunha década, Conde será cabeza de lista do PP ao Congreso por Lugo, o que obriga a Rueda a remodelar novamente o Goberno galego
Francisco Conde, man dereita de Alberto Núñez Feijóo Feijóo en cuestións económicas desde hai máis dunha década, antes mesmo de ser nomeado conselleiro de Economía en 2012 e vicepresidente económico en 2020, marchará a Madrid con el para acompañalo na súa aspiración de acadar o Goberno de España para o PP. A decisión de Feijóo de reclamar a Conde ao seu carón supón unha nova crise de goberno na Xunta tras a que hai un ano provocou a súa propia marcha e que supuxo a primeira dimisión dun presidente da Xunta na historia da autonomía galega.
Cando hai un ano Alfonso Rueda quedou á fronte do Goberno galego e ratificou a Conde como o seu vicepresidente primeiro con competencias económicas agradeceulle o seu "sacrificio" e considerouno "imprescindible". Pero agora Conde será o cabeza de lista dos populares por Lugo ao Congreso e a lei electoral xeral fai incompatible ser deputado e conselleiro dunha comunidade autónoma. A lei mesmo o establece como causa de inelexibilidade, o que obriga a Rueda a remodelar o seu goberno de xeito inmediato antes de que as listas se convertan en oficiais.
Conde, nacido en Monforte en 1968, é doutor en económicas pola Complutense de Madrid e foi profesor na Universidade CEU San Pablo. En Madrid fixo a súa vida ata que volveu a Galicia da man de Feijóo cando o agora líder estatal do PP acadou a presidencia da Xunta en 2009.
Foi un dos seus principais asesores persoais ata que en 2012 lle deu a consellería de Economía e en 2020, a vicepresidencia segunda económica, que pasou a ser vicepresidencia primeira hai un ano con Rueda. Neste tempo, Feijóo converteuno en protagonista dalgunhas das súas principais apostas políticas na materia, dende os malogrados acordos coa petroleira mexicana Pemex á política eólica ou, máis recentemente, a xestión dos fondos europeos de recuperación. Rueda continuou na mesma liña.
Comunicado dende Madrid
A noticia da marcha de Conde a Madrid non a deu este luns o presidente Rueda na súa dupla condición de titular do Goberno galego e de presidente do PP en Galicia. Foi feita pública pola dirección estatal de Feijóo, a través dun comunicado aos medios co que divulgou os nomes que encabezarán as listas populares ao Congreso en todas as provincias.
Na Coruña a lista do PP ás xerais será encabezada por Miguel Tellado, en Pontevedra por Ana Pastor e en Ourense por Ana Vázquez
Aínda que o propio Feijóo e o seu círculo máis próximo, como adoita, controlaron o proceso de elección das persoas que encabezan as listas, a nota divulgada polo PP para confirmalas atribúe "o criterio" empregado para seleccionalas a "o Comité Electoral, que preside Diego Calvo". Isto é, o PP estatal de Feijóo traslada a idea de que o vicepresidente segundo da Xunta, Calvo, que hai un ano forzou a súa incorporación ao Goberno de Rueda, foi o responsable de deixar agora ese executivo sen o seu vicepresidente primeiro, Conde, o que podería supoñer un ascenso para o propio Calvo.
Ademais de Conde en Lugo, na provincia da Coruña a lista será encabezada por Miguel Tellado, que marchou hai un ano con Feijóo a Madrid como vicesecretario de organización do PP tras ser previamente secretario xeral do PPdeG. Neste tempo, como Feijóo, Tellado veu ocupando un escano no Senado en representación do Parlamento de Galicia.
En Pontevedra a cabeza de lista será a ex-ministra Ana Pastor, que nos últimos comicios xerais acompañara a Pablo Casado na lista por Madrid. E en Ourense a encargada de encabezar será Ana Belén Vázquez, portavoz ata agora en materia de Interior no Congreso.