A convocatoria das eleccións xerais para o vindeiro 23 de xullo implicou a disolución do Congreso e do Senado, Cámaras nas que só quedan operativas cadansúas Mesas -órgano reitor da institución- e Deputacións Permanentes, que substitúen as competencias dos plenos en períodos inhábiles.
Un dos membros titulares da Deputación Permanente do Senado é o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo, membro da Cámara Alta dende o 25 de maio de 2022. Vinte e catro horas fora elixido senador en representación do Parlamento de Galicia, apenas dúas semanas despois de deixar de ser oficialmente presidente da Xunta.
Con esta operación, o líder estatal do PP obtivo un escano en Madrid dende o que confrontar co presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. A dirección do PP galego, non obstante, mantivo que no seu novo posto o ex-presidente ía continuar "representando a Galicia". "Quen mellor para defender o territorio galego que aquel que foi presidente de Galicia durante 13 anos?", preguntárase a 'número dous' de Rueda, Paula Prado, secretaria xeral dos populares galegos.
O PPdeG mantivo que o ex-presidente ía continuar "representando a Galicia" e "defendendo o territorio galego" como senador, se ben nestes doce meses a media decena de iniciativas que formulou foron outras tantas preguntas a Pedro Sánchez sen ligazón galega ningunha
Un ano despois, Feijóo está a piques de pechar a súa etapa como senador. Tras as eleccións xerais de xullo obterá un escano no Congreso dos Deputados -previsiblemente, por Madrid- e o Parlamento, como marca o Estatuto, elixirá a súa nova representación no Senado (o PP nomeará dúas persoas e o BNG, unha). O balance da súa actividade parlamentaria nestes doce meses acredita que empregou o escano para a finalidade buscada, confrontar con Sánchez, pero non para a declarada de representar a Galicia.
Entre o 25 de maio de 2022 e o 30 de maio de 2023, cando quedou disolta a Cámara Alta pola convocatoria electoral, Feijóo tramitou unicamente cinco iniciativas. Foron cinco preguntas a Pedro Sánchez noutras tantas sesións de control e ningunha delas versou sobre Galicia. Tres delas rexistrounas en 2022 e con elas cuestionou a Sánchez sobre se "considera que o seu Executivo está á altura das necesidades das familias españolas", sobre "se vai seguir reformando o Código Penal para favorecer a membros do seu partido e aos seus socios de Goberno" e a respecto de "cal será a súa próxima promesa incumprida".
Xa en 2023, Feijóo rexistrou outras dúas preguntas, nas que pediu ao líder socialista "se cre que España merece un goberno en crise permanente" e, por último, se "considera que os españois merecen que lles digan a verdade". Alén destas preguntas rexistradas no seu nome, interveu no debate sobre os Orzamentos Xerais do Estado para 2023 e representou o Grupo Popular nas respostas a catro comparecencias de Sánchez en setembro e outubro de 2022 e xaneiro e abril de 2023.
Tellado, que foi designado senador canda Feijóo tras incorporarse á dirección estatal do PP, asinou 146 iniciativas, todas elas preguntas ao Goberno, boa parte sobre Galicia
O discretísimo balance do senador Feijóo contrasta co do outro representante do Parlamento galego nomeado canda el, Miguel Tellado, antigo secretario xeral do PPdeG e actual vicesecretario de organización estatal do PP, quen marchou de Galicia co ex-presidente para incorporarse á dirección central do partido. No seu caso, o balance é de 146 iniciativas (138 preguntas escritas e seis orais e mais unha interpelación) nas que boa parte delas si se referiron a Galicia.
O terceiro senador en representación do Parlamento que vén de cesar nas súas funcións pola convocatoria das xerais é o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, que se incorporou á Cámara Alta tras as eleccións xerais de 2019. Nestes catro anos rexistrou 158 preguntas, boa parte delas sobre Galicia, foi relator na tramitación dunha ducia de leis e interveu en case 80 debates.