O 2 de abril de 2022 Feijóo fíxose co partido co 98% dos votos nun congreso sen rivais, e persoas da súa confianza, coas que durante década e media moldeou a Xunta e outras institucións galegas ao seu gusto, comezaron a marchar con el física ou mentalmente
O 2 de abril do pasado ano Alberto Núñez Feijóo foi aclamado presidente estatal do PP nun congreso extraordinario celebrado en Sevilla no que non tivo contrincante e no que recibiu o 98% dos votos. Remataban así case dous meses de “incendio” no PP, como el mesmo cualificou a loita interna entre a presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso e o seu predecesor, Pablo Casado, na que o galego se puxo do lado da primeira.
Pero hai agora un ano, con Feijóo xa centrado na axenda estatal máis dun mes antes de dimitir como presidente o 29 de abril, comezaba tamén un progresivo descabezamento non só da súa Xunta senón tamén doutras institucións galegas moldeadas por el na última década e media con homes e mulleres da súa confianza que emprenderon tamén viaxe a Madrid ou que desde aquela xa non están centrados en exclusiva en Galicia senón tamén en tentar que o popular sexa presidente do Goberno de España.
Empezando polo Goberno galego, e máis alá do feito histórico da primeira dimisión dun presidente galego, con Feijóo marcharon a Madrid a xefa de gabinete da Presidencia da Xunta, Marta Varela, agora xefa de gabinete do presidente do PP estatal. A secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez, a persoa de maior confianza para Feijóo na súa carreira política desde hai máis de dúas décadas, é agora responsable da área de Proxección e Imaxe do PP.
O secretario xeral da Presidencia da Xunta, Álvaro Pérez López, pasou a ser coordinador dos grupos parlamentarios do PP no Congreso e o Senado. E o director xeral de Comunicación, Marcos Gómez Román, ten agora un posto na comunicación do partido. Mesmo a secretaria persoal que tiña Feijóo como presidente da Xunta deixou ese posto por outro semellante no partido.
A marcha de Feijóo non só descabezou numerosos cargos da Xunta senón tamén de empresas públicas, e a maioría dos conselleiros pasaron a ter tamén responsabilidades no PP estatal malia que Rueda quería centralos só no Goberno galego
Pero estas persoas non só deixaron eses cargos que tiñan na Xunta, senón que tamén ocupaban vogalías designadas polo propio Feijóo en diversos consellos de administración de empresas públicas galegas (Sogama, Xacobeo, Retegal, Galicia Calidade, etc.) que tamén acabaron véndose afectadas.
Nas consellerías non houbo aparentemente tanto cambio, pero os seus titulares, aos que Rueda non quixo dar cargos relevantes no seu novo PPdeG para que supostamente centrasen o seu traballo na Xunta, acabaron tamén con cargos no PP de Feijóo. Así ocorre con 7 dos 11 conselleiros, que pasaron a formar parte da directiva estatal do partido, ao igual que outros dous altos cargos do Goberno galego.
Estas mudanzas obrigaron o seu sucesor, Alfonso Rueda, a configurar novos equipos que case un ano despois aínda seguen sen amosar non xa o nivel de estratexia política dos seus antecesores senón mesmo a coordinación que os populares gustan atribuír a gobernos dunha soa cor política fronte ás coalicións de varias formacións.
Feijóo mesmo promove para o Tribunal Constitucional o ata agora presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado
Pero as mudanzas non quedaron na Xunta e as súas empresas públicas, nin sequera no PPdeG descabezado ao mesmo tempo coa marcha con Feijóo do seu secretario xeral, Miguel Tellado, agora vicesecretario do PP. Outras persoas de confianza empregadas por Feijóo para controlar postos clave do sistema institucional galego tamén marcharon con el.
Do Consello de Administración da CRTVG, clave no control dos contidos da mesma máis alá das atribucións formais, marchou Luis de la Matta, antes xefe de prensa do PPdeG e agora do PP estatal. E agora Feijóo mesmo quere que o presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado, á fronte do órgano que avala xuridicamente as principais decisións da Xunta, sexa novo maxistrado do Tribunal Constitucional.