O 16 de febreiro de 2022 estouraba a crise coa que Ayuso tombaba a Casado para que os baróns desen o partido a un Feijóo que neste tempo vén replicando no Estado as mesmas estratexias que o levaron en 2009 a San Caetano
Hai agora un ano, na tardiña do 16 de febreiro de 2022, elconfidencial.com publicou que persoas próximas á dirección estatal do PP contactaron con detectives para investigar unha adxudicación de 1,5 millóns de euros da Comunidad de Madrid presidida por Isabel Díaz Ayuso a un empresario amigo do irmán da presidenta, supostamente implicado co cobro dunha comisión. Apenas media hora máis tarde o partido desmentíao oficialmente, o que contribuía a darlle máis visibilidade a unha cuestión que ao día seguinte abriu as portadas dos principais xornais estatais e levou a Alberto Núñez Feijóo a pronunciarse desde o atril de presidente da Xunta.
“Se hai problemas débense resolver de forma intelixente, non provocando ningún incendio”, dixo Feijóo aquel día, para nas xornadas seguintes alimentar el mesmo ese incendio con declaracións que acabaron supoñendo a caída en só oito días do daquela presidente do PP, Pablo Casado, e a entrega ao galego do control do partido por parte dos baróns territoriais. Unha crise do PP que supuxo a primeira dimisión dun presidente da Xunta de Galicia en toda a historia da autonomía, o 29 de abril, e o traslado a nivel estatal das mesmas estratexias que en 2009 levaron a Feijóo á presidencia do Goberno galego.
Tras o anuncio oficial por parte do PP o 24 de febreiro de que habería un Congreso extraordinario e Casado non concorrería á reelección, Feijóo aínda se faría de rogar buscando unha elección por aclamación que non lograra en 2018. Daquela, cando tras a caída de Rajoy renunciou a competir con Casado, Soraya Sáenz de Santamaría e María Dolores de Cospedal, argumentou que non o facía porque "sen completar o meu compromiso" dunha lexislatura da que apenas transcorreran dous anos, "non podo fallar aos galegos". Desta volta deu en marchar cando apenas pasara ano e medio dende a que foi a súa derradeira toma de posesión como presidente da Xunta.
Foi o 2 de marzo cando Feijóo anunciou no pavillón Fontes do Sar, en Santiago, que sería presidente do PP estatal renunciando así á presidencia da Xunta “porque a Galicia non lle é indiferente España”. Iniciou naquel momento unha xira de mitins por todo o Estado na que a Xunta deixou de ser a prioridade da súa axenda e que culminou coa súa elección co 98% dos votos dos compromisarios nun Congreso do PP celebrado en Sevilla o 2 de abril no que non tivo contrincantes.
Pero Feijóo aínda tardaría un mes máis en dimitir como presidente da Xunta, momento histórico que chegaría o venres 29 de abril de 2022 ás 11.00 horas da mañá, momento exacto en que entregou a súa renuncia ao presidente do Parlamento de Galicia. Polo medio, o PPdeG somerxeuse nun debate interno non tanto pola elección do seu sucesor á fronte da Xunta e do partido, Alfonso Rueda, o mellor colocado desde había anos, como polo peso que gañarían os baróns provinciais coa marcha de Feijóo. Un debate que acabou decantando novamente un Baltar.
Tras un discurso de investidura continuísta, Rueda acabaría xurando o cargo de presidente do Goberno galego o 14 de maio, e asumindo como presidente do PPdeG unha semana máis tarde. Pero a súa Xunta non quedou configurada ata máis de tres meses despois do comezo do “incendio” do PP no que Feijóo non quería perder moito tempo.
Feijóo, agora senador, perdeu a "condición política de galego", levou consigo a Madrid o núcleo máis próximo de asesores que tiña na Xunta e inzou os órganos directivos do PP estatal de galegos, incluíndo os conselleiros que non os asumiron no PPdeG con Rueda
Pola súa banda, o novo presidente do PP estatal decidiu desembarcar en Madrid cun escano no Senado que, como mal menor por non ser deputado no Congreso, lle permitise confrontar cada certo tempo con Pedro Sánchez. Un escano que obtivo por designación do Parlamento de Galicia malia censarse en Madrid, o que implicou perder a súa "condición política de galego", segundo o que establece o Estatuto de Autonomía. E un escano desde o que neste tempo apenas formulou iniciativas, ningunha delas sobre Galicia e ningunha que non tivese que ver con interpelar o presidente do Goberno de España.
Ao tempo, Feijóo levou ao PP estatal non só ao seu núcleo máis próximo de asesores na Presidencia da Xunta e mesmo desde os seus tempos de conselleiro de Fraga. Tamén todos os órganos directivos do partido están cheos de cargos galegos, entre eles 7 dos 11 conselleiros que herdou Rueda, aos que o actual presidente non quixo dar postos no PPdeG para, supostamente, centralos no seu traballo na Xunta.
A Madrid co núcleo duro e o seu manual de asedio
Pero Feijóo non só levou consigo o núcleo duro de asesores e dirixentes galegos e galegas dende San Caetano e a compostelá rúa de Miguel Ferro Caaveiro ata a madrileña rúa de Génova. Xunto co equipo de confianza encabezado por Mar Sánchez Sierra, ex-secretaria xeral de Medios, tamén viaxou o manual de asedio que o equipo de Feijóo estreou en Galicia fronte ao Goberno de coalición de PSdeG e BNG (2005-2009) e tamén contra estas mesmas forzas políticas nos seus primeiros anos como presidente.
Así, por exemplo, non pasaran nin tres meses dende a súa chegada ao liderado popular cando Feijóo esixiu a Pedro Sánchez que destituíse a ministra de Igualdade, Irene Montero, por realizar unha viaxe oficial aos Estados Unidos, que descualificou como "turismo en Nova York" de "unha ministra e as súas amigas". Na reclamación ecoaban as súas esixencias ao presidente socialista Emilio Pérez Touriño sobre o vicepresidente do BNG, Anxo Quintana, ou outros cargos aos que os populares galegos caricaturizaran en Galicia como amantes do luxo e do desbalde de fondos públicos.
Campañas contra o que denomina "gasto político" ou cuestionamentos da lexitimidade de Sánchez para ser presidente, ao xeito dos empregados contra Touriño véñense reproducindo nun contexto no que Feijóo e o seu equipo, igual que hai década e media en Galicia, presentan a situación política e social do Estado como de máxima emerxencia. Onde antes había "imposición" da lingua galega ou desbalde inxustificable de recursos públicos agora advírtese da "maior crise institucional da historia democrática", un "aquelarre" dun "Goberno en chamas" sometido a "populismo e independentismo".
Como en Galicia, o equipo de Feijóo cuestiona a lexitimidade do presidente, advirte de supostos desbaldes fondos públicos e dunha situación política e social de extrema gravidade. Antes, dende "o partido que máis se parece a Galicia". Agora, dende "o partido máis parecido a España"
Elementos reais como as reducións de condenas ratificadas por algúns tribunais en aplicación da nova lei de liberdade sexual ou as disparidades de criterio neste e nalgúns outros asuntos entre membros do Goberno de España serven os conservadores para despregar unha estratexia que tamén sae á rúa do mesmo xeito en que o fixo en Galicia. Se en vésperas das eleccións galegas de 2009 o PPdeG secundou a manifestación convocada pola asociación denominada Galicia Bilingüe na que se presentaba o país como unha "ditadura" lingüística por culpa de PSdeG e BNG, agora acoden á protesta impulsada polo Foro Libertad y Alternativa que descualificou a Pedro Sánchez como "ditador e golpista".
En ningunha das dúas protestas estivo presente Feijóo, senón que a ambas foron enviados os correspondentes homes de confianza do líder no aparello do partido. En 2009 o encargado de encabezar a comitiva popular na protesta fora o actual presidente Rueda, na altura secretario xeral e xefe de campaña do PPdeG. O pasado xaneiro en Madrid a encomenda foi para Miguel Tellado, vicesecretario de organización do PP e, como Feijóo, tamén senador por designación do Parlamento.
Exactamente igual que en 2009, inmediatamente despois do seu apoio á protesta ultra, os populares volveron poñer en primeiro plano ao seu líder con fasquía institucional e presidenciable. En Galicia fixérano na lonxa do Hostal dos Reis Católicos, coa residencia oficial de Monte Pío ao fondo, para asinar o que denominaran "contrato con Galicia', un decálogo de promesas agora reciclado como "contrato co país", rubricado o pasado xaneiro no oratorio de San Felipe Neri, en Cádiz, onde fora proclamada a constitución española de 1812.
Pasou un ano do incendio que Feijóo creu estar en disposición de apagar aínda que iso supuxese abandonar a Xunta e tamén o PPdeG, autodenominado na súa etapa como "o partido que máis se parece a Galicia". Agora, afirma, o PP é "o partido máis parecido a España".