Feijóo erixe a Aznar en "exemplo" vinte anos despois de que o inserise na Xunta de Fraga tras o Prestige

Feijóo, con Aznar e Rajoy e cargos do PP valenciano, este 5 de febreiro de 2023 © Tarekmj / PP

Hai agora vinte anos, Alberto Núñez Feijóo levaba menos dun mes exercendo como conselleiro de Política Territorial. Fora nomeado para o cargo en substitución de Xosé Cuíña, quen fora defenestrado en plena crise política pola xestión da catástrofe do Prestige, na que estouraran de vez as tensións internas do PP de Galicia.

Hai agora dúas décadas, Aznar viña de inserir a Feijóo na Xunta como remuda de Cuíña. Tras culminar a operación, equiparara aos críticos coa súa xestión do Prestige con cans que "ladran o seu rancor polas esquinas"

Aquela partida gañáraa con claridade a dirección estatal do partido, na altura encabezada por José María Aznar, aínda presidente do Goberno de España, e mais por Mariano Rajoy, que menos dun ano despois sería designado como sucesor. Entre as consecuencias daquela vitoria interna estivera a caída de Cuíña e a inserción na Xunta do fillo político de José Manuel Romay Beccaría, Feijóo, antigo xerente do Sergas (1993-1996) que levaba mais de media década como alto cargo do Goberno de Aznar, primeiro como presidente do desaparecido Insalud (1996-2000) e despois, como presidente de Correos ás ordes de Francisco Álvarez-Cascos. Tras culminar a operación, Aznar clamara en Santiago contra os críticos coa súa xestión dos gobernos do PP na catástrofe, aos que equiparara con cans que "ladran o seu rancor polas esquinas".

Aznar equipara con cans que "ladran o seu rancor polas esquinas" aos críticos coa xestión dos gobernos do PP na crise do Prestige, en xaneiro de 2003 en Santiago

Aquel PP, o das maiorías absolutas esmagadoras, pero tamén o do caso Gürtel, o da xestión errática da catástrofe do Prestige ou o que hai agora tamén dúas décadas secundaba a George Bush Jr. para invadir Iraq foi invocado a pasada fin de semana por Feijóo. Agora na condición de líder estatal do seu partido, o ex-presidente subiu a Aznar e mais a Rajoy a un acto da precampaña municipal popular celebrado en València, evento que como todos os desenvolvidos nos últimos tempos polos conservadores se desenvolveu tamén en clave de comicios xerais aínda que estes non estean aínda nin convocados. Á convención non foi convidado Pablo Casado.

O ex-presidente xunta a Aznar e Rajoy e sinálaos coma o "mellor exemplo de que España pode contar co PP". Quen lideraba o partido e o Goberno de España en tempos do Prestige teoriza que o PSOE "non se presenta" ás eleccións municipais porque en realidade é unha "coalición negativa de populistas de extrema esquerda, de secesionistas"

Vinte anos despois do Prestige, da aprobación do Plan Galicia e de que o propio Aznar acudise a Galicia a rifar a quen ousaba protestar na súa contra "ladrando o seu rancor polas esquinas", Feijóo gábase de dar xuntado aos enfrontados Aznar e Rajoy no mesmo escenario e erixe o antigo líder á categoría de "exemplo". Ambos, di, son "exemplo de unidade e de ilusión", o "mellor exemplo de que España pode contar co PP", afirmou no marco da enésima reciclaxe das ideas forzas que xa utilizara en Galicia: "Somos o partido máis parecido a España", dixo nunha nova versión do consabido "partido que máis se parece a Galicia", historicamente utilizado polo PPdeG.

Aznar, pola súa banda, reclamou "apoio sen fisuras e sen reservas a Alberto Núñez Feijóo". Fíxoo nunha intervención na que reafirmou o seu diagnóstico de emerxencia xeral sobre a situación política española, a respecto da cal teorizou que ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio -tamén autonómicas en varios territorios- o PSOE "non se presenta" porque "o que se presenta baixo a aparencia do Partido Socialista" é "a coalición negativa de populistas de extrema esquerda, de secesionistas" que  "queren romper a nación e a Constitución". Neste contexto, defende que un eventual novo Goberno do PP suporía "recuperar a normalidade" e "devolver España á maioría dos españois que non están na deslealdade ao seu país".

Rajoy, Rueda e Feijóo, este pasado domingo en València, nunha imaxe divulgada polo PPdeG CC-BY-SA PPdeG

Nos actos da pasada fin de semana en València participou tamén o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda. Alí, pouco despois de que a súa secretaria xeral e directora de campaña das municipais, Paula Prado, equiparase a Pedro Sánchez cunha enfermidade, apostou pola confrontación directa co presidente do Goberno de España e afirmou que as candidatas e candidatos do PSdeG ás municipais van "ocultar, en moitos casos, as siglas" porque "cada voto ao PSOE nas municipais en Galicia é un voto a Sánchez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.