Nos anos 90 do século pasado foron múltiples as ocasións nas que o PP de Galicia reprochou de xeito agre a Xosé Manuel Beiras, na altura líder do BNG, que se referise ao daquela presidente da Xunta como "peste Fraga", o que o veterano nacionalista sempre encadrara nunha referencia literaria á A Peste de Albert Camus. Case tres décadas despois, e sen alusións literarias polo medio, o PPdeG vén de equiparar cunha enfermidade ao presidente do Goberno de España e líder do PSOE, Pedro Sánchez, para pedir á cidadanía que non vote ao PSdeG nas eleccións municipais do 28 de maio.
A 'número dous' dos populares galegos presenta os comicios do 28M como unha loita contra a "síndrome de Sánchez" e os votos ao PP como unha vacina para evitala
É sabido que o vindeiro 28M o PPdeG dá por descontado un ascenso en votos e edís. En boa medida, porque considera coma o seu chan electoral os malos resultados de 2019, comicios dende os cales a maior parte da poboación galega vive nun concello con alcalde ou alcaldesa socialista, xa sexa en gobernos en solitario ou en coalición co BNG e outras forzas. Con este pano de fondo, os conservadores desligan a cita municipal da dinámica dos concellos para presentala, en clave estatal, como unha loita contra a que denominan como "síndrome de Sánchez".
Ese marco descualificativo lanzouno este 3 de febreiro a número dous de Alfonso Rueda no PP galego, a secretaria xeral, Paula Prado. Segundo a súa argumentación, a "síndrome de Sánchez" é "unha síndrome que se infiltra polos territorios e provoca que a marca PSOE sexa unha marca da que todos escapan". "A síndrome de Sánchez leva tempo estendéndose por Galicia e aínda se fixo máis perigosa nos últimos meses, sumando crise tras crise", di, en referencia ás recentes dimisións de senllos edís nos gobernos locais de Santiago e Ferrol ou ao expediente a un membro do Grupo Parlamentario Socialista.
Neste contexto, Prado dá en afirmar que "Pedro Sánchez se presenta nos 313 concellos" de Galicia o 28M coa forma desa "síndrome". Pero, repón, "afortunadamente, os galegos e galegas teñen unha forma de ser inmunes a esa síndrome, que é votando ao PP" por ser a "única opción que achega estabilidade, solvencia e seriedade á política galega". Na banda contraria, asegura, está un PSdeG ao que descualifica como "La casa de los líos", en referencia a unha serie de Antena 3 Televisión protagonizada polo actor Arturo Fernández hai máis de dúas décadas.
Foco socialista na sanidade pública
Estas afirmacións da secretaria xeral do PP en Galicia chegan apenas vinte e catro horas despois de que o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, volvese poñer o foco do partido no apoio á manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para o vindeiro 12 de febreiro. Cómpre, di Formoso, intensificar "a mobilización social para ter un sistema sanitario de primeira división e non unha de rexional preferente".
O secretario xeral do PSdeG chama a intensificar a "mobilización social" a prol da sanidade pública
Para o líder dos socialistas galegos, o "colapso da Atención Primaria, con entre 5 e 25 días para ver o médico de cabeceira" ou "as salas de Urxencias convertidas nunha planta máis dos hospitais, ao haber pacientes agardando ata 48 ou 72 horas por unha cama" son só mostras dun "escenario perigoso que temos que denunciar", igual que a "intolerable situación de que un pai ou unha nai teña que levar o fillo ao pediatra e ás veces, non estea ou non exista". Este, di Formoso, é "o legado de Feijóo en Galicia: a vampirización da sanidade pública a prol da privada", o que "se traduce nun deterioro da atención médica" para a poboación xeral.
Nesta liña e tamén en clave municipal, este venres a alcaldesa de Lugo e vicesecretaria xeral do PSdeG, Lara Méndez, ratificaba tamén este venres que estará presente na manifestación do día 12 e avanzaba que o Grupo Municipal Socialista promoverá no vindeiro pleno unha iniciativa para apoiar a iniciativa lexislativa popular de SOS Sanidade Pública pola mellora da atención primaria. "A sociedade galega leva asistindo e sufrindo, especialmente nos últimos anos, unha situación de colapso da Atención Primaria, froito de políticas privatizadoras que propician o desmatelamento dos servizos públicos en detrimento da atención da cidadanía e en beneficio de intereses empresariais", afirma Méndez.