Madrid, 19 de xaneiro de 2003. O Partido Popular celebra en Madrid unha convención centrada en preparar as eleccións municipais previstas para o 25 de maio dese ano. Un dos oradores da xornada é Manuel Fraga, presidente da Xunta e do PPdeG. "Galicia, máis que nunca!", exclama para comezar o seu discurso, marcado por longas pausas entre as frases pronunciadas con voz "veterana, pero non cansa", advirte aos presentes entre mostras de obvio cansazo. O lema propuxérao un cargo local do partido para contrarrestar o "Nunca Máis".
Apenas vinte e catro horas antes, o patrón da dereita española viña de culminar unha ampla remodelación de Goberno na Xunta. Oficialmente, inspirada polos "principios de continuidade e reforma" e para dar saída a dúas conselleiras, Corina Porro e Manuela López Besteiro, que ían ser candidatas ás alcaldías de Vigo e Lugo. Realmente, profundamente motivada pola crise que a xestión da catástrofe do Prestige provocara no seu Executivo e no propio partido nuns días que, a medio prazo, acabaron significando o principio da fin do fraguismo.
Na véspera daquel discurso, no que Fraga ofrecera a súa "lealdade acrisolada" e "gratitude infinita" ao "Partido Popular das Españas" polo apoio tras o naufraxio do petroleiro, un dos novos conselleiros nomeados fora Alberto Núñez Feijóo como titular de Política Territorial en substitución de Xosé Cuíña, que dimitira dous días antes. Feijóo era na altura presidente de Correos ás ordes directas do ministro de Fomento Francisco Álvarez-Cascos, un dos protagonistas da controvertida xestión do Prestige. Xa fora alto cargo da Xunta a principios dos 90 da man do seu mentor político, José Manuel Romay Beccaría, con quen fora xerente do Sergas ata marchar ao Goberno de Aznar en 1996.
A xestión da catástrofe do Prestige desencadeou unha profunda crise na Xunta de Fraga que derivou na defenestración de Xosé Cuíña e no desembarco de Feijóo como home forte do gusto da dirección central daquela comandada por Aznar e Rajoy
O desembarco de Feijóo no Consello da Xunta era a mostra palpable que a dirección central de Aznar e Mariano Rajoy gañara unha batalla crucial. Pero a guerra no seo dos populares galegos non estaba, nin de lonxe, finalizada.
Apenas vinte e catro horas despois daquel discurso de Fraga en Madrid xa estourara en Galicia a que pasaría á historia política do país como revolta do piso. Cinco deputados do PP de Ourense no Parlamento de Galicia -José Manuel Baltar, Roberto Castro, María José Caldelas, Maximino Rodríguez e Miguel Santalices, este último actual presidente da Cámara- escribiran a Fraga e Aznar para protestar pola perda de "galeguismo" e autonomía do PPdeG e expoñer peticións concretas coma o cesamento de Jesús Palmou, secretario xeral do PPdeG.
Por tras da revolta -que os impulsores seguían dende un piso na capital ourensá que converteran en centro de operacións, sen pechárense nel en sentido estrito- estaba o fondo malestar no sector do PPdeG daquela alcumado como da boina pola caída de Cuíña. Non dubidaban de que dirección central do PP impulsara a operación e sinalaban a Palmou como un dos executores.
Cuíña defendera en todo momento que non cometera ilegalidade ningunha e o seu cesamento motivara a coñecida como 'revolta do piso'
A dimisión do conselleiro chegara despois de que a Cadena SER publicase que, nos primeiros días catástrofe do petroleiro, unha das empresas da familia Cuíña (Gallega de Suministros Industriales) vendera 8.520 traxes de augas e 3.000 pas para a recollida do chapapote a outra compañía, Peycar, especializada en vestiario laboral e de seguridade, da que era provedora habitual e que á súa vez fornecía á semipublica Tragsa, que achegaba á Xunta o material de limpeza nunhas semanas nas que era escaso. Xa no momento de dimitir, Cuíña defendera que a empresa non cometera "ilegalidade nin iregularidade ningunha" e brindárase a ser investigado polo Parlamento, ademais de divulgar un informe no que dous catedráticos e un profesor de Dereito Administrativo (Alfredo Gallego, Ángel Menéndez e Francisco Javier Jiménez) vían certificada a "legalidade" dunha venda que, subliñaban, fora a prezo de custo, sen beneficios.
Unha vez remodelada a Xunta, Aznar despregou un duro discurso en Santiago contra quen ousase cuestionar as súas decisións sobre o Prestige, reducíndoos a cans "ladrando o seu rancor polas esquinas"
Nin a venda de traxes e pas nin a doazón de contedores para recoller chapapote que realizara outra empresa dos Cuíña (valorados en 36.000 euros, segundo Fraga, e en 50.000, segundo outras fontes) chegaran nunca aos tribunais de xustiza. Pero aquel episodio foi clave para afastar da primeira liña a un dirixente que era visto con profunda hostilidade dende a madrileña rúa de Génova. Máis aínda cando, á fronte do gabinete de crise formado pola Xunta para abordar o Prestige, discrepara abertamente da liña de Aznar e Rajoy e mesmo apostara por que o PPdeG secundase a que acabou sendo histórica primeira manifestación da plataforma Nunca Máis, o 1 de decembro de 2002.
En troques, a cúpula de Génova si daba a súa bendición a Feijóo, quen apenas un ano despois ascendería a vicepresidente primeiro da Xunta mentres lle correspondía unha parte relevante da venda política do Plan Galicia, o programa de investimentos co que prometían compensar os efectos da catástrofe. O 26 de xaneiro de 2003, cando os novos conselleiros da Xunta xa estaban nos seus postos, así o fixo ver o propio Aznar no transcurso doutra convención para preparar as municipais, neste caso organizada polo PPdeG en Santiago. Alí o daquela tamén presidente do Goberno de España despregara un durísimo discurso contra quen ousase cuestionar as decisións do seu gabinete sobre o Prestige. Reduciunos a cans "ladrando o seu rancor polas esquinas" mentres os populares, asegurou, ían "levantar Galicia".
Sinais de alerta electoral ata perder a Xunta
Con todo este pano de fondo chegaron as eleccións municipais de 2003. Os grandes titulares falaran naqueles días de resistencia do PP en Galicia e mesmo de que o Prestige non lles pasara ningunha factura nas urnas, sinalaban entre exemplos coma o mantemento da maioría absoluta popular en Muxía, a súa consecución en Fisterra ou o logro das alcaldías de Ferrol e Vigo (esta última tras a ruptura entre PSdeG e BNG)
Os grandes titulares tras as municipais de 2003 apuntaban a que o Prestige non pasara factura ningunha ao PPdeG. Pero os resultados traían consigo sinais preocupantes para a dereita que medrarían máis nas xerais de 2004 e máis aínda nas galegas de 2005, nas que perderon a Xunta
Todo isto era certo. Pero non o era menos que, no conxunto de Galicia, o PP perdera uns catro puntos a respecto das anteriores eleccións municipais, as de 1999, que lograra 142 edís menos que daquela mentres o PSdeG sumaba 66 e o BNG, 9, e ambos gañaban votos ata superaren, en conxunto, a suma dos populares. Ademais, os conservadores non lograran recuperar prazas históricas que perderan catro anos antes, caso das alcaldías de Lugo (PSdeG) e Pontevedra (BNG), e quedaran sen o goberno na Deputación da Coruña.
Aquela primeira cita coas urnas tras a catástrofe do Prestige ofrecía para os populares síntomas preocupantes que aínda o serían máis nas xerais de marzo de 2004, cando ao eco das mobilizacións pola xestión do petroleiro se engadiu o das protestas contra a participación española na invasión de Iraq decidida por Aznar e mais o dos atentados do 11M en Madrid. Ao contrario que no total estatal, o PP mantivérase como máis votado, pero perdera máis de sete puntos a respecto das anteriores xerais mentres o PSdeG gañaba 13 impulsado pola candidatura de José Luis Rodríguez Zapatero.
Todo isto sucedía mentres Fraga, á fronte do Goberno que xa vicepresidía Feijóo, seguía dando mostras de enfraquecemento político e físico. Así sucedeu tamén na campaña das cruciais eleccións galegas de 2005, adiantadas a xuño daquel ano seguindo outra volta a preferencia da dirección central do PP, xa liderada por Rajoy.
Neses comicios galegos o PP perdeu máis de sete puntos e, sobre todo, a suma de PSdeG e BNG volveu superar o 50% dos votos, dando lugar ao primeiro Goberno galego da esquerda emanado das urnas, o presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño co nacionalista Anxo Quintana como vicepresidente. A derrota propiciou tamén a sucesión de Fraga á fronte do PPdeG. En xaneiro de 2006, Feijóo conseguía alzarse como novo líder por aclamación nun congreso sen rivais, xa que polo camiño caeran todos os demais aspirantes, entre eles Cuíña.