"O meu nome é Apostolos Mangouras, cidadán grego e en extensión europeo, son o derradeiro capitán do Prestige, barco que desgraciadamente xace no fondo do océano". Cando Apostolos Ioannis Mangouras escribiu estas liñas tiña 68 anos de idade. Nacido en Icaria, illa nun mar con reminiscencias de catástrofe marítima para Galicia, o Exeo, levaba máis corenta anos traballando como mariño e máis de tres décadas capitaneando petroleiros.
O capitán do Prestige foi enviado a prisión preventiva aos catro días do accidente baixo fianza de 3 millóns. Acusábano de delitos contra o medio ambiente e de desobediencia
Estas palabras encabezaban unha carta que Mangouras remitiu á Federación Internacional de Traballadores do Transporte. Escribíraa dende o cárcere de Teixeiro a finais de xaneiro de 2003, cando levaba algo máis en prisión provisional. O encarceramento eludible baixo fianza de 3 millóns de euros ditaminárao un xulgado de instrución da Coruña o 17 de novembro de 2022, catro días despois do inicio do naufraxio e dous días antes de que o Prestige partise e afundise.
Denunciárao ante a Garda Civil a Capitanía Marítima da Coruña e acusábano de delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente e mais de desobediencia. Para encarceralo, o xuíz aludira a posibilidade de que Mangouras entorpecese a investigación ou fuxise, así como a alarma social causada polo accidente, entre outras razóns.
A intención de Mangouras con aquela misiva, que puido ser lida en galego a través da tradución que ofrecera o desaparecido xornal Vieiros, era agradecer as múltiples mostras de apoio que recibira dende o seu encarceramento e mesmo o "alto nivel de humanidade" que, di, percibira nos axentes de policía cos que tivera que tratar. Tamén, facer pública "a miña única queixa", que "é á vez a miña única pregunta": "Se non son un ladrón, nin un asasino, nin un narcotraficante, nin un terrorista", senón "simplemente, un náufrago", "por que estou no cárcere?", preguntábase tras pasar o Nadal entre reixas.
A tese que as autoridades defendían era sinxela: o do Prestige virara en catástrofe porque Mangouras non atendera as ordes nas primeiras horas do sinistro para ser remolcado e axudar a afastar o buque.
Mangouras lograría saír da cadea en febreiro, cando a aseguradora do armador do Prestige dera en abonar a fianza -cuxa imposición foi avalada por axustada maioría no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en 2010, tras un recurso do capitán-. Naqueles días, o impacto da marea negra do petroleiro afundido seguía golpeando a costa galega no medio dunha forte controversia política na que os gobernos da época, con Manuel Fraga en Galicia e José María Aznar no Estado. Ambos gabinetes tentaran concentrar toda a responsabilidade do acontecido no vello mariño en idade de estar xubilado na Unión Europea, pero ao que a empresa Mare Shipping puidera encomendar a singradura en substitución doutro capitán, chamado Kostazos, por estar o Prestige, que Mangouras xa dirixira en varias ocasións, abandeirado nas Bahamas e non en Grecia.
A tese que as autoridades defendían era sinxela. O do Prestige virara en catástrofe porque Mangouras non atendera as ordes que o Estado español lle daba nas primeiras horas do naufraxio para ser remolcado e axudar a afastar o buque. Acusábano de negarse ao remolque e alegar que só atendía ordes do seu xefe nunhas horas nas que, en rigor, estaba agardando a que o armador acabase de negociar os termos económicos coa empresa de salvamento Smit Salvage para contratar os servizos do remolcador Ría de Vigo.
O capitán era o culpable oficial. O único. Vivía tal acusación como "un estigma que me acompañará durante toda a miña vida" por poñer "en tea de xuízo a miña capacidade profesional e sentido da responsabilidade". "Desexo -agregaba- a quen son os responsables da miña situación que nunca teñan a ocasión de sentir a dor, a impotencia e a soidade que eu sufro durante todo este desgraciado proceso".
Mangouras tivo que volver enfrontarse a esas acusacións unha década despois, en 2012, no xuízo pola catástrofe, ao que acudiu mentres planeaba sobre el unha petición de 12 anos de prisión. As autoridades españolas, lamentou na súa declaración, escolleran para o Prestige "o peor rumbo posible", internando o barco danado e maltreito no temporal, condenándoo a "ser un cadaleito flotante e afogarmos". "O Goberno español levou o Prestige a ningures", acrecentara, mentres reiteraba o seu convencemento de que "se fose levado a unha enseada", a un porto refuxio, "non perdería máis carga e salvaríase".
Mangouras acabou sendo condenado a dous anos e nove meses de prisión. Logrou non ter que volver á cadea, pero foi en todo caso a única persoa que pisou o cárcere por mor da catástrofe
Tamén negara o vello capitán outro dos eixos da acusación contra el: a suposta negativa a ser remolcado. Cando o remolcador Ría de Vigo chegou onda o Prestige, explicou, "non me neguei a ser remolcado", senón que pediu poder falar co seu armador para dar o visto e prace, toda vez que unha operación coma esa "custa moitos cartos". "Se me dixesen que me ían dar remolque gratis, diríalles que si", nunha situación que, describira, tamén se demorara porque estaba tentando, ademais, coñecer que era exactamente o que sucedía no buque, "un buraco duns 15 ou 18 metros".
O xuízo na Audiencia da Coruña acabara cunha condena de nove meses de prisión para Mangouras por desobediencia á que o Tribunal Supremo engadira dous anos máis por delito medioambiental tras un recurso da Fiscalía. "Mangouras asumiu non só unha navegación arriscada, senón que creou un grave risco", concluíu o Supremo nun ditame que, como o da Audiencia, eximiu de responsabilidade ao Estado español e ás autoridades que deran as ordes, representadas no xuízo por José Luis López Sors, director xeral da Mariña Mercante no momento do accidente e único cargo político axuizado polo naufraxio do Prestige.
A suspensión da condena por parte da Audiencia coruñesa coa condición de non volver cometer o delito polo que fora condenado e a súa posterior remisión definitiva en 2019 -unha vez transcorridos tres anos, cando o capitán estaba a piques de facer 85- evitou que Mangouras tivese que volver ao cárcere, aínda que estivo baixo control xudicial e policial durante anos. O capitán foi, en calquera caso, a única persoa que tivo que poñer un pé na prisión por mor da catástrofe do Prestige. Transcorridos vinte anos, algúns dos protagonistas políticos daqueles días deron en dalo por falecido en declaracións recentes a programas como Salvados (laSexta), que foi á súa procura a Grecia e comprobou que aínda vive.