Mangouras censura con dureza as decisións do Goberno co Prestige nas primeiras horas da catástrofe

Mangouras declara no xuízo do Prestige Dominio Público Praza Pública

O capitán do Prestige, Apostolos Mangouras, admitiu danos nos tanques de lastre do petroleiro, concretamente "corrosión", dous meses antes da catástrofe e xusto cando el asumiu a substitución no barco do capitán Kostazos, en setembro de 2002. No entanto, descartou que houbese "rotura" e aclarou que el non está capacitado para determinar o nivel de dano dos devanditos taques, polo que asumiu que non coñecía o estado exacto na que se atopaba a embarcación. "Cando tomei o relevo inspeccionei os depósitos de lastre e non observei rotura ningunha; vin corrosión, pero non son técnico e non sei interpretalo", aclarou.

Ademais, Mangouras, que se enfronta a unha petición de 12 anos de cadea por danos contra o medio ambiente e desobediencia, cargou con dureza contra as decisións tomadas polas autoridades españolas nos primeiros momentos da catástrofe durante un interrogatorio que tivo que ser suspendido un tempo ante as bágoas emocionadas do capitán do Prestige ao lembrar o perigo que correu a tripulación nas primeiras horas do sinistro.

Mangouras censurou o rumbo marcado ao barco polo Goberno nas primeiras horas

Así, denunciou que o rumbo marcado polo Goberno español ao Prestige o día 15 de novembro de 2002 foi "o peor posible" porque o levaba "a ser un cadeleito flotante e a afogarnos". "Crin que nos levaban a un porto refuxio, pero iamos cara a fóra en pleno temporal", asegurou incrédulo respecto da xestión da catástrofe naqueles primeiros días, para aclarar despois que foi "tratado como un criminal" logo de ser detido e pasar máis de 80 días na cadea. En canto á polémica sobre a tardanza á hora de aceptar o remolque do Ría de Vigo nas primeiras horas á deriva, Mangouras foi claro: "Se as autoridades españolas dixeran que era gratis o remolque claro que o tería aceptado; nunca me neguei".

Mangouras fixo todas estas declaracións no reinicio do xuízo do Prestige e a preguntas do fiscal Álvaro García Ortiz, que centrou o interrogatorio nas inspeccións realizadas ao buque e no acontecido nas primeiras horas da catástrofe. Ademais, o capitán, que o foi en tres ocasións do petroleiro, aseguraba que el non participaba nas revisións do buque. "Non tiña nada que ver comigo", asegurou ante o fiscal, que procurou demostrar os importantes danos que sufría o barco, aínda que Mangouras insistiu en aclarar que nunca foi alertado de defectos graves

Por outra banda, e respecto dunhas anotacións en varios informes que alertaban de posibles danos en varios tanques meses antes da catástrofe, Mangouras aclara que iso non quere dicir "que estivesen danados", senón que eran revisións habituais e visuais. "Se nós viamos algo non habitual, anotábamos e mandabamos ás oficinas para que tomasen medidas", dixo.

Por outra banda, asegurou descoñecer que o petroleiro tiña prohibido operar en máis dunha decena de portos, entre eles Estados Unidos, Cuba, Líbano, Finlandia ou Dinamarca. "Durante o meu servizo no barco non chegamos a estes países", aclarou. 

En canto ao rumbo cara ao corredor de Fisterra, Mangouras asegurou que a sensación de "descontrol" que lle atribuía o fiscal ao buque non era tal. "Seguiamos o rumbo marcado, igual con algunha desviación debido ao temporal e cunha velocidade lenta", asegurou Mangouras, que atribúe o rumbo correcto e a velocidade maior doutros barcos ás condicións daqueles e non a posibles problemas no Prestige. 

"Houbo ondas xigantes que converteron o barco case nun submarino"

Respecto do momento da primeira chamada de socorro, Mangouras asegura que houbo un momento no que "houbo ondas xigantes, inusuais que convertían o barco case nun submarino", polo que aclara que baixou "a identificar o problema que provocaba o desastre" e que causou "unha escora no buque de entre 25 e 30 graos". Naquel momento, segundo relata, foi o primeiro oficial o que comezou a primeira conversa coas autoridades españoles para comunicar o problema. 

Mangouras rompeu a chorar ao lembrar o risco da tripulación durante o temporal e as noticias que recibían as súas familias

Ademais, aclara que a primeira orde que dá é a evacuación do barco e da súa tripulación porque era a súa "principal preocupación". Mangouras aclara que no momento que o remolcador Ría de Vigo se puxo en contacto con el advertiulle de que "antes tiña que comunicar" a situación porque as súas "familias estaban vendo pola televisión o barco". Nese momento da declaración, o capitán do barco rompeu a chorar debido á emoción, polo que o xuízo foi suspendido durante dez minutos. 

"Nunca dixen que non se dese remolque, pero para que veña o remolcador ten que estar estable o barco e o tempo mellor", dixo Mangouras. "Por que non colabora de maneira inmediata cando se lle dá orde de remolque? Por que non informa da situación do buque?", preguntou o fiscal. "Porque non tiñamos a ninguén para que se comunicara coas autoridades españolas; o armador estaba de acordo para que se remolcase e non había problema ningún", asegurou Mangouras. Ademais, aclarou que el tiña orde do Ría de Vigo pero que pediu un momento para falar co armador porque non tiña autorización do armador porque "iso costa moitos cartos". "Non me neguei a ser remolcado", insistiu. 

O capitán asegura que a tardanza en remolcar o Prestige debeuse a que era imposible facelo coa escora que tiña nos primeiros momentos

"O buque non estaba en risco inminente e non podía asinar calquera documento; non me neguei a facelo porque sabía que era orde das autoridades españolas", aclarou Mangouras, mentres o fiscal aseguraba que era unha orde e que non tiña que asinar. "Non me dixeron que me ían remolcar sen custo ningún; se me dixeran que me ían dar remolque gratis, teríalles dito que si", insistiu. "Eu non tiña ningún problema se me dixeran que non había que pagar nada", volveu dicir, tras aclarar que en canto recibiu a resposta afirmativa dos armadores púxose en contacto con Fisterra para aceptar o remolque, aínda que aclara que non sabe canto tempo pasou. O fiscal advertiulle que as autoridades estiveron hora e media intentando contactar con el, pero Mangouras asegura que foi debido a que non había ninguén na ponte de mando. "Todo o atraso debeuse a que eu estaba intentando averiguar o que ocorría", manifestou.

"Houbo unha rotura exterior moi grande, de entre 15 e 18 metros, que afectaba a dous tanques" 

"Naquel momento aqueles contactos eran moi difíciles", engadiu, tras aclarar que a tardanza en aceptar o remolque (non sería ata as oito da tarde) debíase a que as condicións do buque facían imposible que se remolcase. "Ás oito da tarde non recuperara nada da súa escora", dixo. Ademais, aclarou que malia pensar nun momento na rotura dun mamparo, finalmente acabou comprobando que o problema era unha "rotura exterior moi grande" da que "saía moita auga". "Era un burato duns 15 ou 18 metros" que afectaría a dous tanques. 

"A decisión de permanecer no barco era nosa, para axudar, e non do armador", aclarou tamén Mangouras, que negou que el ou a tripulación cobrase  unha porcentaxe por frete ou carga. "Esa pregunta é ridícula, nós non temos nada que ver con iso", engadiu, logo de asegurar que si pediu a dous mariñeiros do Ría de Vigo que axudasen no buque e que lles dixo que se lles pagaría se así o facían. 

Por outra banda, o capitán Mangouras alegou a súa "idade avanzada", 77 anos, para non contestar a todos os avogados personados na causa pola catástrofe marítima. O seu letrado, José María Ruiz Soroa, sinalou, no inicio da vista oral que o seu cliente só contestaría as preguntas da Fiscalía, da Avogacía do Estado e da defensa. Tamén contestará os letrados das entidades consideradas responsables civís, a aseguradora London Steam-Ship Owners Mutual Insurance Association Limited e o Fondo Internacional de Indemnización de danos pola contaminación de hidrocarburos (Fidac).

O xuízo ten previsto continuar este mércores 14, tamén coa declaración de Apostolos Mangouras, aínda que o presidente do tribunal recoñece que é probable que non se acabe celebrando por mor da convocatoria de folga xeral.

Sala de prensa, durante a declaración de Mangouras Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.