O 23 de febreiro de 2003 centos de milleiros de persoas manifestáronse na capital do Estado convocadas pola Plataforma Nunca Máis para esixirlle responsabilidades politicas ao Goberno pola xestión da catástrofe. Foi a continuación dunha xeira de mobilizacións sociais que xa amosaran o seu carácter masivo e plural en todas as cidades galegas. Pero agora tratábase de levar a protesta até Madrid, para ser mellor escoitados polo Goberno central presidido por José Maria Aznar.
O Goberno falou de cen mil persoas, menos das que se desprazaran esa mesma noite dende Galicia en todos os medios de transporte dispoñibles, e os organizadores afirmaron reunir máis dun millón
O Goberno falou de cen mil persoas, menos das que se desprazaran esa mesma noite dende Galicia en todos os medios de transporte dispoñibles, e os organizadores afirmaron reunir máis dun millón. En calquera caso moita, moita xente, que deixou clara que a mensaxe que repetiu Manuel Rivas na súa intervención final na Porta do Sol: a esixencia de responsabilidades politicas "por actuar tarde e mal", era compartida por unha parte moi importante da sociedade galega. Tamén falaron Miguel de Lira, Víctor Mosqueira, Luis Tosar, Juan Diego Botto, a presidenta da Asociación de Mariscadores de Cabo de Cruz, o patrón maior da Confraría de Pescadores do Grove e mesmo cantou Amaral.
Rivas demandou "un verdadeiro Plan Galicia con plazos determinados e asignación de recursos" a "limpeza completa do litoral e do mar" e que "se poñan en marcha medios de prevención, un verdadeiro protocolo de actuación urxente e plans sectoriais, ademáis de inspeccións rigorosas". Tamén pediu "unha solución definitiva para o barco afundido".